Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 209 Mércores, 29 de outubro de 1997 Páx. 10.461

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 15 de outubro de 1997, da Dirección Xeral de Industria, pola que se ordena a publicación do acordo do Consello da Xunta de Galicia polo que se aproba definitivamente o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal Gasificación de Galicia: rede Pontecesures-Catoira.

O Consello da Xunta de Galicia, ó abeiro do establecido no capítulo V da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, na súa reunión do día nove de outubro de mil novecentos noventa e sete adoptou o acordo do que se ordena a publicación.

Contra o dito acordo, que pon fin á vía administrativa, poderá interpoñerse, se é o caso, recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia na Coruña, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ó da súa publicación, logo da comunicación a esta consellería esixida no artigo 110.3º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común,

e sen prexuízo de que os interesados podan exercer calquera outro que coiden oportuno.

Santiago de Compostela, 15 de outubro de 1997.

Joaquín del Moral Crespo

Director xeral de Industria

ACORDO DO CONSELLO DA XUNTA DE GALICIA POLO QUE SE APROBA DEFINITIVAMENTE O PROXECTO SECTORIAL DE INCIDENCIA SUPRAMUNICIPAL GASIFICACIÓN DE GALICIA: REDE PONTECESURES-CATOIRA

En beneficio da planificación enerxética da Xunta de Galicia, por acordo do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 10 de xullo de 1997, declarouse o proxecto de instalacións Gasificación de Galicia: rede Pontecesures-Catoira como proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, iniciando o trámite previsto no capítulo V da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia e nomeando á Consellería de Industria e Comercio para a súa tramitación.

Durante o trámite de audiencia, unicamente presentou escrito de alegación o Concello de Valga, considerando que a declaración de incidencia supramunicipal do proxecto non enerva a competencia dese concello para a concesión da licencia de obras, alegación que debe ser desestimada á vista do establecido na disposición adicional primeira da Lei 10/1995, do 23 de novembro, segundo a cal as obras públicas expresamente cualificadas como de marcado carácter territorial no correspondente instrumento non estarán sometidas ós actos de control preventivo municipal a que se refire o artigo 84.1º b) da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local.

Por todo o anterior, por proposta da Consellería de Industria e Comercio, xa que o interese público das obras que comporta a execución do citado proxecto como infraestructura básica para a prestación da subministración, en canto constitúe o eixe principal do que partirán os distintos ramais secundarios e redes de distribución de gas natural para usos industriais e doméstico-comerciais, xustifica a aprobación definitiva do dito proxecto polo procedemento establecido no capítulo V da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia.

Por todo o anterior, por proposta da Consellería de Industria e Comercio, o Consello da Xunta de Galicia,

ACORDA:

Primeiro.-Aprobar definitivamente o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal Gasificación de Galicia: rede Pontecesures-Catoira.

Segundo.-En consecuencia, o planeamento dos entes locais en que se asenten as instalacións previstas no proxecto, queda vinculado ás determinacións contidas no citado proxecto sectorial.

Terceiro.-De conformidade co establecido na disposición adicional quinta da Lei 10/1997, do 24

de marzo, do solo de Galicia, para os efectos previstos na disposición adicional primeira da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, quedan expresamente cualificadas como de marcado carácter territorial as obras necesarias para a execución do proxecto.

Consecuentemente, non se requirirá autorización urbanística previa para as instalacións incluídas no proxecto sectorial que se aproba.

8195