Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 205 Xoves, 23 de outubro de 1997 Páx. 10.304

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

ORDE do 8 de outubro de 1997 pola que se desenvolven determinados artigos do Decreto 90/1997, do 10 de abril, polo que se establece a organización recadatoria da Xunta de Galicia e o Estatuto dos recadadores de zona.

O capítulo V do título II do Decreto 90/1997, do 10 de abril, polo que se establece a organización recadatoria da Xunta de Galicia e o Estatuto dos recadadores de zona, refírese á xestión recadatoria en vía de constrinximento, o cal debe ser desenvolvido mediante orde de xeito que queden delimitadas as funcións e pautas de actuación en cada caso.

Igualmente, do contido do decreto dedúcese a necesidade de concreta-lo capítulo das retribucións do servicio e, en especial, o dos límites admisibles como retribucións do persoal colaborador para os efectos do cómputo de gastos inherentes á zona de recadación.

En consecuencia, e facendo uso da autorización contida na disposición adicional do dito decreto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Da xestión recadatoria en vía de constrinximento.

1.1. Cargo de valores. Providencias de constrinximento.

O cargo das providencias de constrinximento ás zonas de recadación efectuarano o Servicio Central de Recadación a través da aplicación informática do Sistema Centralizado de Recadación (en adiante SCR) que para a xestión recadatoria en período executivo se dispón.

Efectuado o proceso de carga, o sistema xerará o número de envío á zona, que será correlativo dentro do ano, e a data do envío.

Desde este momento, e desde o terminal do SCR instalado na zona, poderase extraer, segundo as especificacións técnicas do anexo I, toda a información relativa ó cargo efectuado. Nesa data, o Servicio Central de Recadación achegará, por duplicado, a cada unha das zonas de recadación listas de totais e detalle das providencias incluídas no cargo.

1.2. Recepción do cargo polo recadador.

Recibidas as listas do Servicio Central de Recadación, o recadador, no prazo máximo de tres días hábiles desde a súa recepción, asinará o correspondente recibín, logo da comprobación de que o cargo está dispoñible no seu terminal do SCR, que achegará ó Servicio Central de Recadación. A data do recibín considerarase como data de recepción do cargo para tódolos efectos.

No prazo máximo de dous meses, contados desde a data de recepción, o recadador poderá realiza-la

depuración dos valores recibidos, devolvendo ó Servicio Central de Recadación aqueles que resulten improcedentes como consecuencia da non correspondencia do enderezo do debedor co ámbito territorial da zona.

1.3. Notificación da providencia de constrinximento.

A notificación da providencia de constrinximento realizarase no prazo e condicións establecidas no artigo 103 do Regulamento xeral de recadación, utilizando o documento que estableza a Dirección Xeral de Tributos.

1.4. Providencia de embargamento.

Transcorrido o prazo sinalado no artigo 108 do Regulamento xeral de recadación sen terse efectuado o ingreso requirido, o Servicio Central de Recadación dictará providencia pola que ordene o embargamento de bens e dereitos en cantidade suficiente para cubri-lo crédito perseguido e a recarga, xuros e custas que con posterioridade ó primitivo acto administrativo se causaran ou se causen. O período de tempo transcorrido entre o remate do prazo do artigo 108 do Regulamento xeral de recadación e aquela en que se dicte a providencia de embargamento non se computará para os efectos do prexuízo de valores.

O Servicio Central de Recadación enviará a cada unha das zonas de recadación, para constancia destas, o orixinal da providencia de embargamento por cada unha dos valores en que aquela fora dictada. Dictada a providencia de embargamento, as zonas de recadación poderán practica-los embargamentos mediante a extensión das correspondentes dilixencias de acordo cos modelos establecidos pola Dirección Xeral de Tributos.

