Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 209 Mércores, 29 de outubro de 1997 Páx. 10.454

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 13 de outubro de 1997, da Delegación Provincial de Ourense, pola que se dispón a inscrición e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, da acta levantada pola comisión paritaria do convenio colectivo de ámbito provincial para o sector de panaderías de Ourense.

Visto o texto da acta levantada pola comisión paritaria do convenio colectivo de panaderías (código nº 3200265) de Ourense, con entrada nesta delegación provincial, subscrito en representación da parte económica, pola Asociación de Empresarios de Panaderías de Ourense e, da parte social, pola central sindical CIG, en xuntanza celebrada o día 3-9-1997 e, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Estatuto dos traballadores, texto refundido aprobado polo R.D. 1/1995, do 24 de marzo, RD 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e RD 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo,

Esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no rexistro de convenios colectivos desta delegación provincial, con notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Unidade de Mediación, Arbitraxe e Conciliación desta delegación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Ourense, 13 de outubro de 1997.

Manuel A. Cao Fernández

Delegado provincial Acctal. de Ourense

En Ourense, sendo as 18.30 horas do día 3 de setembro de 1997, reúnense na primeira planta do edificio AISS, a comisión paritaria do convenio colectivo de panaderías de Ourense que está formado polo que á parte social se refire por Camilo Díaz Barreal, Modesto Sequeiros Cid e Baldomero Fernández Lamelas, intervindo como asesor Etelvino Blanco.

Por parte empresarial José Luis Martínez Rego, Martín Domínguez Casal e José Manuel Pérez Garrido, co obxecto de analizar e corrixir un erro existente no artigo 13 do dito convenio colectivo de 1997, publicado no BOP do 16 de xullo do presente ano 1997.

Dá comezo a reunión coa intervención de José Manuel Pérez Garrido en representación da parte empresarial, o cal manifesta que existe un erro de redacción no artigo 13 do convenio colectivo de panaderías de 1997 -paga de beneficios xa que o

citado artigo sinala: «Tódolos traballadores afectados polo presente convenio percibirán mensualmente en concepto de paga de beneficios o importe correspondente ó 15% do salario base do presente convenio».

Que na negociación do dito convenio, entre as representacións social e empresarial se acordou modifica-la redacción que sobre a paga de beneficios figuraba no artigo 12 do convenio de 1996, xa que ó facer referencia á regulamentación nacional de traballo de panaderías (O.M. 12-7-1946) dado que non se especificaba sobre que concepto debía aplicarse o 20% ou o 15% segundo fosen empresas mecanizadas ou semimecanizadas.

Así pois, acordouse dar unha nova redacción ó artigo no sentido de que se puxese, como así se fixo, que os traballadores terían dereito ó 15% do salario base do convenio eliminándose o 20%, xa que tódalas panaderías hoxe en día son semimecanizadas, non téndose en conta ó redactor que, de acordo coa regulamentación nacional de traballo de panaderías, só teñen dereito á paga de beneficios os traballadores de taller ou fábrica dedicados á elaboración do pan.

Que ó efectua-la nova redacción do artigo 13 correspondente á paga de beneficios se puxo: «Tódolos traballadores afectados polo presente convenio...», cando a realidade é que non son tódolos traballadores, senón os que sinala a regulamentación nacional de traballo de panaderías, polo que se acorda corrixir para evitar erros e confusión á hora da percepción da dita paga de beneficios.

Este extremo é aceptado pola representación de parte social, toda vez que a única corrección do artigo 13 do convenio facía referencia unicamente á clarificación do concepto sobre o que había de aplicarse o 15% e así se reflectiu na acta da reunión correspondente.

Por todo iso a comisión paritaria do convenio colectivo de panaderías de Ourense,

ACORDA:

Dar nova redacción ó artigo 13 do vixente convenio colectivo de panaderías de Ourense, o cal terá a seguinte redacción:

Artigo 13º.-Paga de beneficios.

«Os traballadores de taller ou fábrica dedicados á elaboración do pan, tal e como se sinala na regulamentación de traballo de panaderías (O.M. 12-7-1946) percibirán mensualmente en concepto de paga de beneficios o importe correspondente ó 15% do salario base do presente convenio».

Acórdase igualmente o traslado do presente acordo á Delegación Provincial da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais para efectos do seu rexistro e posterior publicación no BOP.

E para que así conste, asinan o presente escrito no lugar e data arriba indicados.

8226