Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 222 Luns, 17 de novembro de 1997 Páx. 11.049

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

RESOLUCIÓN do 3 de novembro de 1997, da Dirección Xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional, pola que se regulan as condicións e o procedemento para a homologación de cursos de especialización para o profesorado de educación infantil, de educación primaria, de educación especial e do primeiro ciclo de educación secundaria obrigatoria e de habilitación para os profesionais do primeiro ciclo de educación infantil.

De acordo coa Orde do 11 de xaneiro de 1996 (BOE do 23), pola que se homologan cursos de especialización para o profesorado de educación infantil, de educación primaria, de educación especial e do primeiro ciclo de educación secundaria obrigatoria e habilitación para os profesionais do primeiro ciclo de educación infantil, corrixida no BOE do 3 de febreiro de 1996, correspóndelle ás comunidades autónomas que se atopan no pleno exercicio das súas competencias educativas convocar e autoriza-la convocatoria de cursos de especialización que habiliten o profesorado para o desempeño de postos de traballo nas áreas de especialidade previstas na LOXSE, e determina-las condicións e o procedemento para a autorización e a convocatoria dos devanditos cursos.

A disposición primeira da devandita orde recoñécelle ás administracións educativas mencionadas no parágrafo anterior a competencia para autorizaren as corporacións locais e as organizacións profesionais e de titulares representativas do sector do ensino privado a convocar cursos de especialización e habilitación para o profesorado que preste ou, se é o caso, prestase servicio nos centros dos que son titulares ou ós que representan.

Posto que a disposición décimo terceira da mesma orde faculta as administracións educativas para dictaren cantas disposicións sexan precisas para a súa aplicación, procede establece-lo procedemento para regula-la homologación dos citados cursos, polo que,

DISPOÑO:

Primeiro.-As corporacións locais e as organizacións profesionais e de titulares representativas do sector do ensino privado que desexen organizar cursos de especialización e habilitación para o profesorado que preste ou, se é o caso, prestase servicios nos centros dos que son titulares, deben solicitalo, cun mes de antelación, á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional e aportaren a seguinte documentación:

a) Proxecto do curso, no que se deberá indicar:

-Nome do curso.

-Entidade convocante.

-Persoa coordinadora.

-Convocatoria pública.

-Universidade ou entidade que organizará o curso de especialización ou ben universidade ou centro docente que organizará o curso de habilitación.

-Lugares de realización.

-Destinatarios do curso.

-Requisitos de acceso.

-Número de prazas convocadas.

-Solicitudes: modelo, prazos e lugar de presentación.

-Criterios, procedementos e baremos de selección.

-Programa detallado do curso: modalidade (presencial ou a distancia), contidos, metodoloxía, horario, profesorado, materiais didácticos, características do practicum e criterios e procedementos de avaliación.

No caso de que o proxecto presentado inclúa varios cursos, estes poderán agruparse por especialidades.

b) Documento polo que a entidade organizadora se compromete a controlar que as persoas que accedan a cada curso, sexa de especialización ou de habilitación, cumpran os requisitos de acceso previstos no anexo II da Orde do 11 de xaneiro de 1996, con indicación da forma en que se levará a cabo este control.

c) Copia do convenio subscrito coa universidade correspondente ou coa institución ou entidade de prestixio e competencia recoñecidos no ámbito da música, ou ben copia do acordo correspondente, no caso de cursos de habilitación para imparti-lo primeiro ciclo da educación infantil que se vaian realizar nun centro docente de educación secundaria ou de formación profesional específica de grao superior que estean autorizados para impartir con carácter experimental o módulo profesional de educación infantil ou con carácter definitivo o ciclo formativo de educación infantil.

Segundo.-O contido, extensión e características dos cursos serán os establecidos no anexo III da Orde do 11 de xaneiro de 1996.

O practicum dos cursos, ó que se accederá unha vez superada a fase teórico-práctica, constará de catro partes:

a) Elaboración dun proxecto para desenvolver na aula.

b) Aplicación práctica dese proxecto na aula.

c) Celebración de sesións de titoría nas que se fará o seguimento das prácticas.

d) Elaboración dunha memoria final.

Terceiro.-As universidades que desexen organizar cursos de especialización, ó amparo do disposto na Orde do 11 de xaneiro de 1996, deberán presentar diante da Dirección Xeral de Ordenación Educativa

e de Formación Profesional os documentos descritos nas alíneas a) e b) do punto primeiro desta resolución.

Cuarto.-De acordo co artigo 4 da Orde do 11 de xaneiro de 1996, a realización dos cursos de especialización será obxecto dun convenio que reflicta os acordos sobre organización e financiamento entre a entidade convocante e a universidade ou a entidade de competencia e prestixio recoñecidos no campo da música que deba organiza-los cursos.

Quinto.-En relación co disposto no artigo 1 da Orde do 11 de xaneiro de 1996, enténdese por organizacións profesionais e sindicais representativas do sector do ensino privado aquelas que participan na negociación colectiva no ámbito do ensino privado.

Sexto.-A competencia e o prestixio das institucións ou entidades do ámbito da música, ás que se refire o artigo 4 da Orde do 11 de xaneiro de 1996, serán valoradas pola Dirección Xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional.

Sétimo.-Os cursos regulados na presente resolución realizaranse nas universidades ou en centros públicos e privados, debidamente autorizados para impartir con carácter experimental o módulo profesional de educación infantil ou con carácter definitivo o ciclo formativo de educación infantil.

Oitavo.-A universidade organizadora dos cursos de especialización expediralles un certificado académico a aqueles alumnos que o superen con avaliación global positiva. Neste deberá consta-la administración ou organismo convocante do curso ou, se é o caso, a Administración educativa que o autoriza ó amparo da Orde do 11 de xaneiro de 1996.

No caso de cursos de especialización en educación musical e de cursos de habilitación para profesionais do primeiro ciclo de educación infantil que non estean organizados por universidades, os certificados serán expedidos pola Dirección Xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional.

Noveno.-A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria publicará anualmente no, Diario Oficial de Galicia, a relación de cursos convocados e autorizados, as entidades organizadoras e a relación de persoas que os superen con avaliación positiva.

Décimo.-A presente resolución entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Undécimo.-Contra esta resolución, os interesados poderán interpoñer, no prazo dun mes, recurso ordinario perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria.

Santiago de Compostela, 3 de novembro de 1997.

José Luis Mira Lema

Director xeral de Ordenación Educativa

e de Formación Profesional

8821