Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 224 Mércores, 19 de novembro de 1997 Páx. 11.142

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 16 de setembro de 1997, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental da solicitude de concesión de explotación derivada do permiso de investigación Oca, número 6904.1.

En cumprimento do disposto no artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación do impacto ambiental para Galicia, faise público o acordo da Comisión Galega de Medio Ambiente, do 29 de xullo de 1997, pola que se formula a declaración de impacto ambiental do proxecto de explotación da concesión mineira Oca, nº 6904.1, situada nos concellos de Carballo e Coristanco (A Coruña), e promovido pola entidade Explotación de Rocas Industriales e Minerales, S.A., que se transcribe como anexo a esta resolución.

A Coruña, 16 de setembro de 1997.

Juan Ignacio Lizaur Otero

Delegado provincial da Coruña

ANEXO

Declaración de impacto ambiental

Examinada a documentación presentada, a Comisión Galega de Medio Ambiente establece pola presente declaración de impacto ambiental as seguintes condicións, ademais das incluídas no estudio de impacto ambiental, de forma que se asegure a minoración dos posibles efectos ambientais negativos, co fin de que a realización do proxecto poida considerarse ambientalmente viable.

A presente declaración refírese, en exclusiva, ás actuacións mineiras de explotación sobre a superficie de 142.958 m definida, dentro das cuadrículas mineiras 1 e 2, no proxecto de referencia.

Para outras zonas ou áreas que se vaian explotar precisaríase unha nova declaración.

1. Protección da atmosfera.

1.1. Dada a proximidade da zona de explotación ós lugares de Oca, Codesido, Picariñas e Monte Celo, adoptaranse as medidas necesarias de forma que nos devanditos lugares se garanta o cumprimento dos niveis de inmisión que, para partículas sedimentables, establece o Decreto 833/1975, do 6 de febreiro.

2. Protección do solo.

2.1. A capa vexetal procedente do recubrimento dos terreos afectados deberá amorearse en montóns de 2 m de altura máxima e támaras suaves, localizados nunha zona cha, a salvo de movementos de maquinaria e dotados de fochancas de garda. Se o seu período de aplicación excede de 1 ano, deberá estabilizarse mediante unha mestura de pratenses.

2.2. Para os cambios de combustible e aceites da maquinaria disporase de bidóns preparados para o efecto e a súa retirada realizaraa un xestor autorizado co que se deberá establece-lo pertinente contrato.

2.3. Non se poderá depositar nin acumular na explotación nin en terreos propios adxacentes ningún tipo de residuos sólidos diferente dos materiais propios procedentes da extracción.

3. Vexetación e paisaxe.

3.1. Dado que a zona de explotación resulta especialmente visible desde a zona de ladeira sita ó oeste, e máis concretamente desde ás poboacións de Picariñas, Codesido e Oca, procederase a implantar unha barreira arbórea ó longo da zona oeste da explotación, desde o comezo da actividade e empregando especies vexetais autóctonas, con exemplares de porte suficiente.

Así mesmo, respectarase sistematicamente todo tipo de vexetación existente nos límites das zonas que se vaian explotar e que sirva como pantalla visual ou acústica ou como barreira contra o po.

4. Protección da fauna.

4.1. O plan de restauración proposto deberá porse en práctica e levarse a cabo, de xeito progresivo, tal e como consta no documento presentado.

A remodelación do ocos creados realizarase de xeito que as pendentes dos noiros finais sexan como máximo de 1,5 (H):1 (V) facilitando o seu futuro uso forestal. A totalidade dos estériles xerados serán empregados na remodelación dos terreos afectados polos labores, non admitíndose en ningún caso a formación de entulleiras permanentes.

5. Documentación adicional.

O promotor da explotación remitiralle á Comisión Galega de Medio Ambiente, a través do órgano substantivo e nos prazos sinalados, a documentación que a continuación se relaciona:

5.1. Nun prazo non superior a tres meses, a partir de serlle notificado o contido da presente declaración: calendario e planificación, coordinadamente cos labores de extracción, dos traballos de restauración.

5.2. Nun prazo non superior a tres meses a partir do comezo dos traballos de explotación: un mapa de ruídos coa actividade en pleno funcionamento que inclúa os núcleos habitados máis próximos.

5.3. Anualmente e ata o remate dos traballos de explotación:

-Resultado das medicións dos niveis de inmisión de partículas sedimentables de acordo co exposto

no punto 1.1. da presente declaración, e medidas correctoras propostas no caso de supera-los devanditos límites.

-Reportaxe fotográfica sobre as medidas correctoras e protectoras levadas a cabo no correspondente ano e planificación da restauración prevista para o vindeiro ano.

6. Condicións adicionais.

6.1. O órgano substantivo fixará un aval para garanti-lo cumprimento do plan de restauración que poderá ser acumulativo se se considera axeitado. Este aval será renovado en función do cumprimento por parte do promotor do plan de restauración e o plan de labores anual.

6.2. As condicións indicadas nesta declaración de impacto ambiental (DIA) son de obrigado cumprimento para o promotor.

Non obstante, a empresa promotora poderalle solicitar ó órgano ambiental a revisión das medidas indicadas nesta declaración co obxecto de modificalas ou cambialas por otras naqueles supostos que tecnoloxicamente presentasen graves deficiencias para a súa implantación ou implicasen modificacións importantes na actividade industrial, e sempre e cando as novas medidas propostas permitan acada-los obxectivos e fins que se indican na presente declaración.

Nesta circunstancia, a empresa promotora solicitarallo á Comisión Galega de Medio Ambiente, achegando documentación técnica que xustifique as novas medidas propostas. Estas solicitudes remitiranse tres meses despois de serlle enviada a presente declaración polo órgano substantivo. Unha vez recibida a solicitude e documentación mencionadas, o órgano ambiental avaliaraas e comunicaralle o acordo adoptado á empresa promotora.

6.3. Se unha vez emitida esta declaración se manifestase algún outro tipo de impacto, severo ou crítico sobre o medio ambiente, o órgano substantivo, por propia iniciativa ou por solicitude da Comisión Galega de Medio Ambiente, poderá suspender cautelarmente a actividade ata determina-las causas que xeran os mencionados impactos e se corrixan estas.

6.4. Do mesmo xeito, o incumprimento total ou parcial por parte do promotor dos labores de restauración previstos serán causa suficiente para que se proceda ó peche cautelar e a adopta-las medidas oportunas en cumprimento da legalidade vixente.

6.5. O presente acordo, adoptado por esta comisión, non exime o promotor de solicitar tódolos permisos necesarios ós organismos competentes para levar a cabo a actividade.

6.6. O promotor queda obrigado a cumprir tódalas disposicións que se dicten con posterioridade, en relación con este tipo de actividades.

Santiago de Compostela, 29 de xullo de 1997. Secretario xeral da Comisión Galega de Medio Ambiente. Asdo. José Luis Aboal García-Tuñón. Visto e prace do presidente da Comisión Galega do Medio Ambiente. Asdo. Dositeo Rodríguez Rodríguez.

7467