Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 222 Luns, 17 de novembro de 1997 Páx. 11.051

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 4 de novembro de 1997 pola que se clasifica como de interese cultural a Fundación Juan Cochón Carballo.

Visto o expediente de clasificación da Fundación Juan Cochón Carballo, con domicilio en Pontevedra.

Supostos de feito.

1. Juan José Piñeiro Cochón, na súa calidade de presidente do padroado da fundación, en escrito do once de xuño de 1997, formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Pontevedra, o día quince de maio de 1997, ante o notario do Colexio da Coruña, Rafael Sanmartín Losada co número mil sesenta e cinco do seu protocolo, por Juan Cochón Carballo, Juan José Piñeiro Cochón, Juan José García Cochón, Ángel García Cochón, Adela Andrade Cochón, Ana María García Polo e Rosario Cochón Castro; interveñen todos no seu propio nome e dereito.

3. Segundo consta no artigo seis dos seus estatutos o obxecto da fundación é a promoción de actividades culturais e sociais, nas que destaca de forma especial todo o relacionado coa agricultura e educación dos veciños de Salcedo, concello de Pontevedra.

4. O padroado da fundación estará constituído por Juan Cochón Carballo como presidente de honra, Juan José Piñeiro Cochón como presidente, Juan José García Cochón como vicepresidente, Ana María García Polo como secretaria e Rosario Cochón Castro, Adela Andrade Cochón e Ángel García Cochón como vocais.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevoulle ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública proposta de clasificación como de interese cultural da Fundación Juan Cochón Carballo, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1 e 2 do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como de interese cultural e a súa adscrición á Consellería de Cultura e Comunicación Social.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e a Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Fundamentos de dereito.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2.c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, correspóndelle a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 27 de outubro de 1997.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como de interese cultural a Fundación Juan Cochón Carballo e adscribila á Consellería de Cultura e Comunicación Social, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 4 de novembro de 1997.

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia

e Administración Pública

8866