Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 209 Mércores, 29 de outubro de 1997 Páx. 10.446

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 21 de outubro de 1997 pola que se convocan axudas económicas para a realización de formación en empresas de alumnos/as que cursan ensinanzas de formación profesional de segundo grao, módulos, ciclos formativos, ensinanzas de artes aplicadas e oficios artísticos e programas de garantía social.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, asígnalle á Comunidade Autónoma a competen

cia plena na regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias e sen prexuízo do disposto no artigo 27 da Constitución e nas leis orgánicas que o desenvolven.

O Decreto 346/1996, do 13 de setembro (DOG do 24), que establece a estructura orgánica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e atribúelle á dirección xeral a xestión de accións de promoción educativa nas ensinanzas de formación profesional e artes plásticas.

A Lei 11/1992, do 7 de outubro (DOG do 14), de réxime financeiro e presupostario de Galicia e a Lei de presupostos xerais da Comunidade galega, establecen os requisitos e normas necesarias e básicas para a xestión e actividade económico-financeira do orzamento destinado a prácticas en alternancia e formación en centros de traballo.

O artigo 34.2 da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro (BOE do 4), de ordenación xeral do sistema educativo (LOXSE), determina que o currículo das ensinanzas de formación profesional específica incluirá unha formación práctica nos centros de traballo e indica que as administracións educativas arbitrarán os medios para que as empresas e institucións se incorporen ó desenvolvemento destas ensinanzas.

En virtude do disposto no Real decreto 676/1993, do 7 de maio (BOE do 22), no seu artigo 4, que desenvolve as finalidades do módulo de formación práctica en centros de traballo, do Decreto 239/1995, do 28 de xullo (DOG do 16 de agosto), que desenvolve o anterior e establece a ordenación xeral das ensinanzas da formación profesional específica e as directrices sobre os seus títulos, da Orde do 1 de setembro de 1995 (DOG do 21), sobre avaliación e acreditación académica do alumnado de formación profesional específica e a Resolución do 25 de xuño de 1997 (DOG do 29 de xullo), da Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional, pola que se dictan normas para regula-lo desenvolvemento dos ciclos formativos durante o curso 1997-1998.

Tendo presente o Real decreto 1991/1984, do 31 de outubro, que no seu artigo 19 establece que as prácticas profesionais realizadas por estudiantes ó amparo da lexislación educativa vixente, como parte integrante dos seus estudios académicos, non se inclúen na lexislación laboral.

Considerando que as prácticas en empresas para alumnos/as do último curso de formación profesional de 2º grao e de escolas de artes aplicadas e oficios artísticos teñen un grande interese polo seu valor didáctico e pedagóxico, ademais de que, no campo sociolaboral achegan os alumnos ó mundo en que se desenvolverá a súa vida profesional, aspectos polos que se considera necesario incluír este programa como unha das accións que hai que promocionar mediante o cofinanciamento do Fondo Social Europeo, como iniciativa de formación profesional do plan de emprego xuvenil que aprobou a Xunta de Galicia no consello do 30 de setembro de 1993.

Por todo isto, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, tendo en conta as suxestións das comisións de seguimento e das propias empresas, así como os informes da Inspección educativa,

DISPÓN:

Primeiro.-Convocar axudas cofinanciadas co Fondo Social Europeo, para a realización de formación en empresas destinada a alumnos/as do derradeiro curso de formación profesional de segundo grao, escolas de artes, módulos profesionais, ciclos formativos de grao medio e superior e programas de garantía social.

Dado o carácter de obrigatoriedade que as prácticas teñen no currículo dos módulos profesionais e dos ciclos formativos de grao medio e superior, os alumnos e alumnas que cursen estas ensinanzas unicamente recibirán axuda económica se a contía orzamentaria o permite.

Segundo.-Serán requisitos indispensables para solicitar esta axuda:

1. Que os/as solicitantes estean matriculados/as no derradeiro curso dunha especialidade de formación profesional ou escola de artes, nun módulo profesional, ciclo formativo ou programa de garantía social, tanto en centros públicos coma privados autorizados, dependentes desta Comunidade Autónoma. Esta actividade poderá desenvolverse en empresas con implantación fóra da Comunidade Autónoma de Galicia, sempre que exista o correspondente convenio de cooperación.

2. Que as solicitudes dos alumnos se formalicen no modelo de impreso que figura no anexo, teñan informe favorable do director/a ou inspector/a, segundo pertenzan a centros públicos ou privados.

3. Que o centro presente un proxecto de expediente económico viable de formación en empresas, no que se contabilicen tódalas solicitudes de alumnos/as recibidas para participar destas axudas.

Terceiro.-Os alumnos deben presenta-la súa solicitude no centro onde estean matriculados, antes do 20 de novembro.

No caso de alumnos/as que finalicen o período de formación en empresas en módulos profesionais e ciclos formativos despois do 30 de setembro de 1998 deberán presenta-las súas solicitudes de axuda económica na convocatoria do curso seguinte.