1.5. Datas de valores.

Dependendo do tipo de data, estas poderanse realizar de forma automática, como consecuencia do tratamento centralizado na Consellería de Economía e Facenda da información que sobre a xestión recadatoria rendan as entidades colaboradoras autorizadas nos prazos e condicións que establece o Regulamento xeral de recadación, ou ben, manualmente, desde a propia zona de recadación, dando de alta no SCR as distintas situacións asociadas ás datas que non levan aparellado un ingreso:

a) Serán aplicadas automáticamente no SCR polo Servicio Central as seguintes datas:

-Por ingreso en entidade colaboradora.

-Por ingreso en zona de recadación.

-Por embargamento de efectivo.

-Por embargamento de contas abertas en entidades de depósito.

-Por embargamento de créditos, soldos, salarios e pensións.

-Por alleamento de inmobles, establecementos mercantís.

-Por outros embargamentos.

b) Serán aplicadas manualmente no SCR polas zonas de recadación as datas:

-Por adxudicación de bens á comunidade.

-Por insolvencia.

-Por outras causas.

1.6. Ingresos na zona de recadación.

Os ingresos na zona de recadación serán pola totalidade da débeda pendente, agás aqueles ingresos parciais que se poidan producir unha vez iniciado o procedemento de constrinximento.

O recadador das cantidades cobradas expedirá xustificante delas utilizando o modelo de ingreso establecido pola Dirección Xeral de Tributos.

O recadador ingresará diariamente, en calquera das entidades colaboradoras autorizadas pola Consellería de Economía e Facenda, o importe da recadación habida na zona no día.

1.7. Documentación recadatoria.

a) Diaria

O Servicio Central de Recadación obterá do SCR o parte diario dos ingresos producidos nas zonas de recadación.

b) Mensual.

Dentro dos dez primeiros días de cada mes e referido ó mes anterior, o SCR facilitará, tanto ó Servicio Central de Recadación como a cada unha das zonas de recadación as datas aplicadas ó sistema, distinguindo as que corresponden a ingresos daqueloutras pertenecentes ó resto de tipo de datas.

c) Documentación anual.

Ó termo de cada exercicio económico e, en calquera caso, dentro do mes seguinte a este, o Servicio Central de Recadación obterá da aplicación informática SCR a seguinte documentación:

-A relación de valores pendentes de cobro á fin de cada exercicio, ben con carácter xeral ou por cada unha das zonas de recadación, así como polo total de débeda ou polo detalle desta.

-A conta de xestión, cun detalle da débeda pendente ó comezo do exercicio, cargos efectuados ó longo deste, datas polos distintos motivos e orixes, e o pendente á fin do exercicio.

1.8. Pagamento das débedas fóra da zona de recadación.

Calquera ingreso que corresponda a débedas que xa foran cargadas polo SCR a unha zona de recadación aplicarase e computarase como realizado a esta con independencia da canle de ingreso.

1.9. Remoción de obstáculos.

Transcorrido o prazo a que se refire o artigo 28.3 do Decreto 90/1997, e logo da comunicación dos recadadores ó Servicio Central de Recadación, este procederá a dar de alta esta situación, interrompéndose desde a data de comunicación o cómputo de prazos para o prexuízo de valores.

Artigo 2º.-Das retribucións do servicio.

2.1. Liquidación.

Unha vez tratada a información recadatoria rendida polas entidades colaboradoras, e, en todo caso, dentro dos dez primeiros días hábiles do mes seguinte a aquel de que se trate a liquidación, o Servicio Central de Recadación obterá do SCR a simulación da facturación por cada unha das zonas de recadación.

Este proceso seleccionará os importes obtidos polas datas de:

-Ingreso (con orixe en zona ou en delegación territorial).

-Embargamento.

-Adxudicación de bens á Comunidade Autónoma.

Aplicadas ó sistema no mes obxecto de liquidación e que se atopan pendentes de retribuír.

Estas datas clasificaranse por tramos de importes segundo a tarifa que se aplique en cada caso, de acordo co previsto na orde en que se fixen as retribucións.

