Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 198 Martes, 14 de outubro de 1997 Páx. 9.938

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E MONTES

DECRETO 283/1997, do 1 de outubro, polo que se declara de utilidade pública e urxente execución a concentración parcelaria da zona de Frexulfe (O Valadouro-Lugo).

A parroquia de Frexulfe, que pertence ó concello do Valadouro, está situada ó norte da provincia de Lugo, resultando afectadas pola concentración parcelaria aproximadamente 130 ha.

A dispersión parcelaria que presentan os terreos da dita parroquia, posta de manifesto polos agricultores desta mediante solicitude dirixida ó conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes, motivou un estudio de viabilidade e de valoración das posibilidades que ofrece a zona para incrementa-lo rendemento dos recursos agropecuarios, deducíndose a conveniencia de levar a cabo a concentración parcelaria por razóns de utilidade pública e interese social.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes, formulada conforme o establecido na Lei galega 10/1985, do 14 de agosto, de concentración parcelaria para Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día un de outubro de mil novecentos noventa e sete,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Declárase de utilidade pública e urxente execución a concentración parcelaria da zona de Frexulfe (O Valadouro-Lugo).

Artigo 2º

O perímetro da zona será, en principio, o correspondente á totalidade dos terreos de prado e labradío da parroquia de Frexulfe (O Valadouro-Lugo). O referido perímetro quedará en definitiva modificado polas rectificacións, inclusións ou exclusións que se acorden, ó abeiro dos artigos 23 e seguintes da Lei 10/1985, de 14 de agosto, de concentración parcelaria para Galicia.

Artigo 3º

A esta zona seranlle de aplicación os beneficios económicos programados ou asumidos pola Xunta de Galicia, para mellorar ou moderniza-las explotacións agrarias e, en concreto, os que sinale o artigo 6 da Lei de concentración parcelaria para Galicia.

Artigo 4º

Os traballos de execución desta concentración parcelaria iniciaranse nun prazo non superior ós 6 meses a partir da publicación do presente decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes para dicta-las disposicións complementarias que requiran a execución do presente decreto.

Segunda.-A presente disposición entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, un de outubro de mil novecentos noventa e sete.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Tomás Pérez Vidal

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes

7720