Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 195 Xoves, 09 de outubro de 1997 Páx. 9.840

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE FAMILIA, MULLER E XUVENTUDE

DECRETO 279/1997, do 1 de outubro, polo que se regulan os gabinetes de orientación familiar.

A intervención dos poderes públicos en materia de protección á familia está amplamente recollida en grande número de disposicións do ordenamento xurídico. En primeiro lugar, a Constitución española, no seu Art. 39, establece que a familia será obxecto de especial atención polos poderes públicos en canto á súa protección social, xurídica e económica.

A nivel autonómico, a Comunidade Autónoma, en virtude das súas exclusivas competencias en materia de asistencia social, a través da Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais de Galicia, establece como área especializada de atención social a de familia, infancia e xuventude. Nela márcanse como obxectivos as actuacións encamiñadas a promove-la mellora da calidade de vida das familias e, especificamente, a previr e supera-las problemáticas derivadas da desintegración familiar.

A recente promulgación da Lei 3/1997, do 9 de xuño, galega da familia, a infancia e a adolescencia, consagra os principios rectores de actuación que deben promove-los poderes públicos galegos no ámbito da protección á familia, a infancia e a adolescencia. Así, no seu Art. 12 establécese o desenvolvemento de actuacións preventivas e asistenciais no ámbito da protección á familia.

Así mesmo, queda patente en tódalas disposicións legais a intensa vinculación das diferentes situacións e circunstancias das familias en relación coas especiais necesidades de atención no campo da infancia, por canto as dificultades sufridas por este vulnerable colectivo están directamente asociadas á calidade das relacións que estes manteñen no seo do seu grupo de convivencia, é dicir, da súa familia e especialmente cos seus proxenitores.

Por outra parte, os diferentes momentos de crise familiar poden dar lugar a múltiples situacións de risco que desemboquen, entre outras consecuencias, unha deterioración da convivencia familiar e unha ruptura da súa unidade, co conseguinte sufrimento dos seus integrantes, de modo especial os fillos.

Neste sentido, existen factores que determinan a aparición e mantemento de problemas no comportamento e adaptación dos fillos como consecuencia dos diferentes conflictos nos que poden estar envoltos os pais e a súa atención evitaría, sen dúbida, a aparición de situacións de risco prolongado.

Polo tanto, considerando a familia como o piar básico do entramado social e o núcleo primario de socialización, é fundamental atender e procurar un desenvolvemento normalizado da familia, xerando e potenciando o desenvolvemento de pautas de interacción adaptativas de forma que o sistema familiar se converta no contexto máis adecuado para facilita-lo desenvolvemento persoal dos seus membros.

Por outro lado, en casos de deterioración da convivencia familiar e/ou conseguinte ruptura, unha das partes máis afectadas son, en moitos casos, as mulleres pola súa situación de desigualdade e dependencia, polo que poden requirir unha especial atención e asesoramento.

O presente decreto ten por obxecto regula-lo funcionamento dun recurso especializado, público -dependente da Comunidade Autónoma- e de carácter asistencial e preventivo que teña como misión a promoción e mellora da calidade de vida das familias, así como a atención das distintas problemáticas e formas de conflictividade familiar que poidan poñer en risco a continuidade da adecuada convivencia da familia como medio de socialización e de desenvolvemento dos seus membros.

Este recurso adscríbese á Consellería de Familia, Muller e Xuventude de acordo co Decreto 2/1994, do 13 de xaneiro, polo que se establece a súa estructura orgánica.

En virtude de todo o anterior e en desenvolvemento do disposto no artigo 12 da Lei 3/1997 galega da familia, a infancia e a adolescencia, por proposta da conselleira de Familia, Muller e Xuventude, oído o Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na reunión do día un de outubro de mil novecentos noventa e sete,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Os gabinetes de orientación familiar constitúense como recurso especializado no apoio e promoción da calidade de vida das familias, e na atención das diferentes situacións problemáticas, ou de risco, que pola súa natureza poidan estar asociadas a procesos de desintegración familiar.

O ámbito de intervención preferente será o sistema de relacións interpersonais establecido entre os membros da familia.

Artigo 2º.-Composición.

Os gabinetes de orientación familiar terán un carácter multidisciplinar e o persoal adscrito a eles, formado por empregados públicos expertos en intervención sociofamiliar e en dereito de familia, realizarán as funcións que se especifican neste decreto.

Artigo 3º.-Dependencia orgánica.

Os gabinetes de orientación familiar adscribiranse ós servicios de Familia, Infancia e Menores dependentes das delegacións provinciais da Consellería de Familia, Muller e Xuventude, con independencia das funcións específicas que desenvolven na área da muller.

Artigo 4º.-Principios de actuación.

Os gabinetes de orientación familiar, no ámbito da súa actuación e dentro das obrigas ou respon

sabilidades legalmente asignadas, someteranse ós seguintes principios:

1. Universalidade: poderán ser beneficiarios deste servicio tódolos cidadáns españois e comunitarios residentes en Galicia e os estranxeiros ós que lles sexa de aplicación, segundo o disposto nos tratados internacionais.

2. Non interferencia: as actuacións levadas a cabo polos gabinetes respectarán escrupulosamente outras intervencións, das que puidesen beneficiarse os usuarios, efectuadas desde outros dispositivos de benestar social, e evitarán, en todo caso, entrar en confrontación ou competencia con eles.

