Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 222 Luns, 17 de novembro de 1997 Páx. 11.052

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

ORDE do 7 de novembro de 1997 pola que se establecen as condicións da emisión de obrigacións da Comunidade Autónoma de Galicia polo importe de 15.173 millóns de pesetas.

Con base no artigo 27.1º da Lei 11/1996, do 30 de decembro, de presupostos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1997, o Consello da Xunta de Galicia, por Decreto 27/1997, do 6 de febreiro, autorizou a realización das operacións financeiras recollidas na indicada lei mediante a emisión de débeda pública ou a concertación de créditos, facultando, así mesmo, o conselleiro de Economía e Facenda para que estableza as condicións nas ditas operacións e dicte as disposicións necesarias para tal efecto.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Obtida a autorización, establecida no artigo 14, apartado 3, da Lei orgánica 8/1980, do 22 de setembro, de financiamento das comunidades autónomas, mediante acordo do consello de ministros do 24 de outubro de 1997, disponse a emisión de débeda pública interior por un importe de 15.173 millóns de pesetas.

Artigo 2º

Esta emisión realízase baixo a forma de obrigacións da Xunta de Galicia representada mediante anotacións en conta, ó abeiro do artigo 55 da Lei 24/1988, do 28 de xullo, do mercado de valores.

A emisión de débeda pública que autoriza a presente orde terá as características que se detallan a continuación:

-Importe: 15.173 millóns de pesetas.

-Data da emisión: 15 de decembro de 1997.

-Data de desembolso: 15 de decembro de 1997.

-Prezo da emisión: ó par libre de gastos para o subscritor.

-Nominal das obrigacións: 1.000.000 de pesetas.

-Subscrición: realizarana directamente as entidades aseguradoras, actuando no nome propio ou por conta de terceiras persoas, o día 12 de decembro de 1997.

-Cupón: os cupóns anuais vencerán o 15 de decembro de cada ano. A Xunta de Galicia pagará no seu vencemento os cupóns polo seu importe líquido. Se o posuidor é un investidor non residente que non opere en España mediante establecemento permanente, procederase á devolución de oficio das retencións practicadas, segundo procedemento establecido na resolución da Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro desta consellería, con data do 22 de outubro de 1993 (DOG do 8 de novembro).

-Cotizacións: solicitarase a inscrición desta débeda pública á Central de Anotacións de Débeda Pública do Banco de España na forma prevista nos artigos 55 e seguintes da Lei 24/1988, do 28 de xullo, do mercado de valores, e haberá que aterse ó establecido no Real decreto 505/1987, do 3 de abril e ós demais preceptos legais aplicables na materia.

-Fiscalidade: de conformidade co previsto no artigo 14.5 da Lei orgánica 8/1980, do 22 de setembro, de financiamento das comunidades autónomas, esta emisión goza dos mesmos beneficios e condicións cá débeda pública do Estado.

-Amortización: dunha soa vez ó par, ós vinte (20) anos desde a data da emisión.

-Tipo de xuro: 6,28 %.

-Liquidez: as entidades aseguradoras garanten durante a vida da emisión a liquidez das obrigacións.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de novembro de 1997.

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

8445