O Concello de Cualedro (Ourense) considerou conveniente adoptar unhas armas ou brasón propio no que, coa simboloxía adecuada e conforme as tradicionais pautas de presentación dos emblemas heráldicos, se represente e perpetúe a súa propia peculiaridade. Por iso, e de acordo coas facultades que lle confiren as disposicións legais vixentes, elevou o informe histórico-heráldico, co seu correspondente brasonamento e representación gráfica, para a súa aprobación definitiva.
A competencia exclusiva en materia de adopción, modificación ou rehabilitación dos emblemas heráldicos e bandeiras dos concellos e doutras entidades locais correspóndelle á Comunidade Autónoma galega, segundo o disposto polo artigo 27.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.
O expediente tramitouse conforme as normas do procedemento establecidas na Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, no Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das corporacións locais, aprobado polo Real decreto 2568/1986, do 28 de novembro, e mais no Decreto 258/1992, do 10 de setembro, da Xunta de Galicia, polo que se regula o procedemento e normas heráldicas para a adopción, modificación ou rehabilitación dos escudos e bandeiras das corporacións locais e doutras entidades locais.
Na súa virtude, visto o informe emitido pola Comisión de Heráldica da Xunta de Galicia e por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trinta de outubro de mil novecentos noventa e sete,
DISPOÑO:
Artigo único.-Aproba-lo escudo heráldico do Concello de Cualedro (Ourense), que quedará organizado do seguinte xeito: de sinople (verde), e sobre ondas de prata (branco) e de azur (azul), unha cabra de prata; xefe encaixado de ouro (amarelo); bordura de sable (negro) cunha cadea de ouro. Ó timbre, coroa real pechada.
Santiago de Compostela, trinta de outubro de mil novecentos noventa e sete.
Manuel Fraga Iribarne
Presidente
Jesús C. Palmou Lorenzo
Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais
8623