Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 223 Martes, 18 de novembro de 1997 Páx. 11.099

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 20 de outubro de 1997 pola que se convocan probas extraordinarias para a obtención do diploma elemental de música correspondente ó plan de estudios que establece o Decreto 2618/1966, do 10 de setembro, nas especialidades de piano, violín e violoncelo.

O artigo 33 do Real decreto 1487/1994, do 1 de xullo, establece que, nos dous anos seguintes ás datas de extinción dos distintos graos do anterior plan de estudios, se convocarán probas extraordinarias para a obtención do diploma elemental e os títulos de profesor e profesor superior das diferentes especialidades, nas condicións que oportunamente se establezan, para aqueles alumnos afectados pola extinción dos plan de estudio regulados polo Decreto 2618/1966, do 10 de setembro.

Tal como se recolle no artigo 30, apartado 3 do dito real decreto, no curso académico 1996-1997 deixou de impartirse o grao elemental das especialidades de piano, violín e violoncelo.

Polo tanto, e co fin de que os alumnos afectados pola extinción do grao elemental de música das especialidades citadas poidan remata-los seus estudios, esta consellería,

DISPÓN:

Primeiro.-Os centros de ensinanzas musicais procederán a convocar catro probas extraordinarias para a obtención do diploma elemental das especialidades de piano, violín e violoncelo que se celebrarán nos seguintes prazos:

-Primeira convocatoria: decembro de 1997.-Segunda convocatoria: febreiro de 1998.-Terceira convocatoria: xuño de 1998.-Cuarta convocatoria: setembro de 1998.

Segundo.-Unha vez superada a proba extraordinaria en calquera das súas convocatorias, poderase obte-lo diploma elemental correspondente. A non concorrencia a calquera das convocatorias non limita o dereito a tomar parte nas restantes.

Terceiro.-Ás ditas probas poderán concorrer unicamente os alumnos que non rematasen os estudios iniciados de grao elemental nas especialidades de piano, violín e violoncelo, reguladas no decreto 2618/1966, do 10 de setembro.

Cuarto.-As probas extraordinarias constarán de tres exercicios:

a) Solfexo e teoría da música.

b) Conxunto coral.

c) Interpretación instrumental.

Os ditos exercicios ateranse ó establecido nos programas de exame vixentes no centro no que teñan lugar as probas. En todo caso, as probas de conxunto coral e de solfexo e teoría da música serán comúns a tódalas especialidades instrumentais.

Quinto.-Aqueles aspirantes que teñan superados tódolos cursos do grao elemental dunha ou de varias materias ás que se refire o apartado anterior, estarán exentos de realiza-lo exercicio ou exercicios correspondentes da proba.

Sexto.-Polo que se refire tanto á constitución do tribunal, como ás cualificacións que se puideran outorgar, procederase conforme o disposto tanto no Decreto 2618/1966, como nas instruccións dictadas na circular 9/1997, da Dirección Xeral de Centros de Inspección Educativa e da Dirección Xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional.

Sétimo.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de outubro de 1997.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

8820