Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 223 Martes, 18 de novembro de 1997 Páx. 11.098

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 20 de outubro de 1997 pola que se regula a matrícula oficial, excepcional e en determinados supostos, nos cursos quinto e sexto de piano das ensinanzas de música, conforme o plan de estudios regulado polo Decreto 2618/1966, do 10 de setembro.

O artigo 27.1º do Real decreto 986/1991, do 14 de xuño, modificado polo Real decreto 535/1993, do 12 de abril e polo Real decreto 1487/1994, do 1 de xullo, establece que a implantación dos cursos primeiro e segundo do primeiro ciclo do grao medio da nova ordenación do sistema educativo terá lugar nos cursos académicos 1995/96 e 1996/97 respectivamente.

Segundo o artigo 11, apartados 7, 11, 12, 15, 16 do Decreto 2618/1966, do 10 de setembro, para obte-las titulacións de profesor ou profesor superior de harmonía, contrapunto e composición; profesor superior de musicoloxía; profesor superior de dirección de coros e profesor superior de pedagoxía musical é necesario ter superados os tres cursos que comprenden o ensino de repentización instrumental, transposición e acompañamento.

Para cursa-la materia de repentización instrumental, transposición e acompañamento, é necesario ter superado o 5º curso de piano segundo establece o artigo 7, apartado E, do Decreto 2618/1966, do 10 de setembro.

Así mesmo, o dito decreto establece no seu artigo 11, apartado 9, que para obte-lo título de profesor superior de canto será preciso ter superado o sexto curso de piano.

Polo tanto, e co obxecto de garantirlles ós alumnos das ditas especialidades a posibilidade de remata-los seus estudios, esta consellería,

DISPÓN:

Primeiro.-A presente orde será de aplicación para os efectos de obte-las titulacións de profesor ou profesor superior de harmonía, contrapunto e composición; profesor superior de musicoloxía; profesor superior de dirección de coros; profesor superior de pedagoxía musical e profesor superior de canto.

Segundo.-Con carácter excepcional, os centros de ensinanzas musicais que impartan o grao medio conforme o Decreto 2618/1966, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, poderán admitir matrícula oficial dos cursos 5º e 6º de piano, os alumnos matriculados nalgunha das especialidades ás que se refire o apartado anterior, ata a extinción definitiva do grao medio establecido no plan de estudios do Decreto 2618/1966, e con independencia das probas extraordinarias que en aplicación do artigo 34 do Real decreto 986/1991, se convoquen para a obtención dos títulos de profesor e profesor superior.

Terceiro.-En ningún caso a matrícula oficial dos cursos 5º e 6º de piano, obxecto da presente orde, dará dereito a continua-los estudios da dita especialidade establecida no Decreto 2618/1966.

Cuarto.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de outubro de 1997.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

6898