Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 221 Venres, 14 de novembro de 1997 Páx. 10.998

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 323/1997, do 30 de outubro, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, pola Deputación Provincial de Pontevedra, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de variación do trazado da estrada A Cañiza-Crecente, programa operativo Interrex II.

A Deputación Provincial de Pontevedra, en sesión celebrada o día 27 de xuño de 1997, aprobou o

proxecto de variación do trazado da estrada A Cañiza-Crecente, programa operativo Interrex II, e na mesma sesión acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. A deputación remitiu a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 3 de setembro de 1997 baixo o número 12067.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu á información pública.

A Dirección Xeral de Calidade Medioambiental e Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 15 de outubro de 1997 baixo o número 14788.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, porque no proxecto de E.P. A Cañiza-Crecente pertencente ó programa operativo Interrex II, España-Portugal, se prevía un trazado que afectaba uns eucaliptos centenarios, propiedade da deputación, e dúas instalacións próximas a eles (piscinas municipais e o parque inaugurado recentemente), pero, efectuado o replanteo sobre o terreo, observouse que unha pequena modificación do trazado melloraría enormemente a calidade da estrada, dotándoa dun perfil menos sinuoso e mantendo o número de metros cadrados de expropiacións-ocupacións, así como o saldo de terras sobre as que se levará a cabo o desmonte e terraplén, e o orzamento da obra.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trinta de outubro de mil novecentos noventa e sete,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, pola Deputación Provincial de Pontevedra para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para

a execución das obras do proxecto de variación do trazado da estrada A Cañiza-Crecente, programa operativo Interrex II.

Santiago de Compostela, trinta de outubro de mil novecentos noventa e sete.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesus C. Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais

7296