Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 198 Martes, 14 de outubro de 1997 Páx. 9.934

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 27 de xuño de 1997 pola que se aproba o plan de traballo anual da inspección educativa na Comunidade Autónoma de Galicia para o curso 1997/1998.

O Decreto 135/1993, do 24 de xuño, polo que se regulan as funcións e organización da inspección educativa na Comunidade Autónoma de Galicia, sinala que unha das funcións do subdirector xeral da inspección é a de elabora-lo plan de traballo anual da inspección educativa, de acordo coas prioridades e directrices emanadas das correspondentes direccións xerais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria considera como obxectivo prioritario a

aplicación das novas ensinanzas derivadas da LOXSE e, especialmente, no curso 1997/1998, o seguimento e avaliación do primeiro ciclo da educación secundaria obrigatoria en Galicia.

Por outra parte, a Lei orgánica 9/1995, do 20 de novembro, da participación, a avaliación e o goberno dos centros docentes, establece a esixencia de someter a avaliación o sistema educativo, os seus diversos elementos e, dun xeito especial, os centros educativos, e determina que os plans de avaliación dos centros docentes deberán ser elaborados pola Administración educativa e serán levados a cabo principalmente pola inspección educativa.

De acordo coa Lei 3/1983, de normalización lingüística, aprobada polo Parlamento de Galicia, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria considera, tamén como obxectivo básico, a xeneralización no ensino, en tódolos niveis, do galego como idioma propio de Galicia, cooficial co castelán, e o coñecemento deste nos seus niveis oral e escrito, en igualdade co castelán, ó remate dos ciclos nos que o ensino do galego é obrigatorio.

As múltiples actuacións que require a implantación do novo sistema educativo con innovacións no ámbitos organizativos, estructurais e funcionais, esixen e xustifican a inclusión doutros obxectivos, tamén relevantes, no plan do traballo anual da inspección.

O presente plan de traballo constitúe o marco a partir do que se elaborarán os plans provinciais, de acordo co disposto no artigo 19 do Decreto 135/1993, do 24 de xuño. Se ben este plan de traballo establece as liñas básicas e prioritarias da inspección educativa de acordo coas funcións que as normas lle atribúen, os plans provinciais teñen unha marxe de flexibilidade e de autonomía que a singularidade da provincia esixe para adecua-lo plan e as actuacións previstas á realidade educativa da provincia.

Cómpre que a comunidade educativa observe unha coherencia do plan de traballo coas directrices da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e coas demandas do sistema educativo que se está a implantar.

A isto contribúe o modelo organizativo da inspección educativa; nunha inspección coordinada pola inspección central e a xefatura do Servicio Provincial da Inspección; así mesmo a división da provincia en sectores de inspección, atendidos por un equipo de inspectores diversificado e equilibrado, baixo a dirección dun coodinador, permitirá unha actuación conxuntada e suficientemente especializada.

De acordo co anteriormente exposto, por proposta do subdirector xeral de inspección educativa, de conformidade co artigo 12 do Decreto 135/1993, do 24 de xullo, establécese o seguinte plan de traballo anual da inspección para o curso 1997/1998.

I) Obxectivos.

1) Supervisión do proceso de implantación do novo sistema educativo, con especial referencia á implantación xeneralizada do primeiro ciclo da educación secundaria obrigatoria.

2) Supervisión dos recursos humanos e materiais existentes nos centros para o seu adecuado aproveitamento, así como da organización e funcionamento dos centros.

3) Avaliación dos centros educativos de acordo cos obxectivos marcados no plan de avaliación dos centros docentes (Plan ACE).

4) Supervisión e ampliación do proceso de normalización lingüística e o seu grao de cumprimento nas diversas etapas educativas e nos centros de ensino, de acordo co disposto no Decreto 247/1995, do 14 de decembro.

5) Supervisión do final do curso académico 1997/1998, análise da memoria anual e dos datos sobre avaliación dos alumnos e organización do curso académico 1998/1999.

II) Actuacións e procedemento.

Obxectivo 1) Supervisión do proceso de implantación do novo sistema educativo, con especial referencia á implantación xeneralizada do primeiro ciclo da educación secundaria obrigatoria.

Actividades.

1.1. Seguimiento dos aspectos organizativos seguintes:

-Proceso de escolarización: desenvolvemento e control de alumnos e grupos resultantes.

-Adscrición do profesorado e concreción da cadro de persoal.

-Elementos de organización interna; xornada escolar, distribución do horario lectivo semanal das diferentes áreas e materias.

1.2. Asesoramento e seguimento do proceso de elaboración dos documentos institucionais dos centros.

-O proxecto educativo do centro.

-O proxecto curricular da etapa.

-As programacións didácticas dos departamentos.

-O plan xeral para o uso do idioma.

-A programación xeral anual.

-O regulamento do réxime interno.

1.3. Seguimento do plan de coordinación entre o profesorado dos institutos e o profesorado que imparte o primeiro ciclo da ESO nos centros adscritos e das actuacións correspondentes:

-Plan de traballo.