Cuarto.-A contía solicitada estará en función do número de xornadas formativas que se concerten coa empresa e da menor das distancias que existan entre esta e o domicilio do alumno/a, ou entre aquela e o centro educativo segundo o baremo seguinte:

DistanciaImporte

Dentro dun radio de 5 km 400 ptas./xornada

De 6 km ata 15 km 650 ptas./xornada

De 16 km ata 30 km 900 ptas./xornada

De 31 km ata 50 km1.300 ptas./xornada

Máis de 50 km (con retorno no día)1.700 ptas./xornada

Máis de 50 km (sen retorno no día)5.500 ptas./xornada

O número mínimo de xornadas para as que se concederá axuda será de 10 e o máximo de 80. No caso de máis de 50 km, sen retorno no día, o alumno/a non poderá ter máis de 15 xornadas.

Quinto.-Para o gasto que se proxecta, habilitarase o crédito adecuado e suficiente na partida 07.04.322S.482.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 1998 e, en ningún caso, a totalidade desta superará os 300.000.000 de pesetas.

Se a contía total das solicitudes superase o crédito de que se dispón, queda autorizada a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional para reaxusta-lo número de xornadas solicitadas de maneira que a súa contía non supere o crédito dispoñible. Neste suposto, comunicaráselle ós centros a modificación efectuada para que llelo fagan saber ós interesados/as.

Sexto.-O alumno/a estará acollido/a á mutualidade do seguro escolar e á póliza de seguro de accidentes de traballo e responsabilidade civil, subscrita pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Sétimo.-Os secretarios/as dos centros remitirán ás respectivas inspeccións das delegacións provinciais de educación o proxecto de expediente económico para formación en empresas do curso académico 1997-1998 antes do 1 de decembro.

A Inspección, unha vez revisados os proxectos de expedientes económicos, elevará as propostas ó delegado provincial, presidente da Comisión Provincial de Seguimento da Formación en Empresas, que os reexpedirá á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional, antes do 15 de decembro.

Oitavo.-A selección das peticións levarase a cabo por unha comisión integrada por:

-O subdirector xeral de Formación Profesional e de Educación de Adultos ou xefe de servicio en quen delegue, que actuará como presidente.

-Catro inspectores/as de institutos de educación secundaria, un/unha por cada provincia.

-Catro directores/as de centros nos que se imparta formación profesional, un/unha por cada provincia, propostos polo delegado provincial respectivo.

-Un funcionario/a da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, que actuará como secretario/a, con voz e sen voto.

Os membros da comisión poderán percibir asistencias, axudas para gastos e locomoción por concorrer ás sesións conforme o Decreto 299/1990, do 24 de maio (DOG do 1 de xuño).

Noveno.-A comisión, vistas as solicitudes presentadas e o crédito dispoñible, fará a correspondente proposta de adxudicación de axudas ó director xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional.

Décimo.-O director xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional comunicaralles ós centros a concesión ou denegación das axudas, ou, se fora o caso, a modificación da contía solicitada, de acordo co establecido no apartado quinto desta convocatoria. A partir da data de comunicación, concederase un prazo de reclamacións de 15 días naturais.

As reclamacións serán resoltas no prazo dun mes polo director xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional.

Décimo primeiro.-Para efectos do indicado no punto sexto desta orde, é imprescindible que con anterioridade á realización da formación en empresas, por parte do alumnado, os centros teñan debidamente formalizado coas empresas colaboradoras os concertos ou convenios, segundo o caso, para tódolos alumnos.

Estes documentos serán asinados polo director do centro, o representante da empresa, o inspector do centro e, se é o caso, o alumno.

Resoltas as reclamacións formuladas, as adxudicacións terán carácter definitivo. Contra a resolución definitiva poderase interpor recurso ordinario ante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes.

Décimo segundo.-As axudas efectuaranse nun só pagamento, despois da recepción da certificación do centro, conforme as xornadas formativas na empresa para as que se solicitou axuda se realizaron dentro do prazo previsto. Neste sentido, o centro poderá xustificar cambios de empresa ou mesmo variación doutras circunstancias, sempre e cando non supoña ningún aumento da axuda solicitada. En todo caso, ó final das prácticas o director/a do centro certificará ante a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional a total realización desta actividade.

Décimo terceiro.-O desfrute destas axudas é compatible con outras de carácter xeral con cargo ós fondos públicos, non podendo supera-la suma das axudas concedidas o custo do proxecto.

Décimo cuarto.-A falsidade dos datos ou falsificación de documentos que se presenten, calquera que sexa o momento en que se demostre a inexactitude, terá como consecuencia a perda de tódolos dereitos dos/das solicitantes que incorran en tal situación e a devolución total da cantidade percibida, ademais das responsabilidades a que houber lugar.

Décimo quinto.-Autorízase a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional para desenvolve-lo disposto nesta orde, que entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de outubro de 1997.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria

Director Xeral de Ordenación Educativa

e de Formación Profesional

8095