Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 192 Luns, 06 de outubro de 1997 Páx. 9.758

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

DECRETO 273/1997, do 10 de setembro, polo que se declara a urxente ocupación de bens e dereitos co obxecto de impoñe-la servidume de paso para o establecemento e conservación da liña eléctrica aérea, a 15/20 kV trazada entre a subestación de Bergondo e o apoio número 13 da liña Betanzos-Carral, no concello de Bergondo, provincia da Coruña. (Expediente 30-1/1995).

Unión Eléctrica-Fenosa, S.A., con enderezo para efectos de notificacións na r/ Severo Ochoa nº 2 da Coruña, solicitou da Consellería de Industria e Comercio, a concesión dos beneficios de expropiación forzosa e a declaración de urxente ocupación dos terreos afectados pola execución do proxecto de construcción da liña eléctrica aérea a 15/20 kV, de 1.567 m de lonxitude, sobre apoios metálicos e de formigón, conductor LA-110, con orixe na subestación de Bergondo e remate no apoio número 13 da liña Betanzos-Carral, afectando no seu percorrido ó termo municipal de Bergondo (A Coruña) (Expte. 30-1/1995).

A dita instalación autorizouse, declarouse de utilidade pública e aprobouse o seu proxecto de exe

cución por resolución da Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio da Coruña do 12-9-1995, a cal foi obxecto de publicación, inseríndose no DOG do 17-10-1995, no BOP da Coruña do 20-10-1995, e no BOE do 24-10-1995.

A solicitude de urxente ocupación fíxose de acordo co disposto no artigo 31 do regulamento que desenvolve a Lei 10/1966, do 18 de marzo, de expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas, aplicable ó presente expediente en virtude do establecido pola disposición transitoria primeira da Lei 40/1994, do 30 de decembro, de ordenación do sistema eléctrico nacional.

Os anuncios de información pública aberta en función desta petición, coa relación de interesados, bens e dereitos afectados, publicáronse no DOG do 21-12-1995, no BOP da Coruña do 22-12-1995, no xornal La Voz de Galicia do 28-12-1995, e no taboleiro de anuncios da Casa do Concello de Bergondo e nos da delegación provincial; ó mesmo tempo na forma regulamentaria notificouse individualmente a cada un dos interesados que figuran na dita relación.

A tramitación do expediente fíxose de acordo coa Lei 10/1966, do 18 de marzo, e co seu regulamento de aplicación, aprobado polo Decreto 2619/1966, do 20 de outubro; durante o período en que se someteu a trámite de información pública, presentou escrito Gumersindo Lareo Velo, representante dos propietarios do predio nº 6 de Betanzos, no que alega que os 120 m expropiados para servidume deixarán de producir arboredo por indefinido, que co predio conta con auga de rego natural, e que esta é dun valor económico importante na posible incorporación a un polígono industrial.

O escrito foille remitido á empresa beneficiaria.

Unha vez practicada, por técnicos da delegación provincial da Consellería de Industria e Comercio da Coruña, a inspección sobre o terreo seguindo o trazado aprobado para a instalación desta liña, púidose comprobar que nos bens afectados, sobre os que se solicitan os beneficios de expropiación, para os efectos da servidume, non se dan os supostos prohibitivos previstos nos artigos 6 da Lei 10/1966, do 18 de marzo, e 25 do Decreto 2619/1966, nin lle son de aplicación as limitacións do artigo 26 do dito decreto.

Á vista da alegación presentada, a resposta da empresa beneficiaria e a inspección sobre o terreo, queda de manifesto que non procede estima-la alegación efectuada por Gumersindo Lareo Velo, xa que o dito titular non fai alegacións en relación cos artigos 25 e 26 do citado Decreto 2619/1966, senón de tipo económico, que non son obxecto desta fase do expediente.

Considérase xustificada a urxente ocupación solicitada pola compañía Unión Eléctrica-Fenosa, S.A., xa que con esta liña se pretende subministrar de

enerxía a diversas zonas do concello de Bergondo, co obxecto de poder garanti-las máximas condicións de seguridade da subministración, calidade e regularidade nas ditas zonas, e debido a que a imposición da servidume de paso, polo procedemento ordinario, faría imposible cumpri-los prazos previstos para estas instalacións.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Industria e Comercio e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dez de setembro de mil novecentos noventa e sete,

DISPOÑO:

Artigo único.-Para os efectos previstos na Lei 10/1966, do 18 de marzo, de expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas, e no seu regulamento de aplicación, aprobado polo Decreto 2619/1966, do 20 de outubro, declárase urxente a ocupación de terreos e bens gravados coa servidume de paso imposta co alcance previsto no artigo 4º da lei citada, para realiza-la instalación proxectada e proposta por Unión Eléctrica-Fenosa, S.A., da liña eléctrica aérea que une a subestación de Bergondo coa liña Betanzos - Carral.

Os bens e dereitos afectados por esta disposición sitúanse no termo municipal de Bergondo (A Coruña) e son tódolos que figuran na relación presentada pola empresa solicitante dos beneficios de expropiación, que consta no expediente, o cal se someteu a información pública na forma e datas anteriormente descritas.

Santiago de Compostela, dez de setembro de mil novecentos noventa e sete.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Couceiro Méndez

Conselleiro de Industria e Comercio

7458