Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 209 Mércores, 29 de outubro de 1997 Páx. 10.450

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

RESOLUCIÓN do 17 de outubro de 1997, da Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación, pola que se convoca un exame extraordinario en decembro de 1997 para a obtención de titulacións para o goberno de embarcacións de lecer.

O Decreto 77/1996, do 29 de febreiro, asígnalle á Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura as funcións e servicios transferidos de acordo co previsto no Decreto 89/1996, do 26 de xaneiro, sobre o traspaso á Comunidade Autónoma de Galicia das funcións e servicios en materia de ensinanzas náutico-deportivas, correspondendo o exercicio destas á Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación.

Dadas as especiais circunstancias que se producen neste ano debido ó cambio de titulacións introducido pola orde do Ministerio de Fomento, do 17 de xuño de 1997, pola que se regulan as condicións para o goberno das embarcacións de lecer, e co obxectivo de facilita-la obtención dos títulos a todos aqueles que iniciaron a súa preparación polo sistema que agora se derroga,

RESOLVE:

Proceder á convocatoria dun exame extraordinario en decembro de 1997 para a obtención das seguintes titulacións:

a) Patrón de embarcacións de lecer.

b) Patrón de iate e patrón de iate de altura.

c) Capitán de iate.

Con suxeición ás seguintes bases da convocatoria:

Primeira.

1. Celebraranse os exames no Instituto Politécnico Marítimo Pesqueiro do Atlántico de Vigo, na Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira e na Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol, segundo a seguinte programación:

1. Instituto Politécnico Marítimo Pesqueiro do Atlántico de Vigo.

-Patrón de embarcacións de lecer.

-Patrón de iate.

-Patrón de iate de altura.

-Capitán de iate.

2. Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira.

-Patrón de embarcacións de lecer.

-Patrón de iate.

3. Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol.

-Patrón de embarcacións de lecer.

-Patrón de iate.

2. Os exames celebraranse o 16 de decembro de 1997.

Segunda.

As solicitudes de matrícula, que só terán validez para esta convocatoria, presentaranse, xunto á documentación, indicando o lugar de realización do exame, nas datas que a continuación se detallan e que se consideran prazos improrrogables para tódolos efectos.

-Desde o 31 de outubro ó 17 de novembro de 1997.

Terceira.

Para tódalas demais circunstancias cumprirase o disposto na Resolución do 13 de novembro de 1996, da Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación, pola que se convoca exame extraordinario en decembro de 1997 para a obtención de titulacións para o goberno de embarcacións de lecer (DOG nº 234, do 29 de novembro de 1996).

Santiago de Compostela, 17 de outubro de 1997.

Ana Mª Gallego Castro

Directora xeral de Formación Pesqueira

e Investigación

97-6712