-Calendario de reunións.

-Elaboración, aprobación e avaliación das programacións didácticas.

1.4. Seguimento dos programas de diversificación curricular e das adaptacións curriculares.

1.5. Seguimento do proceso de avaliación dos alumnos e de promoción destes. Supervisión das actas de avaliación e dos libros de escolaridade.

Responsable.

Baixo a dirección do inspector coordinador do sector, os inspectores levarán a cabo o seguimiento e supervisión dos aspectos encomendados nos centros asignados.

Temporalización.

Meses de setembro e outubro: 1.1.

Meses de outubro-decembro: 1.2.

Todo o curso: 1.3; 1.4.

Mes de xuño: 1.5.

Documentos.

O resumo das realizacións levadas a cabo e dos aspectos obxecto de seguimento serán recollidos en fichas correspondentes.

Un informe trimestral elaborado polo equipo de sector baixo a dirección do inspector coordinador recollerá as conclusións e as propostas de mellora.

Obxectivo 2) Supervisión dos recursos humanos e materiais existentes nos centros para o seu adecuado aproveitamento, así como da organización e funcionamento dos centros.

Actividades.

2.1. Comprobación das instalacións do centro.

2.2. Comprobación do mobiliario escolar e do material didáctico.

2.3. Detección de necesidades de recursos didácticos, de equipamento, e de obras.

2.4. Supervisión dos servicios complementarios dos centros (transportes, comedores).

2.5. Comprobación do horario (lectivo e complementario) do profesorado e de verificación do cumprimento da normativa neste aspecto.

2.6. Corrixi-las posibles desviacións dos cadros de persoal e, en función disto, propoñe-lo cadro adecuado.

2.7. Verifica-lo horario xeral do centro e o cumprimento por parte deste da normativa vixente neste aspecto.

Responsable.

Baixo a dirección do inspector coordinador do sector, cada inspector levará a cabo as actuacións indicadas nos centros asignados a cada un.

Temporalización.

Primeiro trimestre: 2.1; 2.2; 2.3; 2.4.

Setembro-outubro: 2.5; 2.6 e 2.7.

Documentos.

O resumo das actuacións e dos aspectos comprobados serán recollidos en fichas.

As conclusións sobre os aspectos supervisados serán obxecto dun informe ó final do primeiro trimestre elaborado, baixo a dirección do inspector coordinador, polos inspectores do sector.

Obxectivo 3) Avaliación dos centros educativos de acordo cos obxectivos marcados no plan de avaliación dos centros docentes (Plan ACE).

3.1. Determinación dos centros docentres que no curso 1997-1998 serán obxecto de avaliación.

3.2. Reunión informativa sobre o proceso de avaliación nos centros.

3.3. Aplicación dos intrumentos de avaliación nos centros.

3.4. Análise dos resultados.

3.5. Redacción do informe con proposta de intervención.

3.6. Reunión final para a análise da avaliación e para o estudio e debate das propostas recollidas no informe.

Responsable.

O equipo de inspectores do sector.

Temporalización.

Decembro: 3.1. e 3.2.

Segundo e terceiro trimestre: 3.3.; 3.4.; 3.5 e 3.6.

Obxectivo 4) Supervisión e ampliación do proceso de normalización lingüística e o seu grao de cumprimento nas diversas etapas educativas e nos centros de ensino, de acordo co disposto no Decreto 247/1995, do 14 de decembro.

Actividades.

4.1. Supervisión do plan xeral para o uso do idioma (as medidas potenciadoras do uso do galego, os proxectos de formación).

4.2. Supervisión do plan específico para o ensino en lingua galega.

-Materias ou áreas impartidas en lingua galega nas diversas etapas do sistema educativo.

-Profesores responsables destas.

-Material didáctico empregado.

4.3. Supervisión dos aspectos curriculares relacionados coa lingua galega.

-Contidos da realidade galega nos diferentes programacións.

-Adaptacións curriculares e tarefas de apoio para a integración dos alumnos declarados exentos.

4.4. Asesoramento ós equipos de normalización lingüística nos centros e seguimento das súas actuacións e das súas funcións de coordinación.

Responsables.

Os inspectores do sector, baixo a dirección do inspector coordinador deste, realizarán as actividades sinaladas nos centros asignados.

Temporalización.

Mes de outubro: 4.2.

Primeiro trimestre: 4.1; 4.3 e 4.4.

Documentación.

As actuacións levadas a cabo, así como os aspectos comprobados, serán recollidos nunha ficha-resumo.

As conclusións serán obxecto dun informe elaborado polo equipo de inspectores baixo a dirección do inspector coordinador.

Obxectivo 5) Supervisión do final do curso académico 1997/1998, análise da memoria anual e dos datos sobre avaliación dos alumnos e organización do curso académico 1998/1999.

Actividades.

5.1. Verifica-la aplicación da normativa sobre o calendario de fin de curso.

5.2. Velar polo proceso de elección de directores e, se é o caso, propoñe-lo seu nomeamento.

5.3. Recollida, análise da memoria anual da programación xeral anual do centro e informe sobre as conclusións máis relevantes.

