Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 205 Xoves, 23 de outubro de 1997 Páx. 10.307

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 6 de outubro de 1997 pola que se modifica a do 4 de novembro de 1996 pola que se establece o baremo para a autorización de novas oficinas de farmacia.

O Diario Oficial de Galicia publicou, na súa edición número 223 do 14 de novembro de 1996, a Orde do 4 de novembro de 1996 pola que se establece o baremo para a autorización de novas oficinas de farmacia.

Da lectura desta orde constátase que no recoñecemento de méritos contido no anexo da dita orde non se ten en conta, e non se computan, as funcións e actividades dos farmacéuticos nas oficinas de farmacia militares, cando son moitos os puntos de semellanza entre os servicios de farmacia e depósitos de medicamentos nos hospitais, centros de atención primaria e centros sociosanitarios coas oficinas de farmacia militares.

Así mesmo, respecto ó tema da non computación de méritos profesionais de farmaceúticos que procedan á transmisión por calquera título, é necesaria a equiparación á mesma dos supostos de renuncia ós seus dereitos co fin de evita-los problemas derivados de tal baleiro na norma.

Ademais ante o silencio da norma, é preciso recolle-lo medio a través do que se poida acredita-lo

exercicio como farmacéuticos rexentes, sustituto e adxuntos para os efectos de proceder á súa computación.

Cómpre, así mesmo, considera-la situación concreta e especial dos farmacéuticos que padezan algún grao de minusvalidez que lles impida atoparse nunha situación de igualdade co resto dos farmacéuticos.

Consecuentemente, parece oportuna a modificación da dita orde co obxecto de computa-los méritos dos titulados farmacéuticos exercentes nas oficinas de farmacia militares, recolle-la equiparación da renuncia á oficina de farmacia á transmisión por calquera título e sinala-lo medio a través do que se poida acredita-lo exercicio como farmacéuticos rexentes, sustitutos ou adxuntos.

Por todo o anterior, en uso das facultades que me confiren os artigos 34.6 e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 1/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo único.

1. Engádese un parágrafo ó final do artigo 2, coa seguinte redacción:

«O exercicio como farmacéutico rexente, substituto ou adxunto deberá acreditarse en todo caso mediante a correspondente certificación de cotización expedida pola Seguridade Social, acompañada de certificación da toma de posesión expedida pola Delegación Provincial da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais».

2. Engádese un último parágrafo inmediatamente antes da alínea c) do nº 1 do anexo:

«Para os efectos do disposto no parágrafo anterior, a renuncia á oficina de farmacia ou ós dereitos relativos a esta equipárase á súa transmisión por calquera título».

3. Modifícase a alínea 1.c) do anexo que queda redactada como segue:

«C) Exercicio como farmacéutico nos servicios de farmacia e depósitos de medicamentos, nos hospitais, centros de atención primaria, centros sociosanitarios e nas oficinas de farmacia militares, neste último caso sempre que fose retribuído:

-Nos últimos 10 anos: 0,6 puntos por ano.

-Nos anos anteriores: 0,3 puntos por ano».

4. Engádese un número 8 ó anexo da Orde do 4 de novembro de 1996 pola que se establece o baremo para a autorización de novas oficinas de farmacia, coa seguinte redacción:

«8. Minusvalideces.

As minusvalideces non incapacitantes para o exercicio profesional farmacéutico, acreditadas a través do correspondente certificado expedido polos equipos de valoración e orientación da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, valoraranse do seguinte xeito:

-Minusvalidez en porcentaxe non superior ó 65%: 0,5 puntos.

-Minusvalidez en porcentaxe superior ó 65%: 1 punto».

Santiago de Compostela, 6 de outubro de 1997.

José María Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais

e Presidente do Servicio Galego de Saúde

8013