Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 221 Venres, 14 de novembro de 1997 Páx. 10.997

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 322/1997, do 30 de outubro, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Caldas de Reis (Pontevedra), dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de conexión de saneamento desde a rúa Juan Fuentes ata o colector, por rúa de nova apertura e urbanización da 1ª fase en rúa de nova apertura.

O Concello de Caldas de Reis (Pontevedra), en sesión celebrada o día 25 de abril de 1997, aprobou o proxecto de conexión de saneamento desde a rúa Juan Fuentes ata o colector, por rúa de nova apertura e urbanización da 1ª fase en rúa de nova apertura, e na mesma sesión acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. Polo concello remitiu a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 12 de agosto de 1997 baixo o número 11.308.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu á información pública.

A Dirección Xeral de Calidade Medioambiental e Urbanismo da Consellería de Política Territorial,

Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 15 de outubro de 1997 baixo o número 14789.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado porque as normas subsidiarias municipais prevén unha rúa de nova apertura que, desde a rúa Juan Fuentes, cara ó sur, atravesa o río Umia ata enlazar co camiño das Carballas. En función de topografía dos terreos, as edificacións existentes e as de nova construcción na rúa Juan Fuentes e Fermín Mosquera verten as súas augas residuais ó río Bermaña, á altura da última ponte existente na rúa Juan Fuentes, sendo unha das finalidades que a norma subsidiaria tivo en conta ó preve-la rúa de nova apertura (travesa de Juan Fuentes) a de conseguir que as ditas augas residuais vertesen directamente á depuradora existente xunto ó río Umia, moi próxima á rúa de nova apertura.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trinta de outubro de mil novecentos noventa e sete,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, polo Concello de Caldas de Reis (Pontevedra) para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de conexión de saneamento desde a rúa Juan Fuentes ata o colector, por rúa de nova apertura e urbanización da 1ª fase en rúa de nova apertura.

Santiago de Compostela, trinta de outubro de mil novecentos noventa e sete.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesus C. Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais

8658