Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 205 Xoves, 23 de outubro de 1997 Páx. 10.308

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 14 de outubro de 1997 pola que se clasifica como de interese social a Fundación para a Protección de Discapacitados Psíquicos da Terra de Celanova.

Visto o expediente de clasificación da Fundación para a Protección de Discapacitados Psíquicos da Terra de Celanova, con domicilio en Celanova.

Supostos de feito.

1. Xosé Antonio Pérez Cortés, na súa calidade de presidente do padroado da fundación, en escrito do vintetrés de xullo de 1997, formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Celanova, o día 15 de xullo de 1997, ante o notario do Ilustre Colexio da Coruña, Miguel Ángel Freile Vieira co número mil setecentos trinta e un do seu protocolo, por José Antonio Pérez Cortés, Antonio Mouriño Villar, Radigundo Castro Fernández, Carmen Leite Coello, Manuel Vázquez Outeiriño e Pilar Otilia López García, interveñen en representación da mancomunidade de concellos Terra de Celanova.

3. Segundo consta no artigo 6 dos estatutos, o obxecto da fundación é proporcionar asistencia social para discapacitados psíquicos en idade laboral cunha minusvalidez que lles impida a súa integración nunha empresa ou nun centro especial de emprego, prestando funcións tutelares, asistenciais, ocupacionais e, en xeral, calquera tipo de actividades formativas ou educacionais tendentes a mellora-la calidade de vida dos seus beneficiarios.

4. O padroado da fundación estará constituído por José Antonio Pérez Cortés, Antonio Mouriño Villar, Radigundo Castro Fernández, Carmen Leite Coello, Manuel Vázquez Outeriño e Pilar Otilia López García.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevoulle ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública proposta de clasificación como de interese social da Fundación para a Protección de Discapacitados Psíquicos da Terra de Celanova, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que

se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como de interese social e a súa adscrición á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e a Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Fundamentos de dereito.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2.c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, correspóndelle a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 14 de outubro de 1997.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como de interese social a Fundación para a Protección de Discapacitados Psíquicos da Terra de Celanova e adscribila á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 14 de outubro de 1997.

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

8014