Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 209 Mércores, 29 de outubro de 1997 Páx. 10.445

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

ORDE do 8 de outubro de 1997 pola que se declara a alienabilidade de varios bens inmobles procedentes do patrimonio das extintas cámaras agrarias locais de Rois, Teo, Castrelo de Miño, Salvaterra de Miño e Tui.

Polo Decreto 269/1997, do 18 de setembro (DOG nº 191, do 3 de outubro), desafectáronse, entre outros, varios inmobles que integraban o patrimonio das extintas cámaras agrarias locais de Rois, Teo, Castrelo de Miño, Salvaterra de Miño e Tui.

Unha vez obtida a inscrición nos correspondentes Rexistros da Propiedade dos ditos bens inmobles a nome da Comunidade Autónoma de Galicia, procede declara-la súa alienabilidade conforme o disposto nos artigos 24 da Lei 3/1985 e 60 do Decreto 50/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o seu regulamento, co obxecto de posibilita-lo tráfico destes bens patrimoniais.

En virtude do anteriormente exposto, tendo en conta a proposta da Secretaría Xeral e do Patrimonio,

e logo do informe da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes,

DISPOÑO:

Artigo único.-Declárase a alienabilidade dos bens inmobles que se describen a continuación:

1. Urbana.-Local dunha soa planta, no sitio coñecido por Souto de Abaixo, do lugar de Dices, parroquia e municipio de Rois (A Coruña); ocupa sobre o seu fundo uns 117 m, que ten como anexo e para o seu servicio o resto do terreo sen edificar que o circunda de 283 m, no que en parte da súa superficie -cara o extremo norte do local- existe unha caseta destinada a centro de inseminación artificial, duns 22 m construídos. Linda: norte, herdeiros de Consuelo Lamas Romero (368); sur, estrada de Padrón a Noia; leste, antiga cámara agraria (367), hoxe Comunidade Autónoma de Galicia; e oeste, pista de concentración parcelaria.

Inscrita no Rexistro da Propiedade de Padrón no tomo 313, libro 69, folio 129, predio nº 6.323, inscrición 4ª.

2. Rústica.-Predio número 367 da zona de concentración parcelaria de San Mamede de Rois, municipio de Rois (A Coruña). Monte no sitio de Pumariño, de 317 m. Linda: norte, Consuelo Lamas Romero (368); sur, camiño; leste, terreo excluído, antiga cámara agraria e Consuelo Lamas Romero; e oeste, camiño.

Inscrita no Rexistro da Propiedade de Padrón no tomo 364, libro 88, folio 63, predio nº 8.812, inscrición 3ª.

3. Rústica.-Soar chamado Gandarón, sito no lugar da Ramallosa, parroquia de Lucí, municipio de Teo (A Coruña), de seis áreas e noventa centiáreas. Linda: norte, de Manuela Cajaraville; sur, herdeiros de Juan Cao Cerdeira; leste, estrada; e oeste, Antonio Martínez Montes e Josefa Cao Cerdeira. Sobre este predio construíuse un local destinado a almacén, celeiro e oficinas, de 140 m de superficie, que linda polo leste coa estrada, e outro de uso veterinario de 30 m.

Inscrita no Rexistro da Propiedade de Padrón no tomo 315, libro 76, folio 22, predio nº 6.171, inscrición 3ª.

4. Urbana.-Casa de baixo e planta alta, sita no barrio de Oleiros, parroquia de Santo Estevo, municipio de Castrelo de Miño (Ourense), cunha superficie aproximada de 59 m, cunha fronte de 7,40 m lineais; ten un anaco de terreo de 24 m polo oeste, e outro de 29 m polo sur cun fondo este último de 4 m en todo o largo da casa, e linda todo o conxunto, que forma un só predio: norte, estrada de Ourense a San Clodio; sur, viña de Florentino Sobrino Álvarez; leste, casa do mesmo Florentino Sobrino Álvarez, parede que fai medianil entre ámbalas dúas; e oeste: camiño público.

Inscrita no Rexistro da Propiedade de Ribadavia no tomo 454, libro 76, folio 129, predio nº 9.954, inscrición 2ª.

5. Urbana.-Terreo sito no barrio da Forca, municipio de Salvaterra de Miño (Pontevedra), cunha superficie de nove áreas e setenta e cinco centiáreas. Linda: norte e sur, Joaquín Morales Abril; leste, estrada a Teáns; e oeste, regato. Sobre este soar construíuse unha casa composta de baixo e planta alta.

Inscrita no Rexistro da Propiedade de Ponteareas no tomo 532, libro 156, folio 107, predio nº 15.919, inscrición 6ª.

6. Urbana.-Local nº 2, situado na primeira planta dunha edificación de tres plantas que ten a súa entrada pola Avenida 26 de Xullo, da vila de Tui (Pontevedra). Conta cunha superficie construída de 73,80 m, e útil de 68 m. Linda: á súa fronte ou oeste, camiño particular nun plano máis baixo; esquerda entrando ou norte, dereita ou sur, e fondo ou leste, co local nº 1. Ten o seu acceso a través dun corredor de 36,90 m, desde a Avenida 26 de Xullo e o camiño particular en plano máis baixo.

Inscrito no Rexistro da Propiedade de Tui, no tomo 697, libro 157, folio 138, predio nº 17.226, inscrición 3ª.

Santiago de Compostela, 8 de outubro de 1997.

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

8269