Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 223 Martes, 18 de novembro de 1997 Páx. 11.097

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E MONTES

ORDE do 4 de novembro de 1997 pola que se determinan os procedementos administrativos que pasan a ser tramitados polo Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia (ILGG).

A reestructuración dos servicios centrais e periféricos da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes e do Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia (ILGG), como consecuencia das modificacións das súas estructuras orgánicas producidas polo Decreto 388/1996, do 31 de outubro, así como a aprobación das relacións de postos de traballo da consellería e do dito organismo por acordo do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 30 de xullo de 1997, determinan a necesidade de que se clarifiquen os procedementos administrativos ata agora xestionados pola Dirección Xeral de Producción Agropecuaria e Industrias Agroalimentarias e servicios periféricos da consellería, que pasan a ser tramitados polos servicios centrais ou provinciais do Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia.

Así mesmo, a dita tramitación obriga ó efectivo traslado dos expedientes administrativos, cos antecedentes e soportes informáticos que así o requiran.

Por iso, en uso das facultades atribuídas nas disposicións adicional cuarta e derradeira primeira do Decreto 128/1996, do 14 de marzo, polo que se desenvolve a Lei 7/1994, de creación do ILGG e se establece a súa estructura orgánica, e derradeira segunda do Decreto 388/1996, do 31 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Tódolos expedientes administrativos referidos a materias da competencia do Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia que se viñan xestionando pola Dirección Xeral de Producción Agropecuaria e Industrias Agroalimentarias e servicios provinciais da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes e que de seguido se relacionan, serán tramitados polos servicios centrais e provinciais do ILGG:

1.1. Primas gandeiras e axudas por superficies derivadas da aplicación da política agrícola común.

1.2. Dereitos de primas gandeiras.

1.3. Medidas e axudas sobre melloras estructurais e modernización das explotacións agrarias.

1.4. Indemnizacións compensatorias en zona desfavorecida.

1.5. Cesamento anticipado na actividade agraria.

1.6. Promoción de novas tecnoloxías en maquinaria e equipos agrarios.

1.7. Mellora e ordenación de superficies incultas ou infrautilizadas.

1.8. Axudas para o fomento de métodos de producción agrícola e gandeira compatibles coa protección do medio ambiente e conservación do espacio natural.

1.9. Xestión das cantidades de referencia de leite e productos lácteos.

1.10. Programas de mellora xenética.

1.11. Programas de mellora da eficacia dos sistemas productivos agrarios.

Artigo 2º

A tramitación dos expedientes polo ILGG incluirá, se é o caso, a autorización, execución e contabilización do pagamento das primas, indemnizacións ou subvencións, así como as actividades de inspección e control do cumprimento dos compromisos adquiridos polos seus beneficiarios.

Artigo 3º

Os expedientes administrativos referidos ás materias sinaladas no artigo 1º, xunto cos antecedentes e soportes informáticos necesarios, trasladaranse fisicamente ás dependencias dos servicios centrais ou provinciais do ILGG.

Disposición adicional

Os servicios da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes continuarán prestándolle-lo apoio e colaboración adecuada ós interesados e ó Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia, nas materias que, de acordo coa presente orde, pasan a ser xestionadas polo dito instituto.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de novembro de 1997.

Tomás Pérez Vidal

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes

8031