Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 222 Luns, 17 de novembro de 1997 Páx. 11.053

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 30 de setembro de 1997 pola que se regula a implantación do ensino do idioma inglés a distancia, programa That's English!, na Comunidade Autónoma de Galicia e se autoriza a súa impartición en determinados centros.

A Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, dedica o seu título II ás ensinanzas de réxime especial e establece, no artigo 50, que as ensinanzas de idiomas que se imparten nas escolas oficiais terán a consideración de ensinanzas de réxime especial e que para acceder a estas ensinanzas será requisito imprescindible ter cursado o primeiro ciclo da ensinanza secundaria obrigatoria ou estar en posesión do título de graduado escolar, do certificado de escolaridade ou de estudios primarios. Tamén dispón que as administracións educativas fomentarán o ensino de idiomas a distancia.

Así mesmo, esta lei dedica o seu título III á educación das persoas adultas, e sinala no artigo 51 que o sistema educativo garantirá que as persoas adultas poidan adquirir, actualizar, completar ou amplia-los seus coñecementos e aptitudes para o seu desenvolvemento persoal e profesional e que, para tal fin, as administracións educativas colaborarán con outras administracións públicas con competencias na formación de adultos.

Con datas do 18 de setembro de 1984 e do 11 de setembro de 1985, o Ministerio de Educación e Cultura e a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia subscribiron cadanseus convenios de colaboración, con vixencia indefinida, sobre o ensino a distancia nos niveis non universitarios, e posteriormente asináronse anexos ós devanditos convenios para o seu desenvolvemento.

Con data do 3 de xullo de 1997 a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia e Argentaria-Bex asinan un convenio de colaboración co obxecto de desenvolve-lo programa de ensino do idioma inglés a distancia That's English! na Comunidade Autónoma de Galicia. Este convenio é complementario do asinado entre o Ministerio de Educación e Cultura e Argentaria-Bex, con data do 5 de outubro de 1992, para o desenvolvemento do programa sinalado.

O estudio dunha lingua estranxeira hoxe en día é fundamental para desenvolverse nas situacións diversas da realidade contemporánea e constitúe, polo tanto, un instrumento necesario para o desenvolvemento persoal e profesional da poboación. Para facilita-lo acceso a estas ensinanzas, así como o apoio titorial ós alumnos e a súa avaliación, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria designa un número de centros que abrangue as zonas xeográficas de maior poboación do noso país, nos que se vai impartir este programa de ensino de inglés a distancia.

En consecuencia co anteriormente exposto e por proposta da Dirección Xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional, esta consellería,

DISPÓN:

Primeiro.-Autoriza-la implantación das ensinanzas do idioma inglés a distancia, programa That's English!, a partir do curso 1997-1998, nas escolas oficiais de idiomas e institutos de educación secundaria que se relacionan no anexo da presente orde.

Segundo.-As ensinanzas ás que se refire a presente orde serán as do ciclo elemental do primeiro nivel do idioma inglés das escolas oficiais de idiomas, coas oportunas adaptacións curriculares para a súa impartición a través da modalidade a distancia.

Terceiro.-As escolas oficiais de idiomas da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra serán centros de apoio administrativo para os efectos deste programa. O resto das escolas oficiais de idiomas e os institutos de educación secundaria autorizados para impartir estas ensinanzas quedarán adscritos ó centro de apoio administrativo da súa provincia para os efectos deste programa.

Cuarto.-Para poder cursar estas ensinanzas serán requisitos imprescindibles ser maior de 18 anos ou cumprilos no ano natural da matrícula e, ademais, ter cursado o primeiro ciclo do ensino secundario obrigatorio ou estar en posesión do título de graduado

escolar, do certificado de escolaridade ou de estudios primarios.

Quinto.-Autorízase a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e de Formación profesional, a Dirección Xeral de Persoal e a Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa para dictar cantas normas sexan oportunas para o desenvolvemento da presente orde.

Sexto.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de setembro de 1997.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria

ANEXO

-Provincia da Coruña:

EOI da Coruña.

EOI de Ferrol.

IB Arcebispo Xelmírez I de Santiago de Compostela.

IES Agra de Raíces de Cee.

IB Mixto de Ribeira.

-Provincia de Lugo:

EOI de Lugo.

EOI de Monforte de Lemos.

EOI de Viveiro (filial de Monforte de Lemos).

IB San Rosendo de Mondoñedo.

-Provincia de Ourense:

EOI de Ourense.

IB Martaguisela do Barco de Valdeorras.

IB Xesús Taboada Chivite de Verín.

-Provincia de Pontevedra:

EOI de Pontevedra.

EOI de Vigo.

IB Ramón Mª Aller Ulloa de Lalín.

IB Calvo Sotelo de Vilagarcía de Arousa.

8642