Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 209 Mércores, 29 de outubro de 1997 Páx. 10.451

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 21 de agosto de 1997, da Delegación Provincial de Ourense, pola que se dispón a inscrición e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo de ámbito provincial para a empresa Unidad de Vehículos Industriales, S.A., Unvi, S.A. de Ourense para o ano 1997.

Visto o texto do convenio colectivo para a empresa Unidad de Vehículos Industriales, S.A. Unvi, S.A. (código nº 3200722) de Ourense para o ano 1997, con entrada nesta Delegación Provincial da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, subscrito en representación da parte económica, pola empresa e, da parte social, polo comité de empresa, en reunión celebrada o día 11-7-1997, e de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Estatuto dos traballadores, texto refundido aprobado polo R.D. 1/1995, do 24 de marzo, R.D. 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e R.D. 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de traballo.

Esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no rexistro de convenios colectivos desta delegación provincial, con notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Unidade de Mediación, Arbitraxe e Conciliación desta delegación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Ourense, 21 de agosto de 1997.

Manuel A. Cao Fernández

Delegado provincial Acctal. de Ourense

Convenio colectivo Unidad de Vehículos

Industriales, S.A. (Unvi, S.A.) 1997

Artigo 1º.-Ámbito territorial.

O presente convenio será de aplicación para a empresa Unidad de Vehículos Industriales, S.A. (Unvi, S.A.) e tódolos seus traballadores.

Artigo 2º.-Ámbito persoal.

Queda comprendido neste convenio todo o persoal asalariado da compañía Unvi, S.A. excepto os que exerzan funcións de alta dirección ou alto consello e as persoas ligadas por contratos mercantís ou civís.

Artigo 3º.-Duración prórroga e denuncia.

A duración do presente convenio será dun ano a partir do 1 de xaneiro de 1997 e prorrogarase

de ano en ano se non se denuncia con tres meses de antelación ó termo da súa vixencia. A referida denuncia deberá facerse coa comunicación á que fai referencia o artigo 89 do Estatuto dos traballadores. O texto do presente convenio será de obrigatorio cumprimento mentres non sexa substituído por outro que no seu día se negocie.

Artigo 4º.-Garantía (ad personam).

As cantidades superiores pactadas a título persoal ou calquera outra mellora que teña establecida na empresa serán respectadas na súa totalidade.

Artigo 5º.-Compensanción e absorción.

As melloras do presente convenio poderán ser compensadas ou absorbidas con calquera outra mellora voluntaria ou por disposición legal en cómputo anual, excepto que expresamente se pacte o contrario.

Artigo 6º.-Xornada de traballo.

A xornada de traballo será de 1.792 horas para o ano de vixencia, distribuídas a través de oito horas diarias de luns a venres. Os quince minutos de bocadillo computaranse como xornada efectiva de traballo.

Artigo 7º.-Vacacións.

As vacacións anuais consistirán no desfrute de 30 días naturais que se desfrutarán preferentemente durante o mes de agosto.

A nómina correspondente ó período de desfrute de vacacións será igual á dunha mensualidade normal de traballo.

O traballador en situación de IT ó comezo do período vacacional poderá recupera-los días de vacacións nos que se atopase en situación de baixa por IT, ata un máximo de 15 días.

A empresa queda facultada para investigar e inspecciona-la realidade da situación de baixa por IT.

O período de vacacións interromperase no suposto de que o traballador contraia matrimonio no período vacacional.

Artigo 8º.-Salarios.

A) Para 1997 os salarios aumentarán un 3,2% sobre as táboas vixentes o 31 de decembro de 1996, e farase efectivo da forma seguinte: o 2% aumentarase na nómina seguinte ó asinamento do convenio, e o 1,2% restante na nómina correspondente ó mes de decembro de 1997, con efectos en ámbolos casos, desde o día 1 de xaneiro de 1997.

B) En 1997 pasaranse 4.000 ptas. mensuais das que polo concepto de retribución voluntaria perciben os traballadores a salario base. O traspaso da devandita cantidade a salario base farase antes do incremento sinalado no apartado anterior, co que a cantidade traspasada tamén se verá aumentada no 3,2% de aumento salarial pactado.

C) Queda aberta a posibilidade, para os anos sucesivos, logo do acordo sobre a cantidade ou porcentaxe anuais, a incorporación do importe medio resultante da retribución voluntaria que perciben actualmente os traballadores, a salario base.

Artigo 9º.-Antigüidade.

Establécese un complemento de antigüidade por quinquenios, en contía do 6% do salario base.

Artigo 10º.-Plus de transporte.

Aboarase un plus de transporte por día efectivamente traballado na contía de 159 ptas., e garantirase a súa percepción, en todo caso, durante 224 días.

Artigo 11º.-Gratificacións extraordinarias.

Establécense dúas pagas extraordinarias pagadeiras antes do 15 de xullo e outra antes do 22 de decembro, consistentes no aboamento do salario base máis a retribución voluntaria complementaria, iguais ás correspondentes a unha mensualidade normal de traballo.

Artigo 12º.-Gastos de desprazamento.

Os gastos de desprazamento serán aboados pola empresa, logo da súa xustificación.

Artigo 13º.-Licencias e excedencias.

O réxime de licencias acomodarase ó disposto nos seguintes apartados:

-Por matrimonio: 15 días naturais.

-Por nacemento de fillo: 4 días naturais.

-Por matrimonio de fillos: 2 días naturais.

-Por morte ou enfermidade grave do cónxuxe, pais, irmáns, pais políticos, avós, netos e fillos, o tempo indispensable cun mínimo de 2 días naturais.

-Por morte de tíos políticos: 1 día natural.

