Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 195 Xoves, 09 de outubro de 1997 Páx. 9.840

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

DECRETO 278/1997, do 1 de outubro, polo que se regula a cobertura provisional das prazas de secretario das confrarías de pescadores.

As confrarías de pescadores son corporacións de dereito público, dotadas de personalidade xurídica e capacidade de obrar para o cumprimento dos fins e o exercicio das funcións que lles están encomendadas, que actúan como órganos de consulta e colaboración coa Administración na promoción do sector pesqueiro.

Co fin de acada-los devanditos obxectivos de consulta e de colaboración, a disposición transitoria 5ª da Lei 4/1988, do 26 de maio, reguladora da función pública de Galicia e o Decreto 109/1989, do 1 de xuño, adscribiron á Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, unha escala específica para a realización das funcións encomendadas a estas.

Neste sentido, o artigo 8 da Lei 9/1993, do 8 de xullo, de confrarías de pescadores establece que as confrarías de pescadores contarán con persoal funcionario da Xunta de Galicia, e á súa fronte estará o secretario. O secretario é un posto esencial dentro da estructura da confraría polo que resulta necesario articular un sistema de cobertura da dita praza.

Por todo o exposto, por iniciativa do conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura e por proposta do conselleiro da Presidencia e Administración Pública e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día un de outubro de mil novecentos noventa e sete,

DISPOÑO:

Artigo único.-En tanto non se desenvolva regulamentariamente o artigo 8 a) da Lei de confrarías de pescadores, poderán asumi-las funcións de secretario os funcionarios do grupo D da escala de confrarías de pescadores, coas atribucións establecidas no artigo 3 da Lei de confrarías de pescadores.

Disposicións derradeiras

Primeira.-O conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura poderá dictar cantas disposicións considere convenientes en desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, un de outubro de mil novecentos noventa e sete.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

7642