Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 223 Martes, 18 de novembro de 1997 Páx. 11.097

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 3 de outubro de 1997 pola que se lle autoriza a impartición das ensinanzas do grao elemental e medio de música, que establece a Lei 1/1990, ó centro privado de ensinanzas musicais Mayeusis, S.L. de Vigo.

A Comunidade Autónoma de Galicia ten recoñecido no artigo 31 do seu Estatuto de autonomía a plena competencia para o regulamento e a administración do ensino en toda a súa extensión, niveis,

graos, modalidades e especialidades. Así mesmo, o artigo 27 do dito estatuto recoñécelle a súa competencia exclusiva en materia de conservatorios de música.

O Real decreto 389/1992, do 15 de abril, determina os requisitos mínimos que deberán reuni-los centros para imparti-las ensinanzas artísticas regradas que establece o capítulo primeiro, título II, da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo.

Segundo o artigo 1 do Decreto 346/1996, do 3 de setembro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, correspóndenlle a esta as competencias e funcións en materia de planificación, regulación e administración do ensino regrado en toda a súa extensión, niveis, graos, modalidades e especialidades.

O Decreto 253/1995, do 29 de setembro, sobre autorización a centros docentes privados para impartir ensinanzas artísticas, dispón que a apertura e funcionamento de centros privados que impartan ensinanzas de música se someterán ó principio de autorización administrativa e que a dita autorización se concederá sempre que os centros reúnan os requisitos mínimos establecidos polo Real decreto 389/1992, do 15 de abril.

Polo Decreto 157/1987, do 24 de xuño, a sociedade Mayeusis, S.L. ten autorizada, coa clasificación de centro recoñecido segundo o Decreto 1987/1964, do 18 de xuño, a impartición das ensinanzas de grao elemental e medio de música reguladas polo Decreto 2618/1966, do 10 de setembro.

Segundo a disposición transitoria terceira do Real decreto 389/1992, do 15 de abril, os centros docentes privados que estean clasificados como centros recoñecidos para a impartición das ensinanzas de música de grao medio de acordo co Decreto 1987/1964, do 18 de xuño, poderán solicitar autorización para imparti-las ensinanzas de grao medio correspondentes á nova ordenación do sistema educativo.

Tendo en conta que, consonte o expediente promovido pola sociedade Mayeusis, S.L. e os informes emitidos polos servicios correspondentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria sobre o cumprimento dos requisitos mínimos que establece o Real decreto 389/1992, do 15 de abril, con data do 23 de abril de 1993, a Dirección Xeral de Ensinanzas Medias autorizou o dito centro para a impartición das ensinanzas de música nos graos elemental e medio,

DISPOÑO:

Primeiro.-Autoriza-lo centro privado de ensinanzas musicais Mayeusis, S.L. de Vigo, para a impartición das ensinanzas de música que establece a Lei orgánica 1/1990, de ordenación xeral do sistema educativo, nos graos elemental e medio segundo os datos que figuran no anexo a esta orde.

Segundo.-En cumprimento do que establece a disposición adicional terceira do Decreto 253/1995, do 29 de setembro, o centro autorizado de ensinanzas musicais Mayeusis, S.L. de Vigo queda adscrito, para efectos administrativos, ó Conservatorio Superior de Música de Vigo.

Terceiro.-De acordo co disposto no artigo 23 da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria procederá á revogación da presente autorización se o centro deixase de reunir calquera dos requisitos mínimos establecidos no Real decreto 389/1992, do 15 de abril.

Cuarto.-Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de outubro de 1997.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria

ANEXO

Titular: sociedade Mayeusis, S.L.

Domicilio: rúa Real, nº 118.

Localidade: 36201 Vigo.

Provincia: Pontevedra.

Denominación específica: centro autorizado de ensinanzas musicais.

Ensinanzas que se autorizan: grao elemental e medio de música.

Nº de postos escolares autorizados: 300 postos escolares.

8697