Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 222 Luns, 17 de novembro de 1997 Páx. 11.050

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 324/1997, do 6 de novembro, polo que se modifica o 273/1994, do 29 de xullo, que aproba a relación de procedementos iniciados por solicitude do interesado, dos que sexa competente para resolve-la Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, e nos que a falta de resolución expresa da Administración produce efectos estimatorios ou desestimatorios.

De acordo co establecido no artigo 43.5 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, polo Decreto 273/1994, do 29 de xullo, apróbase a relación de procedementos iniciados por solicitude dos interesados, dos que sexa competente para resolve-la Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, e nos que a falta de resolución expresa da Administración produce efectos desestimatorios ou estimatorios.

En cumprimento da sentencia do vintedous de maio de 1997, do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, recaída en proceso contencioso-administrativo nº 554/1994, que reduciu a 3 meses os prazos que figuraban no citado decreto para os procedementos relativos á autorización de alleamento e desafectación de bens municipais e a declaración de urxente ocupación de bens de expropiación, cómpre modifica-los prazos para resolve-los correspondentes ós procedementos recollidos no segundo e terceiro lugar do anexo I do devandito Decreto 273/1994.

De acordo coas consideracións expostas, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día seis de novembro de mil novecentos noventa e sete,

DISPOÑO:

Artigo 1º

O prazo para resolve-los procedementos recollidos no segundo e terceiro lugar do anexo I do Decreto 273/1994, do 29 de xullo, de autorización de alleamento e desafectación de bens municipais e de declaración de urxente ocupación de bens de expropiación será de 3 meses.

Disposicións derradeiras

Primeira.-O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Segunda.-Facúltase o conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais para dictar cantas disposicións sexan precisas para o desenvolvemento do establecido no presente decreto.

Santiago de Compostela, seis de novembro de mil novecentos noventa e sete.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús C. Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais

8514