5.4. Recollida e análise dos datos estatísticos sobre a avaliación dos alumnos en cada unha das materias ou áreas.

5.5. Supervisión da documentación académica da avaliación dos alumnos; libro de escolaridade; actas; informes e proposta de títulos.

Responsable.

Baixo a dirección do inspector coordinador do sector, os inspectores de sector realizarán as tarefas de verificación, control e análise nos seus centros de referencia.

Temporalización.

Mes de maio: 5.1.

Mes de xuño: 5.2; 5.5.

Mes de xuño-xullo: 5.3; 5.4.

Documentación.

O informe final sobre cada un dos aspectos citados será alaborado, baixo a dirección do inspector-coordinador, polos inspectores do sector, coa indicación das conclusións e, se é o caso, as medidas propostas.

III) As tarefas habituais.

Se ben os obxectivos relacionados no presente plan de traballo deben figurar como actuacións prioritarias no traballo da inspección educativa para o curso 1997/1998, cómpre sinalar tamén aquelas tarefas que, independentemente das que lles encomendan as delegacións provinciais, ou das que poi

dan xurdir, de oficio, no traballo ordinario cos centros e cos servicios educativos, se consideran actuacións habituais e que constitúen centro normal de atención e de adicación dos inspectores.

a) Avalación, supervisión e asesoramento.

-Valoración do profesorado solicitante da acreditación para o exercicio da dirección.

-Valoración do profesorado solicitante das licencias de estudio.

-Recoñecemento das novas habilitacións do profesorado.

-Colaboración nos procesos de provisión de plazas do profesorado.

-Colaboración nos concursos para o acceso á condición de catedráticos.

-Supervisión do proceso de elección de membros dos consellos escolares.

-Asesoramento e información ós equipos directivos sobre a normativa de organización e funcionamento dos centros.

b) Documento de organización dos centros.

-Supervisión, verificación e control dos datos contidos neles.

-Aprobación definitiva dos horarios dos centros e dos servicios educativos dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

-Seguimento e control do cumprimento da xornada do profesorado.

c) Planificación.

-Revisión e actualización do mapa escolar.

-Planificación, execución e supervisión dos procesos de escolarización de alumnos.

-Control de grupos de alumnos e unidades resultantes da escolarización.

-Planificación do premio extraordinario de bacharelato e do premio nacional de bacharelato.

d) Emisión de informes.

Emisión de informes sobre desafectación, adianto de idade, actividades e servicios complementarios en centros concertados, proxectos de formación en centros, reclamacións de alumnos, impartición de EATPs, materias optativas, horarios experimentais.

IV) Plan provincial de inspección.

1) Elaboración do plan provincial.

Correspóndelle ó inspector xefe do Servicio Provincial de Inspección a elaboración do plan provincial de inspección e a realización do seguimento deste.

O plan provincial de inspección, co visto e prace do delegado provincial, seralle remitido á Subdirección Xeral de Inspección antes do 1 de novembro de 1997.

O dito plan terá como referencia o plan xeral de traballo da inspección concretando nos cinco obxectivos prioritarios para o curso 1997/1998.

2) Estructura do plan provincial.

Os plans provinciais estructúranse arrededor dos seguintes puntos:

2.1. Obxectivos fixados no plan.

-Temporalización destes.

-Actuacións levadas a cabo.

-Responsables das actuacións.

-Informes elaborados.

2.2. Funcionamento dos equipos dos sectores de inspección.

-Composición destes.

-Reunións e documentos elaborados.

2.3. Grupos de traballo provinciais.

-Composición destes.

-Reunións e documentos elaborados.

3) Seguimento e avaliación dos plans provinciais.

O proceso de seguimento e avaliación do plan provincial realizarase a dous niveis:

3.1. Seguimiento desde os servicios provinciais.

-O inspector-coordinador de sector convocará o equipo do sector, polo menos unha vez ó mes, e avaliará o grao de cumprimento das actividades programadas.

-O inspector-xefe convocará os coordinadores de sector, polo menos unha vez ó mes, para analiza-las actuacións programadas e o seu cumprimento.

-O inspector-xefe convocará unha xuntanza trimestral con tódolos inspectores do servicio para avalia-lo desenvolvemento do plan provincial.

Ó final do curso académico, o inspector xefe elaborará, xuntamente cos inspectores-coordinadores, unha memoria anual na que recollerá a síntese das actividades da inspección respecto ós obxectivos do plan de traballo anual.

3.2. Seguimento desde a inspección central.

-Análise dos plans provinciais de inspección e emisión dos correspondentes informes.

-Reunións periódicas cos inspectores xefes, baixo a presidencia do subdirector xeral de inspección.

-Participación en reunións de traballo cos inspectores dos servicios provinciais e especialmente cos inspectores xefes.

-Solicitude de informes puntuais referidos ó cumprimento das actuacións do plan de traballo.

Santiago de Compostela, 27 de xuño de 1997.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

7718