Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 209 Mércores, 29 de outubro de 1997 Páx. 10.455

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 20 de outubro de 1997 pola que se anuncia a realización dunhas xornadas sobre medio ambiente e saúde para a Administración local.

Dentro das actividades que realiza a EGAP en 1997 e conforme as funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócanse unhas xornadas sobre medio ambiente e saúde que deberán desenvolverse segundo as seguintes bases:

1. Obxectivos.

Integración da dimensión ambiental na formación dos responsables políticos e técnicos da Administración local e autonómica que desenvolvan a súa actividade nas áreas de medio ambiente e saúde, co fin de contribuir á mellora da xestión ambiental e a protección do medio ambiente e da saúde.

2. Destinatarios.

Fundamentalmente, responsables políticos e técnicos da Administración local o autonómica, así como profesionais libres que desenvolvan a súa actividade nas áreas obxecto de estudio.

3. Desenvolvemento.

-Duración: 12 horas.

-Horario:

* 1ª sesión: de 16.30 a 20.30 horas.

* 2ª sesión: de 10 a 14 horas e de 16.30 a 20.30 horas.

-Lugares e datas:

-A Coruña: 13 e 14 de novembro.

-Ourense: 17 e 18 de novembro.

-Lugo: 1 e 2 de decembro.

-Pontevedra: 3 e 4 de decembro.

4. Prazo.

O prazo de inscrición rematará segundo as localidades:

-Na Coruña: o día 10 de novembro ás 14 horas.

-En Ourense: o día 12 de novembro ás 14 horas.

-En Lugo: o día 26 de novembro ás 14 horas.

-En Pontevedra: o día 1 de decembro ás 14 horas.

5. Tramitación de solicitudes.

As solicitudes irán dirixidas ó director da Escola Galega de Administración Pública, polígono das Fontiñas, r/ Madrid 2-4, 15707 Santiago de Compostela, segundo o modelo que figura como anexo a esta convocatoria, e presentaranse no rexistro xeral da EGAP, ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e

do procedemento administrativo común. Admitiranse tamén inscricións por telefax: (981) 54 63 37.

6. Número de prazas.

Limitado á capacidade dos locais.

7. Inscrición fóra de prazo.

Só se admitirán se quedasen prazas baleiras e sempre que se cumpran os requisitos xerais antes indicados.

8. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e resolve-las incidencias que puidesen xurdir no desenvolvemento das xornadas así como a de cancelalas se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

9. Certificado de asistencia.

Outorgaráselles certificado de asistencia ós alumnos que participen con regularidade nas xornadas programadas cando a súa inasistencia non sexa igual ou superior ó 15% das horas lectivas programadas.

A superación deste límite, sexa cal sexa a causa, imposibilitará a expedición do certificado e dará lugar á baixa con perda de tódolos dereitos.

10. Profesorado.

Estará integrado por expertos nos sectores de medio ambiente e saúde pertencentes á Administración autonómica e a empresa, e por profesores das universidades galegas.

11. Contido.

Ruído ambiental e saúde. Contaminación atmosférica. Abastecemento hídrico e saneamento. Contaminación das augas. Residuos sólidos urbanos. Instrumentos de xestión ambiental. Conservación do medio ambiente natural. Competencias municipais en materia de medio ambiente: lexislación actual. Protección e conservación do medio natural galego.

Santiago de Compostela, 20 de outubro de 1997.

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega de Administración Pública

8234