Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 200 Xoves, 16 de outubro de 1997 Páx. 10.101

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 22 de setembro de 1997, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo provincial da empresa Harinas del Atlántico, S.A. (Hadasa).

Visto o expediente do convenio colectivo da empresa Harinas del Atlántico, S.A. (Hadasa) que tivo entrada nesta delegación provincial o día 11-9-1997, subscrito en representación da parte económica pola empresa, e da parte social polo comité de empresa o día 3-9-1997, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, da Lei 8/1980, do 10 de marzo, do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de traballo, esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro rexistro de convenios colectivos de traballo existente nesta delegación provincial, e notificación ás representacións económica e social da Comisión Negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 22 de setembro de 1997.

Mª Reyes Carabel Pedreira

Delegada provincial da Coruña

Convenio Colectivo de ámbito de empresa

Harinas del Atlántico, S.A. (Hadasa)

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

O presente convenio colectivo será de aplicación a tódolos traballadores e traballadoras que prestan os seus servicios na empresa Hadasa, sita en Ribeiriña, s/n, A Pobra do Caramiñal (A Coruña), así como os que ingresen na empresa durante a vixencia del.

Artigo 2º.-Vixencia e duración.

Terá unha duración de doce meses, entrando en vigor para tódolos efectos ó día 1 de xaneiro de 1997 ata o 31 de decembro de 1997. Durante a vixencia del, non poderá ser afectado polo disposto en convenio colectivo de ámbito distinto, todo iso ó abeiro de canto prevé o artigo 84 da Lei 8/1980, do 10 de marzo, que aprobou o Estatuto dos traballadores.

Artigo 3º.-Prórroga.

Ó cumpri-la data do seu vencemento, este convenio colectivo prorrogarase tacitamente de ano en ano, de non mediar denuncia, por calquera das partes, cunha antelación mínima dun mes.

Artigo 4º.-Condicións máis beneficiosas.

Respectaranse as condicións persoais máis beneficiosas cás asinadas neste convenio, manténdose o dito ó respecto en forma estrictamente ad personam.

Artigo 5º.-Retribucións.

Os salarios base establecidos neste convenio son os que se achegan na táboa salarial anexa.

Artigo 6º.-Antigüidade.

Os aumentos por antigüidade ó servicio da empresa quedan constituídos por dous trienios aboados ó 5% e quinquenios ó 10% calculados, en todo caso, sobre os salarios base de cada categoría profesional.

Artigo 7º.-Gratificacións extraordinarias.

Tódolos traballadores/as da empresa precibirán dúas gratificacións extraordinarias ó ano, que se chamarán de verán e Nadal. Percibiranse os días 15 de xullo e decembro, respectivamente, a razón dunha mensualidade de salario base, incrementada coa antigüidade correspondente.

Artigo 8º.-Paga de beneficios.

Tódolos traballadores da empresa percibirán en concepto de paga de beneficios, dentro do primeiro trimestre do ano, a cantidade correspondente a 25 días de salario base maila antigüidade.

Artigo 9º.-Horas extraordinarias.

As horas extraordinarias que se fagan aboaranse cos seguintes recargos:

-85% as feitas en día laborables.

-160% as que se fagan en domingos, festivos e despois das vintedúas horas.

Para calcula-lo valor das horas extraordinarias recorrerase á seguinte fórmula:

Salario hora = (salario mensual x 14,5 pagas + antigüidade ano)/(1.800 horas traballo ano).

O salario que resulte servirá de base para determina-lo importe das horas extraordinarias.

Artigo 10º.-Horas extras estructurais.

Polas especiais circunstancias que concorren nas actividades desta empresa, que ten que transformar mercadorías perecedeiras, as partes asinantes recoñecen a ineludible necesidade de traballar certo número de horas extraordinarias en relación co artigo 35 da Lei 8/1980, do 10 de marzo. Estas horas extraordinarias traballadas terán a consideración de estructurais, de acordo co estipulado no artigo 7 do Real decreto 82/1979, do 19 de xaneiro, e Real decreto 1858/1981, do 20 de agosto.

Artigo 11º.-Xornada laboral.

A xornada laboral queda fixada en 40 horas semanais, prestadas de luns a venres. En xornada continua 15 minutos de descanso.

En cumprimento do estipulado no apartado cuarto do artigo 35 da Lei 8/1980, do 10 de marzo, queda fixado un calendario laboral de 225 días efectivos de traballo.

Artigo 12º.-Plus de nocturnidade.

Para as horas traballadas en xornada nocturna (de 22 a 6 horas), establécese un plus consistente nun 25% do salario base máis antigüidade.

Artigo 13º.-Percecións en caso de ILT.

Os traballadores que sufran enfermidade ou accidente laboral percibirán, desde o primeiro día e durante un prazo máximo dun ano, o complemento necesario para que, sumado ás prestacións da Seguridade Social, alcancen o cen por cento do seu salario. Esta perceción procederá unicamente nos supostos de incapacidade laboral transitoria derivada de accidente ou enfermidade común que requira hospitalización.