O importe das retribucións do recadador, resultado de aplica-las porcentaxes establecidas sobre os ingresos obtidos polas ditas datas, verase incrementado e diminuído nas cantidades que se correspondan polo importe sobre o el valor engadido e polo imposto sobre o rendemento das persoas físicas.

Ó resultado das operacións anteriores engadiránselle as custas anticipadas polos recadadores e imputadas polas zonas ás providencias obxecto de liquidación.

2.2. Pagamento.

Dentro dos quince primeiros días hábiles de cada mes, e sempre que as liquidacións facilitadas polo SCR sexan da conformidade dos recadadores, o Servicio Central de Recadación proporá mandamento de pagamento a favor destes.

2.3. Asignación mínima.

Dentro dos cinco primeiros días hábiles do mes en que comeza cada trimestre natural, os recadadores poderán solicitar da Dirección Xeral de Tributos un anticipo, a conta da liquidación anual, do 25 % da cantidade que se fixe como asignación mínima para cada ano. Na solicitude expresaranse os motivos que a xuízo do recadador xustifican o anticipo. A Dirección Xeral de Tributos, dentro dos cinco días hábiles seguintes a aquel en que tivo entrada a solicitude, acordará ou denegará a concesión do anticipo solicitado.

No suposto de que o recadador asuma a zona de recadación unha vez iniciado o trimestre natural e superado o prazo para formula-la petición poderá solicitar igualmente o anticipo que correspondese para ese período. A solicitude terá que formularse no prazo de cinco días hábiles desde que tomase posesión da zona e constituíse a fianza.

2.4. Gastos computables da zona.

Para os efectos de poder aboa-lo importe da asignación mínima, no suposto previsto no artigo 31 do Decreto 90/1997, tódolos gastos computables da zona relacionados no artigo 32 do citado decreto, estarán suficientemente acreditados mediante os documentos que os xustifiquen.

Non obstante, en relación coas retribucións do persoal colaborador integrado efectivamente nos cadros de persoal aprobados pola Dirección Xeral de Tributos, só terán a consideración de gastos computables os conceptos e contías que a continuación se indican:

a) Retribucións básicas: as que en cada exercicio correspondan de acordo co convenio colectivo único do persoal laboral da Xunta de Galicia en concepto de salario base.

b) Restantes retribucións: aquelas das que a suma non exceda o trinta por cento das retribucións básicas a que se refire o apartado anterior.

En todo caso, os gastos computables de cada exercicio a que se refire este artigo diminuiranse nos importes e axudas e subvencións percibidas da Xunta de Galicia directamente relacionadas cos ditos gastos durante o exercicio de que se trate.

Artigo 3º.-Xuros de demora.

Dentro do procedemento de constrinximento e de acordo co previsto na Lei xeral tributaria e no Regulamento xeral de recadación, o recadador calculará e cobrará os xuros nos casos en que corresponda.

Artigo 4º.-Custas do procedemento.

Teñen a consideración de custas do procedemento de constrinximento aqueles gastos que se orixinen durante o proceso de execución forzosa.

O recadador anticipará, cando se orixinen, os gastos que o Regulamento xeral de recadación admite como custas do procedemento, e aqueloutros que a propia execución forzosa requira e sexan autorizados pola Dirección Xeral de Tributos.

O recadador gravará no SCR e respecto das providencias afectadas, o importe das custas anticipadas, as cales terán que estar suficientemente acreditadas, para que no proceso posterior de facturación lle sexan reembolsados os importes adiantados.

Non se poderán incluír como custas os gastos ordinarios da zona de recadación, polo que o SCR non admitirá gastos con data anterior á da providencia de embargamento.

Artigo 5º.-Constitución da mesa para as poxas.

