Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 201 Venres, 17 de outubro de 1997 Páx. 10.143

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 291/1997, do 9 de outubro, polo que se acepta a cesión, a título gratuíto, do uso e aproveitamento da Casa Rectoral de Santo André de Campo Redondo, termo municipal de Ribadavia (Ourense), feita pola Diócese de Ourense a favor da Comunidade Autónoma de Galicia para sede do Museo Galego do Viño.

O Bispado de Ourense acordou ceder gratuitamente á Xunta de Galicia o uso e aproveitamento do

inmoble coñecido como Rectoral de Santo André de Campo Redondo, sito no termo municipal de Ribadavia (Ourense), así como a facultade de realizar nel as obras que foran necesarias para a instalación do Museo Galego do Viño.

Conforme os artigos 17.1 da Lei 3/85, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma galega, e 34 do seu regulamento, aprobado polo Decreto 50/1989, do 9 de marzo, a adquisición pura e simple de bens a título gratuíto ou lucrativo requirirá decreto do Consello da Xunta, por proposta da Consellería de Economía e Facenda. Así mesmo, os artigos 23.1 da mesma lei e 38.1 do regulamento establecen que non se poderán adquirir bens ou dereitos a título lucrativo cando o valor dos gravames, cargas ou afeccións impostos sobre eles superen o seu valor intrínseco; se ben non se consideran carga, gravame ou afección os investimentos que teña que realiza-la Comunidade Autónoma para da-lo destino de uso xeral ou servicio público da súa competencia que fixe o cedente ou doador.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, feita nos termos nos que a Diócese de Ourense acordou a cesión, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día nove de outubro de mil novecentos noventa e sete,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Acepta-la cesión gratuíta, ata o ano 2.018, do uso e aproveitamento do seguinte inmoble que pertence á Diócese de Ourense:

«Casa rectoral, cunha adega chamada Cueva, e dous locais máis, a adega e os locais son terreiros; ámbolos dous locais son construccións anexas á Casa Rectoral, sendo un deles un espacio de catorce metros cadrados con cociña e forno, e o outro, un galiñeiro de dez metros e cincuenta centímetros cadrados. A Casa Rectoral ten unha superficie de cento corenta e catro metros cadrados e mide todo o conxunto -casa, patio e edificacións anexas- setecentos trinta metros e cincuenta centímetros cadrados. A Casa Rectoral consta de soto, baixo e baixo-cuberta, cada un con cento corenta e catro metros cadrados por planta. Linda todo o conxunto: norte, propiedade de Benigno Rodríguez; sur, rúa García Penedo e leste e oeste, praza».

Artigo 2º

O dereito cedido sobre o inmoble arriba descrito adscríbese á Consellería de Cultura e Comunicación Social para a creación do Museo Galego do Viño.

Artigo 3º

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, procederá á formalización da cesión no correspondente documen

to público e á inscrición do dereito cedido no Rexistro da Propiedade a nome da Comunidade Autónoma.

Disposición derradeira

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, levará a cabo tódolos trámites necesarios para a efectividade do presente decreto.

Santiago de Compostela, nove de outubro de mil novecentos noventa e sete.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

7837