Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 192 Luns, 06 de outubro de 1997 Páx. 9.759

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

DECRETO 274/1997, do 10 de setembro, polo que se declara a urxente ocupación de bens e dereitos co obxecto de impoñe-la servidume de paso para o establecemento e conservación da liña eléctrica aérea, a 20 kV trazada entre a liña de dobre circuíto subestación Sada-Mera e a liña Veigue-Carnoedo, nos concellos de Oleiros e Sada, provincia da Coruña. (Expediente 128/1994).

Unión Eléctrica-Fenosa, S.A., con domicilio para efectos de notificacións na r/ Severo Ochoa nº 2 da Coruña, solicitou desta Consellería de Industria e Comercio, a concesión dos beneficios de expropiación forzosa e a declaración de urxente ocupación dos terreos afectados pola execución do proxecto de construcción da liña eléctrica aérea a 20 kV aérea de 2.196 m de lonxitude, sobre apoios de formigón,

conductor LA-110, con orixe na liña de dobre circuíto subestación Sada - Mera e remate na liña Veigue -Carnoedo, afectando no seu percorrido ós termos municipais de Oleiros e Sada (A Coruña) (Expte. 128/1994).

A dita instalación autorizouse, declarouse de utilidade pública e aprobouse o seu proxecto de execución por resolución da Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio da Coruña do 17-2-1995, a cal foi obxecto de publicación, inseríndose no DOG do 20-3-1995, no BOP da Coruña do 12-4-1995, e no BOE do 23-3-1995.

A solicitude de urxente ocupación fíxose de acordo co disposto no artigo 31 do regulamento que desenvolve a Lei 10/1966, do 18 de marzo, de expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas, aplicable ó presente expediente en virtude do establecido pola alínea 2 da disposición transitoria segunda da Lei 40/1994, do 30 de decembro, de ordenación do sistema eléctrico nacional.

Os anuncios de información pública aberta en función desta petición, coa relación de interesados, bens e dereitos afectados, publicáronse no DOG do 21-12-1995, no BOP da Coruña do 22-12-1995, no xornal La Voz de Galicia do 28-12-1995, e nos taboleiros de anuncios das casas dos concellos de Oleiros e Sada e nos da delegación provincial; ó mesmo tempo na forma regulamentaria notificouse individualmente a cada un dos interesados que figuran na dita relación, agás os propietarios dos predios nº 5 e 18, descoñecidos, ós que se deu traslado das actuacións practicadas ó Ministerio Fiscal, segundo o disposto no artigo 5 da Lei de expropiación forzosa.

A tramitación do expediente fíxose de acordo coa Lei 10/1966, do 18 de marzo, e co seu regulamento de aplicación, aprobado polo Decreto 2619/1966, do 20 de outubro; durante o período en que se someteu a trámite de información pública, presentou escrito Juan Pérez Cuñado, propietario do predio nº 42 de Sada, no que solicita se lle remitan máis datos para cercionarse de que se trata do seu predio.

O escrito foille remitido á empresa beneficiaria, que lle indicou ó interesado a traza da liña sobre a mencionada parcela, xuntando plano de perfil e planta no que se aprecia a afección.

Unha vez practicada, por técnicos da delegación provincial da Consellería de Industria e Comercio da Coruña, a inspección sobre o terreo seguindo o trazado aprobado para a instalación desta liña, púidose comprobar que nos bens afectados, sobre os que se solicitan os beneficios de expropiación, para os efectos da servidume, non se dan os supostos prohibitivos previstos nos artigos 6 da Lei 10/1966, do 18 de marzo, e 25 do Decreto 2619/1966, nin lle son de aplicación as limitacións do artigo 26 do dito decreto.

Considérase xustificada a urxente ocupación solicitada pola compañía Unión Eléctrica-Fenosa, S.A.,

xa que con esta liña se pretende subministrar enerxía a diversas zonas dos concellos de Sada e Oleiros, co obxecto de poder garanti-las máximas condicións de seguridade da subministración, calidade e regularidade nas ditas zonas, e debido a que a imposición da servidume de paso, polo procedemento ordinario, faría imposible cumpri-los prazos previstos para estas instalacións.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Industria e Comercio e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dez de setembro de mil novecentos noventa e sete,

DISPOÑO:

Artigo único.-Para os efectos previstos na Lei 10/1966, do 18 de marzo, de expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas, e no seu regulamento de aplicación, aprobado polo Decreto 2619/1966, do 20 de outubro, declárase urxente a ocupación de terreos e bens gravados coa servidume de paso imposta co alcance previsto no artigo 4º da lei citada, para realiza-la instalación proxectada e proposta por Unión Eléctrica-Fenosa, S.A., da liña eléctrica aérea que une a subestación Sada -Mera coa liña Veigue - Carnoedo.

Os bens e dereitos a que afecta esta disposición sitúanse nos termos municipais de Oleiros e Sada (A Coruña) e son tódolos que figuran na relación presentada pola empresa solicitante dos beneficios de expropiación, que consta no expediente, o cal se someteu a información pública na forma e datas anteriormente descritas.

Santiago de Compostela, dez de setembro de mil novecentos noventa e sete.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Couceiro Méndez

Conselleiro de Industria e Comercio

7588