A mesa estará composta polo delegado territorial da consellería, que será o presidente; polo recadador de zona; polo interventor territorial e polo xefe do Servicio de Recadación da delegación territorial, que actuará como secretario. Todos eles poderán ser substituídos, e no caso do recadador terá que ser por outro recadador de zona.

Santiago de Compostela, 8 de outubro de 1997.

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

ANEXO I

REXISTROS DE SAÍDA DO PROGRAMA RSREXPORTA

Os seguintes ficheiros constitúen a información de providencias que o sistema dá ós recadadores.

Esta información está composta por 3 ficheiros, un de providencias, outro de datas e un de situacións.

Ficheiro de providencias (SREXPORTA*zzz-RECAD).

Tipo de rexistro 1

1.Nome do ficheiro (RECAD)5A

2.Mes e díaMMDD

3.Tipo de rexistro (1)1A

4.Aplicación de orixe3A

5.Delegación2N

6.Data de CargoAAAAMMDD

7.Data de CustasAAAAMMDD

8.Data de EnvíoAAAAMMDD

9.Data de Ingresos fóra de prazoAAAAMMDD

10.Data de XurosAAAAMMDD

11.Data de Notificación de Prov. de Constrinx.AAAAMMDD

12.Data de Providencia de EmbargamentoAAAAMMDD

13.Data de Providencia de ConstrinximentoAAAAMMDD

14.Data de NotificaciónAAAAMMDD

15.Data de Vencemento en VoluntariaAAAAMMDD

16.Data de Vencemento Art.108AAAAMMDD

17.Importe de Custas11N

18.Filler10A

Tipo de rexistro 2

1.Nome do ficheiro (RECAD)5A

2.Mes e díaMMDD

3.Tipo de rexistro (2)1A

4.Importe de Ingresos fóra de prazo11N

5.Importe de Xuros11N

6.Tipo de Imposto1A

7.Importe Principal11N

8.Importe do Recargo11N

9.N.I.F.9A

10.Número de Cargo5N

11.Número de Providencia11N

12.Número de Envío5N

13.Número de Liquidación19A

14.Código de Dirección2N

15.Zona de Cargo3N

16.Zona Autorizada 13N

17.Zona Autorizada 23N

18.Zona Autorizada 33N

19.Zona Autorizada 43N

20.Zona Autorizada 53N

Tipo de rexistro 3

1.Nome do ficheiro (RECAD)5A

2.Mes e díaMMDD

3.Tipo de rexistro (3)1A

4.Apelidos e Nome34A

5.Siglas2A

6.Número de casa5N

7.Nome de rúa25A

8.Letra portal1A

9.Escaleira2A

10.Andar2A

11.Porta2A

12.Provincia2N

13.Municipio3N

14.Dictar Providencia Embargamento (S/N)1A

15.Data Facturación de CustasAAAAMMDD

16.Data Remate de ProvidenciaAAAAMMDD

17.Data Recepción do CargoAAAAMMDD

18.Importe Cargado11N

Ficheiro de datas (SREXPORTA*zzz-DATAS).

1.Nome do ficheiro (DATAS)5A

2.Mes e díaMMDD

3.Ano do período4N

4.Aplicación de orixe3A

5.Entidade bancaria4N

6.Código de orixe da data3N

7.Sucursal bancaria4N

8.Data da dataAAAAMMDD

9.Importe da data11N

10.Mes do período2N

11.Número de providencia11N

12.Numero de período2N

13.Tipo de data2A

14.Tipo de orixe da data1A

15.Data Facturación da dataAAAAMMDD

Ficheiro de situacións (SREXPORTA*zzz-SITUA).

1.Nome do ficheiro (SITUA)5A

2.Mes e díaMMDD

3.Aplicación de orixe3A

4.Código de orixe da situación3N

5.Data remate da situaciónAAAAMMDD

6.Data inicio da situaciónAAAAMMDD

7.Número de providencia11N

8.Tipo de orixe da situación1A

9.Tipo de situación3A

10.Filler2A

7983