Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 221 Venres, 14 de novembro de 1997 Páx. 10.997

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 321/1997, do 30 de outubro, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, pola Deputación Provincial de Lugo, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto: Sober, E.P. de Sober a Doade (alargamento e mellora) do p.k. 3,280 ó 8,200.

A Deputación Provincial de Lugo, en sesión celebrada o día 25 de abril de 1997, aprobou o proxecto de Sober, E.P. de Sober a Doade (alargamento e mellora) do p.k. 3,280 ó 8,200 e na sesión do día 28 de abril de 1997 acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. A deputación remitiu a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente, con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 30 de xuño de 1997 baixo o número 8999.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu á información pública.

A Dirección Xeral de Calidade Medioambiental e Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 15 de outubro de 1997 baixo o número 14789.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado porque esta obra afecta a mellora da rede provincial que dá servicio e acceso a unha zona do sur da provincia de Lugo na que se incrementou notablemente o tráfico, o que motiva a necesidade de realizar

unha adecuación da dita vía, sendo preciso ocupa-los bens necesarios no prazo máis breve posible.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude e por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trinta de outubro de mil novecentos noventa e sete,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa declárase a urxente ocupación pola Deputación Provincial de Lugo, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto: Sober, E.P. de Sober a Doade (alargamento e mellora) do p.k. 3,280 ó 8,200.

Santiago de Compostela, trinta de outubro de mil novecentos noventa e sete.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús C. Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais

8657