-Por morte de irmáns políticos, avós políticos e tíos: 2 días naturais.

-Por morte dun sobriño: 1 día natural.

-Por exames: o tempo necesario con xustificación.

-Por parto da muller traballadora observarase a lexislación vixente.

No caso de que o feito causante acontecese fóra da provincia, corresponderá un día natural máis ós previstos.

O traballador que teña ó seu cargo algún diminuído físico ou psíquico terá dereito a unha reducción da xornada de polo menos 1/3, coa correspondente reducción salarial.

O traballador terá dereito, coa xustificación, ós necesarios períodos de ausencia ó traballo, cando se someta a técnicas de fertilización legalmente autorizadas ou de esterilización.

Para tódolos efectos deste artigo, entenderase por enfermidade grave sempre que exista necesidade de hospitalización, intervención cirúrxica, necesidade

de acompañante e sempre que así sexa cualificado polo facultativo correspondente.

Artigo 14º.-Incapacidade temporal (IT).

O traballador na situación de IT percibirá nos 45 primeiros días da devandita situación o 100% do salario cotizable dun mes, salvo no caso de accidente laboral no que se percibirá o 100% a partir do primeiro día. O dito complemento aboarase tamén na súa parte proporcional nas pagas extraordinarias.

A mellora de prestacións incluída no parágrafo anterior só operará cando o absentismo non supere o 4%, sen que se teñan en conta no cómputo da dita porcentaxe os procesos de longa enfermidade e accidente laboral. Nos casos nos que non entre en xogo a mellora de prestacións, operará o sinalado pola lexislación vixente.

Artigo 15º.-Póliza de seguros.

A empresa deberá concertar con primas íntegras ó seu cargo unha póliza de seguros que cubra as seguintes indemnizacións:

-Falecemento por causa natural, incluso enfermidade profesional: 750.000 ptas.

-Invalidez permanente total ou absoluta por causas naturais ou por enfermidade profesional: 750.000 ptas.

-Falecemento por accidente laboral ou común: 3.000.000 de ptas.

-Invalidez permanente total, absoluta ou gran invalidez por accidente laboral ou común: 3.000.000 de ptas.

Artigo 16º.-Seguridade e hixiene.

A empresa obrígase ó cumprimento inescusable das normas sobre seguridade e hixiene acomodando a súa actuación ó previsto na Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais.

Artigo 17º.-Comisión mixta paritaria.

Constitúese unha comisión mixta paritaria de interpretación e cumprimento do convenio, integrada polos membros do comité de empresa e os membros da dirección da empresa que intervisen na negociación do convenio e a función da cal será a interpretación e vixilancia do cumprimento do pactado.

Artigo 18º.-Pezas de roupa de traballo.

A empresa entregará desde o primeiro día de traballo as pezas de roupa de protección e hixiene necesarias segundo a lexislación vixente.

O persoal obreiro percibirá dúas fundas ou prendas semellantes ó entrar no traballo por primeira vez e unha máis cada seis meses.

Nos postos nos que se precise calzado especial por motivos de seguridade, a empresa facilitarao e será fixado pola comisión mixta o número de pares que sexan necesarios no ano.

Os productores que realicen traballos especiais, que serán definidos pola comisión mixta paritaria, recibirán unha funda máis cada catro meses. O persoal administrativo terá o mesmo dereito a pezas de roupa asimilables ás súas funcións, sempre que así o soliciten persoalmente.

Artigo 19º.-Formación laboral.

No tocante á formación laboral, analizaranse cada un dos casos concretos que se vaian producindo e que sexan de interese tanto para a empresa como para os traballadores.

Disposición derradeira

En todo o non previsto no presente convenio observarase o disposto na ordenanza laboral para as industrias siderometalúrxicas, no Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido do Estatuto dos traballadores, a Lei orgánica de liberdade sindical e as demais disposicións de legal aplicación.

ANEXO

Táboa salarial convenio 1997

CategoríaSub-cat. ASub-cat. B

Persoal obreiro
Peón3.6403.389
Especialista3.6693.418
Oficial de 3ª3.7203.468
Oficial de 2ª3.7853.533
Oficial de 1ª3.8793.627
Traballad. menor 18 anos3.6403.389

Persoal subalterno
Almaceneiro3.6043.389
Probador3.7483.533
Listeiro3.6833.468
Recepcionista3.6043.389
Vixilante3.6043.389
Ordenaza3.6043.389
Porteiro3.6043.389
Conserxe3.6043.389
Chofer turismo3.7483.533
Chofer camión3.8413.627
Telefonista3.6833.468

Persoal técnico
Mestre taller4.5214.306
Xefe de taller4.6484.434
Encargado4.5214.306
Titulado medio4.6484.434
Titulado superior4.8474.632
Delineante proxectista4.3674.153
Delineante de 1ª3.8413.627
Calcador-reproductor3.6833.468
Delineante de 2ª3.7483.533
Controlador3.7483.533
Téc. organización 1ª3.8393.627
Téc. organización 2ª3.7483.533
Aux. organización 1ª3.6833.468
Aux. organización 2ª3.6333.418

CategoríaSub-cat. ASub-cat. B

Persoal administrativo
Aux. administrativo3.6833.468
Oficial Admvo. de 1ª3.8413.627
Oficial Admvo. de 2ª3.7483.533
Viaxante ou vendedor3.6833.468
Xefe Admvo. de 1ª3.8953.681
Xefe Admvo. de 2ª3.8413.627
Caixeiro3.6833.468
Xefe almacén3.8413.627
Xefe contabilidade3.8953.681
ATS4.6484.434
Traductor idiomas3.7483.533
Programador3.7483.533
Analista3.7483.533

6810