3. Coordinación: co fin de obte-la máxima rendibilidade asistencial e evitar duplicidades e solapamentos, os gabinetes contactarán, difundirán a súa actividade e coordinaranse reciprocamente con outros servicios de interese socioasistencial.

4. Voluntariedade: a atención das diferentes problemáticas familiares por parte dos gabinetes só poderá ser levada a cabo por petición directa e voluntaria dos propios usuarios.

5. Neutralidade: serán respectados e tidos en consideración tódolos membros da familia, especialmente os fillos menores de idade, evitando posicionamentos en favor duns en prexuízo ou detrimento doutros.

6. Confidencialidade: tódalas intervencións levadas a cabo polos gabinetes e as informacións ás que poidan ter acceso como consecuencia da súa actividade estarán suxeitas a reserva e non poderán ser utilizadas sen o consentimento dos usuarios.

No caso de menores de idade a confidencialidade manterase en todo caso tal e como establece a Lei 3/1997, do 9 de xuño, galega da familia, a infancia e a adolescencia no seu artigo 8.i) e a Lei orgánica 1/1996, do 15 de xaneiro, de protección xurídica do menor, no seu artigo 4º.

Artigo 5º.-Obxectivos.

Os gabinetes de orientación familiar terán os seguintes obxectivos:

-Informar e asesorar tecnicamente as familias sobre as problemáticas sociais, psicolóxicas e xurídicas nas que puidesen estar envoltas.

-Proporcionarlles ás familias o acceso a recursos adecuados ás súas necesidades para o desenvolvemento de canles normalizadas de convivencia.

-Dota-las familias das habilidades necesarias para afronta-las súas necesidades, proporcionándolle-la autonomía suficiente para superaren as súas propias dificultades e favorecendo a relación entre os seus membros.

-Evita-la instrumentalización dos fillos ante diferentes situacións de conflictividade, fundamentalmente conxugal, desde os puntos de vista xurídico, económico e emocional.

-Fomenta-lo mantemento da cooperación parental como protectora da imaxe que os fillos teñen dos seus pais, asegurando a continuidade da relación cos proxenitores e a súa permanencia no contorno social, material e afectivo.

-Informar, asesorar e prestar asistencia psicolóxica ás mulleres, particularmente a aquelas que se atopen inmersas en procesos de conflictividade familiar.

Artigo 6º.-Modalidades de intervención.

Os gabinetes de orientación familiar para a consecución dos seus obxectivos poderán desenvolve-las seguintes modalidades de intervención:

-Información e orientación sobre os diferentes servicios de interese social e comunitario, tanto públicos como privados, que posibiliten a integración das persoas en redes de apoio social.

-Asesoramento xurídico-legal en casos de separación matrimonial, divorcio e incumprimento de acordos ou convenios reguladores, cun carácter obxectivo e imparcial. Atención e información sobre cuestións especificamente relacionadas co dereito de familia.

-Mediación familiar, como conxunto de intervencións específicas dirixidas a promover procesos de negociación entre os membros da parella co obxecto de acadar acordos entre ámbalas dúas partes nos procesos de separación e divorcio.

-Apoio e orientación psicosocial ante casos de conflictividade ou crise familiar, conxugal ou interxeracional. Prevención e intervención ante crises específicas nos procesos de educación e crianza dos fillos. Apoio e orientación ás familias en proceso de reestructuración por entrada ou saída dalgún membro no sistema familiar.

Artigo 7º.-Características das demandas.

Os gabinetes de orientación familiar atenderán problemas relacionados con procesos de conflictividade familiar, dificultades de relación entre os membros da familia e situacións que impliquen un risco de ruptura dela con consecuencias desfavorables para os seus integrantes.

De forma máis específica, os gabinetes de orientación familiar atenderán, entre outras, demandas das seguintes características:

-Conflictos por ruptura da convivencia. Crises relacionadas con algún tipo de ruptura da convivencia da parella.

-Crises conxugales. Conflictos que, sen supera-los límites da parella, no implican una ruptura da súa convivencia ou outras complicacións asociadas a ela.

-Crises paterno-filiais. Conflictos que, superando ós cónxuxes, alcancen e dificulten as relacións entre pais e fillos.

-Crises da familia extensa. Relacións conflictivas ou interferencias que, dalgún modo, dificulten a estructura e funcionalidade do núcleo familiar e nas que se ven envoltos outros membros da familia extensa.

-Crises mixtas. Conflictos que comportan simultaneamente aspectos recollidos nos anteriores apartados.

-Outras. Dificultades e problemáticas non recollidas nos apartados anteriores e que se refiran a cuestións enmarcadas no contexto familiar, especialmente as orixinadas por situacións de malos tratos ou agresións sexuais dirixidas contra a muller no seo familiar.

Disposición adicional

O persoal que na actualidade exerce a súa actividade nos gabinetes de orientación familiar continuará realizando as súas funcións de acordo co establecido no presente decreto.

Disposición derradeira

Facúltase o titular da consellería competente en materia de familia, muller e xuventude para dictar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e execución da presente norma.

Santiago de Compostela, un de outubro de mil novecentos noventa e sete.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia, Muller e Xuventude

7555