Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 209 Mércores, 29 de outubro de 1997 Páx. 10.462

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 15 de outubro de 1997, da Dirección Xeral de Industria, pola que se ordena a publicación do acordo do Consello da Xunta de Galicia polo que se aproba definitivamente o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal Gasificación de Galicia: ramal a Ferrol.

O Consello da Xunta de Galicia, ó abeiro do establecido no capítulo V da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, na súa reunión do día nove de outubro de mil novecentos noventa e sete adoptou o acordo do que se ordena a publicación.

Contra o dito acordo, que pon fin á vía administrativa, poderá interpoñerse, se é o caso, recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia na Coruña, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ó da súa publicación, logo da comunicación a esta consellería esixida no artigo 110.3º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e sen prexuízo de que os interesados podan exercer calquera outro que coiden oportuno.

Santiago de Compostela, 15 de outubro de 1997.

Joaquín del Moral Crespo

Director xeral de Industria

ACORDO DO CONSELLO DA XUNTA DE GALICIA POLO QUE SE APROBA DEFINITIVAMENTE O PROXECTO SECTORIAL DE INCIDENCIA SUPRAMUNICIPAL GASIFICACIÓN DE GALICIA: RAMAL A FERROL

En beneficio da planificación enerxética da Xunta de Galicia, por acordo do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 10 de xullo de 1997, declarouse o proxecto de instalacións Gasificación de Galicia: ramal a Ferrol, como proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, iniciando o trámite previsto no capítulo V da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia e nomeando á Consellería de Industria e Comercio para a súa tramitación.

Durante o trámite de audiencia, presentáronse alegacións dos concellos de Neda e Fene, solicitando, en resumo, trazados alternativos, e considerándose, polo Concello de Monfero, a necesidade de procedementos previos para o outorgamento da licencia,

debendo as ditas alegacións seren desestimadas, toda vez que, en sentido estricto, o único motivo que poden alega-los concellos sería a non adecuación do proxecto ó seu planeamento urbanístico, sen que tal alegación desvirtúe o carácter supramunicipal do proxecto, xa que o feito de que esta infraestructura non estea prevista nas normas de planeamento non pode ser obstáculo para a aprobación definitiva, a teor do artigo 77 da Lei 1/1997, do 24 de marzo, do solo de Galicia, debendo entenderse cumpridos os requisitos sinalados no parágrafo cuarto do dito artigo pola propia tramitación da declaración de proxecto como de incidencia supramunicipal.

Por todo o anterior, por proposta da Consellería de Industria e Comercio, xa que o interese público das obras que comporta a execución do citado proxecto como infraestructura básica para a prestación da subministración, en canto constitúe o eixe principal do que partirán os distintos ramais secundarios e redes de distribución de gas natural para usos industriais e doméstico-comerciais, xustifica a aprobación definitiva do dito proxecto polo procedemento establecido no capítulo V da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia.

Por todo o anterior, por proposta da Consellería de Industria e Comercio, o Consello da Xunta de Galicia,

ACORDA:

Primeiro.-Aprobar definitivamente o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal Gasificación de Galicia: ramal a Ferrol.

Segundo.-En consecuencia, o planeamento dos entes locais en que se asenten as instalacións previstas no proxecto, queda vinculado ás determinacións contidas no citado plan sectorial.

Terceiro.-De conformidade co establecido na disposición adicional quinta da Lei 10/1997, do 24 de marzo, do solo de Galicia, para os efectos previstos na disposición adicional primeira da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, quedan expresamente cualificadas como de marcado carácter territorial as obras necesarias para a execución do proxecto.

Consecuentemente, non se requirirá autorización urbanística previa para as instalacións incluídas no proxecto sectorial que se aproba.

7984