Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 201 Venres, 17 de outubro de 1997 Páx. 10.144

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 292/1997, do 9 de outubro, polo que se cede o uso do inmoble coñecido como Complexo de Turismo Náutico/Club Fluvial de Castrelo de Miño, termo municipal de Castrelo de Miño (Ourense), a favor do Concello de Castrelo de Miño.

O Concello de Castrelo de Miño solicitou á Consellería de Economía e Facenda a cesión do uso das instalacións do Complexo de Turismo Náutico ou Club Fluvial sito no seu termo municipal, para destinalas a actividades náutico-turísticas.

Mediante Decreto 210/1997, do 30 de xullo, (DOG nº 152, do 8 de agosto), desafectouse do dominio público o antedito inmoble.

Por orde da Consellería de Economía e Facenda, do 9 de setembro de 1997 (DOG nº 182, do 22 de setembro) declarouse a alienabilidade do inmoble.

A Secretaría Xeral e do Patrimonio, dependente da antedita consellería, tramitou o expediente de cesión do uso de acordo co previsto nos artigos 83 e seguintes do Regulamento que desenvolve a Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma galega.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día nove de outubro de mil novecentos noventa e sete,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Acórdase a cesión do uso, a título gratuíto, do inmoble coñecido como Complexo de Turismo Náutico/Club Fluvial de Castrelo de Miño, a favor do Concello de Castrelo de Miño, e que se describe como segue:

«Parcela de terreo denominada Regocha ou O Fontenlo, sita no termo municipal de Castrelo de Miño

(Ourense), dunha extensión superficial de trinta e dous mil trescentos metros cadrados, que linda ó norte, co encoro de Castrelo; ó sur, terreos do Concello, de Carlos Alonso Montero, José Álvarez Castiñeiras, Antonio Rodríguez Villar, María Esther Viso González, Francisco Guitián González, Camilo Fernández Lafuente, Alfonso Bande González, Fernando Pérez Viso, Manuel Rodríguez Rodríguez, Carlos Alonso Montero, José González Bangueses, Florencio Regueiro Rey, Tomás Sobrino Trabazos e José González Bangueses; ó leste, camiño e ó oeste, terreos municipais e Fenosa. Sobre a dita parcela construiuse un edificio de planta baixa e primeira planta, coas características constructivas reflectidas no proxecto de obra e que linda por tódolos seus ventos coa parcela antes descrita. A planta baixa ten unha superficie construída de 730,02 m e unha superficie útil de 441,07 m e alberga as seguintes dependencias: almacén, cociña, restaurante, cafetería, cuarto de instalacións, sala de xogos, sala de

urxencias e sala de estar. Na planta primeira, cunha superficie de 642,35 m e útil de 563,24 m, encóntrase unha sala de estar, unha zona de comunicación e unha terraza cuberta».

O dito inmoble atópase inscrito no Rexistro da Propiedade de Ribadavia no tomo 471, libro 77 de Castrelo de Miño, folio 43, predio número 10104, inscrición 2ª.

Artigo 2º

A cesión do uso queda sometida ás seguintes cláusulas:

a) O fin da cesión será a dedicación das instalacións do inmoble a actividades náutico-turísticas.

b) A cesión do uso outórgase por un período de dez anos, contados desde o outorgamento da correspondente escritura pública, prorrogable por períodos sucesivos da mesma duración, se así o acordase expresamente o Consello da Xunta, por proposta da Consellería de Economía e Facenda, logo da petición do cesionario con anterioridade ó vencemento do período anterior e quedando excluída a tácita reconducción.

c) Se o dereito cedido non se aplicase ó fin sinalado dentro do prazo dun ano, contado desde o outorgamento da escritura pública, deixase de estalo con posterioridade, ou se incumprisen calquera das outras cláusulas, considerarase resolta a cesión e o dereito reverterá á Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 87 do Regulamento da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma galega.

d) Serán de conta do Concello de Castrelo de Miño:

-Os gastos de conservación e mantemento do inmoble do que se cede o uso.

-Os gastos polos servicios con que conte o inmoble que se individualicen mediante aparellos contadores.

-As cotas dos tributos que poidan grava-lo inmoble.

e) As obras de adaptación, reparación e mellora do inmoble, que serán por conta da entidade cesionaria, requirirán a presentación do proxecto e a súa aprobación pola Secretaría Xeral e do Patrimonio da Consellería de Economía e Facenda. En todo caso, as expensas investidas quedarán en beneficio do inmoble e, en ningún caso, poderán ser reembolsados pola Comunidade Autónoma de Galicia, propietaria do inmoble.

f) O Concello de Castrelo de Miño suscribirá unha póliza, da que será beneficiaria a Comunidade Autónoma de Galicia, que cubra os danos do inmoble do que se cede o uso, así como a responsabilidade civil por posibles danos a terceiros.

Artigo 3º

A cesión do uso formalizarase mediante escritura pública subscrita polo secretario xeral e do Patrimonio ou funcionario en quen delegue, debendo constar nela o acordo de cesión e a aceptación do cesionario.

Disposición derradeira

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, realizará os trámites necesarios para a efectividade de canto se dispón no presente decreto.

Santiago de Compostela, nove de outubro de mil novecentos noventa e sete.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

7878