Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 221 Venres, 14 de novembro de 1997 Páx. 10.996

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 320/1997, do 30 de outubro, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Narón (A Coruña), dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de colector xeral de saneamento do tramo Xubia, límite do termo municipal de Ferrol.

O Concello de Narón (A Coruña), en sesión celebrada o día 31 de maio de 1996, aprobou o proxecto de colector xeral de saneamento do tramo Xubia, límite do termo municipal de Ferrol, e na mesma sesión acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. O concello remitiu a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 18 de xuño de 1997 baixo o número 8411.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu á información pública.

A Dirección Xeral de Calidade Medioambiental e Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 15 de outubro de 1997 baixo o número 14790.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, porque o proxecto se redactou por encargo da Dirección Xeral de Obras Públicas da Consellería de Ordenación do Territorio e Obras Públicas, conforme un deseño da Subdirección Xeral de Infraestructuras Hidráulicas, consistente na recollida dos vertidos de augas residuais da costa norte da ría de Ferrol, cun único colector desde A Ponte de Xubia á Malata (Ferrol), en sucesivos tramos, sendo o que nos ocupa o comprendido dentro do termo municipal de Narón.

Actualmente a obra encóntrase parcialmente executada e parada ó non dispor dos terreos necesarios ó longo do río Freixeiro. Esta situación fai que os vertidos do núcleo urbano non poidan ser recollidos polo colector xeral, ó non ter este continuidade e, polo tanto, estar producindo un vertido indiscriminado, tanto ó río Freixeiro como ó mar en numerosos puntos da costa e que afectan en grande medida ó banco marisqueiro alí existente.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa

reunión do día trinta de outubro de mil novecentos noventa e sete,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, polo Concello de Narón (A Coruña), para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de colector xeral de saneamento do tramo Xubia, límite do termo municipal de Ferrol.

Santiago de Compostela, trinta de outubro de mil novecentos noventa e sete.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús C. Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais

8656