Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 209 Mércores, 29 de outubro de 1997 Páx. 10.446

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

DECRETO 298/1997, do 23 de outubro, polo que amplía o Decreto 191/1997, do 3 de xullo, polo que se fixan os prezos correspondentes ós estudios conducintes á obtención de títulos oficiais no ensino universitario para o curso 1997/1998.

Os prezos públicos do ensino universitario fíxanse, dentro dos límites establecidos polo Consello de Universidades, polas comunidades autónomas ou polo Ministerio de Educación e Cultura nas universidades da súa competencia, respectando a autonomía das universidades na elaboración dos seus plans de estudio e de organización académica e ós consellos sociais no que corresponde ás bolsas, bonificacións e exención de taxas.

O Consello de Universidades estableceu os límites para os prezos utilizando como elemento de cálculo o crédito e como límite mínimo o IPC tomado do 1 de xuño de 1996 ó 31 de maio de 1997, e máximo o IPC incrementado en 3 puntos para determina-los prezos públicos.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, logo da consulta ás universidades, propuxo o texto do Decreto de prezos públicos para o curso 1997/1998 que determina unha suba do IPC por crédito e un marco de equivalencia para curso completo de 75 créditos para as carreiras técnicas e 60 créditos para as restantes carreiras, de acordo coas directrices do Consello de Universidades para a homologación de plans de estudio.

Por todo o que antecede, atendendo as cuestións suscitadas na aplicación do Decreto 191/1997, do 3 de xullo (DOG do 23 de xullo), en virtude das atribucións que me confire a Lei 11/1988, do 20 de outubro, de reforma da Lei 1/1983, do 22 de febreiro reguladora da Xunta e do seu presidente, por proposta do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, oídos os rectores das universidades galegas e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintetrés de outubro de mil novecentos noventa e sete,

DISPOÑO:

Artigo único.

Amplíanse os criterios de aplicación do Decreto 191/1997, do 3 de xullo, e quedan establecidos do seguinte xeito:

1º O valor do crédito do curso 1996/1997 incrementado no IPC (1,7%) é a unidade de multiplicación para o cálculo da matrícula no curso 1997/1998.

2º Atendendo a razóns económicas e de racionalidade académico-organizativa similares para un curso completo ás que había no curso anterior para a mesma carreira, a universidade cobrará, no caso das carreiras técnicas, o importe do curso completo correspondente a este tipo de estudios no curso 1996/1997 incrementado no IPC.

3º Para efectos do establecido no parágrafo 6º do artigo 2º do Decreto 191/1997, do 3 de xullo, entenderase que no caso das ensinanzas non renovadas tanto no caso de curso completo como de materias ou disciplinas soltas, o prezo calcularase incrementando no IPC o que lle correspondese no ano anterior.

4º Os anexos do Decreto 191/1997, do 3 de xullo, interpretaranse consonte as cláusulas anteriores.

Disposición derradeira

O presente decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintetrés de outubro de mil novecentos noventa e sete.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

8196