A empresa poderá verificar en calquera momento o estado de enfermidade ou accidente do traballador/a, mediante persoal facultativo que para estes efectos nomee a empresa.

Toda negativa ó dito recoñecemento determinará a suspensión dos dereitos económicos que puidese existir por conta da empresa polas ditas situacións.

Artigo 14º.-Vacacións.

Tódolos traballadores desfrutarán de 30 días naturais de vacacións anuais, retribuídos a salario real. A dirección da empresa elaborará de mutuo acordo, cos delegados sindicais, un calendario de vacacións,

antes do día 31 de marzo, expoñéndose este no taboleiro de anuncios da empresa para coñecemento do conxunto de traballadores/as.

Artigo 15º.-Licencias retribuídas.

O persoal da empresa terá dereito a licencias retribuídas nos seguintes casos:

A) Matrimonio do traballador/a: 16 días naturais.

B) Parto da esposa: 3 días. No suposto de que este teña lugar fóra do domicilio ou residencia habitual do interesado, aumentarase a un día máis.

C) Falecemento do cónxuxe, fillos, pais, pais políticos e demais familiares ata segundo grao de consanguinidade ou afinidade: 3 días. Se precisa por tales causas facer un desprazamento, o total do permiso será de 5 días naturais.

D) Nos demais casos e supostos estarase ó estipulado no artigo 37 do Estatuto dos traballadores.

Artigo 16º.-Traballo da muller.

A muller terá os mesmos dereitos e obrigas có home. Se a realización de traballos tóxicos, penosos ou perigosos afectase a situación de embarazo ou maternidade, estes serán excluídos.

Artigo 17º.-Pezas de roupa de traballo.

A empresa facilitaralle a cada traballador dúas fundas ó ano, cunha duración que se calcula para tal período, entregándoselle as dúas pezas no mes de xaneiro; con tal medida permitirase que tales pezas de roupa poidan ser sometidas a lavado semanal obrigatorio. Ó cabo do ano, os traballadores entregaranlle á empresa as pezas de roupa recibidas no seu día independentemente do seu estado de conservación; por tanto son propiedade da patronal.

Artigo 18º.-Póliza de seguro.

A empresa subscribirá un seguro colectivo de vida e invalidez, en favor dos seus traballadores, cunha cobertura de 1.700.000 ptas. no caso de morte e 2.800.000 ptas. para os casos de invalidez.

Artigo 19º.-Persoal fixo.

Os traballadores que nun prazo de 10 anos permanecesen na empresa máis de cinco anos como persoal contratado, pasarán a fixos de cadro de persoal.

Artigo 20º.-Comisión paritaria.

A comisión paritaria será o órgano de interpretación, vixilancia, arbitraxe e conciliación do convenio. Estará constituída por un representante da empresa e outro dos traballadores.

Artigo adicional.

En cumprimento do previsto no artigo 26.5º da Lei 8/1980, do 10 de marzo, que aproba o Estatuto dos traballadores, faise constar:

a) Que o número de horas de traballo durante a vixencia do convenio será de 1.800 de traballo efectivo.

b) Que a remuneración anual dos traballadores, en función do dito número de horas, será a seguinte:

Categoría profesional e total pesetas.

Xerente: 3.146.362 ptas.

Axudante titulado: 2.794.943 ptas.

Xefe administrativo: 2.794.943 ptas.

Xefe de producción: 2.794.943 ptas.

Contable: 2.118.277 ptas.

Administrativo: 1.961.901 ptas.

Encargado: 1.887.654 ptas.

Auxiliar administrativo: 1.830.586 ptas.

Aspirante administrativo: 1.157.600 ptas.

Mecánico: 1.805.050 ptas.

Oficial: 1.779.451 ptas.

Chofer: 1.779.451 ptas.

Axudante: 1.684.159 ptas.

Peón: 1.718.820 ptas.

Táboa de salarios

Categoría e salario mes.

Xerente: 214.255 ptas.

Axudante titulado: 188.465 ptas.

Xefe administrativo: 188.465 ptas.

Xefe de producción: 188.465 ptas.

Contable: 142.837 ptas.

Administrativo: 132.297 ptas.

Encargado: 127.286 ptas.

Auxiliar administrativo: 123.438 ptas.

Aspirante administrativo: 78.058 ptas.

Mecánico: 121.716 ptas.

Oficial: 119.989 ptas.

Chofer: 119.989 ptas.

Axudante: 118.675 ptas.

Peón: 115.901 ptas.

Aprendiz menor de 18 anos: 78.134 ptas.

Disposición adicional segunda.

Os salarios establecidos na táboa salarial serán revisados se o IPC de decembro de 1997 supera o 2,8% respecto do 1 de xaneiro de 1997. O dito incremento aplicarase con carácter retroactivo desde o 1 de xaneiro de 1997.

Comisión paritaria.

Pola empresa: Álvaro Viéitez Davila.

Polos traballadores: Miguel Ángel Lorenzo Hermo (delegado sindical).

A Pobra do Caramiñal, 3 de setembro de 1997.

7791