Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 192 Luns, 06 de outubro de 1997 Páx. 9.757

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

DECRETO 272/1997, do 18 de setembro, polo que se declara a urxente ocupación de bens e dereitos co obxecto de impoñe-la servidume de paso para o establecemento e conservación da liña eléctrica aérea, a 66 kV parque eólico de Zas-Santa Comba-subestación de Vimianzo, nos termos municipais de Santa Comba, Zas e Vimianzo, provincia da Coruña. (Expediente 59/1996).

Desarrollos Eólicos, S.A., con enderezo para efectos de notificacións na r/ Avenida de la Buhaira nº 2, 41018 Sevilla, solicitou da Consellería de Industria e Comercio, a concesión dos beneficios de expropiación forzosa e a declaración de urxente ocupación dos terreos afectados pola execución do proxecto de construcción da liña eléctrica aérea a 66 kV en dobre circuíto, de 17.666 m de lonxitude, con conductor LA-180, con orixe na planta eólica de Zas - Santa Comba e remate na subestación de Vimianzo, propiedade de Unión Eléctrica-Fenosa, S.A., afectando no seu percorrido os termos municipais de Santa Comba, Zas e Vimianzo (A Coruña) (Expte. 59/1996).

A dita instalación autorizouse, declarouse de utilidade pública en concreto, e aprobouse o seu proxecto de execución, por resolución da Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio da Coruña do 5-11-1996, a cal foi obxecto de publicación, inseríndose no DOG do 13-12-1996, no BOP da Coruña do 5-12-1996, e no BOE do 5-12-1996.

A solicitude de urxente ocupación fíxose e tramitouse de acordo co disposto no artigo 31 do regulamento que desenvolve a Lei 10/1966, do 18 de marzo, de expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas, aplicable ó presente expediente en virtude do establecido pola disposición transitoria primeira da Lei 40/1994, do 30 de decembro, de ordenación do sistema eléctrico nacional.

Os anuncios de información pública aberta en función desta petición, coa relación de interesados, bens e dereitos afectados, publicáronse no DOG do 2-7-1997, no BOP da Coruña do 2-7-1997, no xornal O Correo Galego do 27-6-1997, nos taboleiros de anuncios das casas do concello de Santa Comba, Zas e Vimianzo e no da delegación provincial, ó mesmo tempo, na forma regulamentaria, notificouse individualmente a cada un dos interesados que figuran na dita relación, agás aqueles descoñecidos ou con enderezo descoñecido ós que se deu traslado das actuacións practicadas ó Ministerio Fiscal, segundo o disposto no artigo 5 da Lei de expropiación forzosa.

Durante o período en que se someteu a trámite de información pública recibíronse os seguintes escritos:

1) Antonio Leis Rial comunica que o predio nº 95 de Zas non é da súa propiedade, senón de María de la Junquera Leis Rial.

2) José Ameijeiras Castiñeira, propietario do predio nº 171 de Vimianzo afirma non ter ningún problema para chegar a un acordo amigable; ó mesmo tempo fai unha seire de consideracións sobre a titularidade da liña e outras sen relación co expediente.

Os escritos foron remitidos á empresa beneficiaria para a súa contestación.

Á vista das alegacións e a resposta da empresa beneficiaria dedúcese que no predio nº 95 de Zas se seguirán os trámites coa lexítima propietaria María de la Junquera Leis Rial; con respecto ó escrito de José Ameijeiras Castiñeira non se poden admiti-las súas consideracións por non axustarse ó disposto no artigo 19 da Lei de expropiación forzosa do 16 de decembro de 1954 nin no artigo 18 do seu regulamento.

Unha vez practicada, por técnicos da delegación provincial da Consellería de Industria e Comercio da Coruña, a inspección sobre o terreo seguindo o trazado aprobado para a instalación desta liña, púidose comprobar que nos bens afectados, sobre os que se solicitan os beneficios de expropiación, para os efectos da servidume, non se dan os supostos prohibitivos ou limitativos previstos nos artigos 56 da Lei 40/1994, do 30 de decembro, e 25 e 26 do Decreto 2619/1966.

Considérase xustificada a urxente ocupación solicitada pola compañía Desarrollos Eólicos, S.A. xa que esta liña é necesaria para evacua-la enerxía eléctrica producida no parque eólico de Zas-Santa Comba e poder mellora-las condicións de subministración na zona, claramente deficitaria, co obxecto de garanti-las máximas condicións de seguridade e continuidade de subministración, e debido a que a imposición da servidume de paso polo procedemento ordinario, faría imposible cumpri-los obxectivos previstos no Plan Eólico Estratéxico de Galicia coa celeridade debida.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Industria e Comercio e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dezaoito de setembro de mil novecentos noventa e sete,

DISPOÑO:

Artigo único.-Para os efectos previstos na Lei 40/1994, do 30 de decembro, de ordenación do sistema eléctrico nacional, declárase urxente a ocupación de terreos e bens gravados coa servidume de paso imposta co alcance previsto no artigo 55 da lei citada, para realiza-la instalación proxectada e proposta por Desarrollos Eólicos, S.A., da liña eléctrica aérea que une o parque eólico de Zas-Santa Comba e a subestación de Vimianzo.

Os bens e dereitos a que afecta esta disposición sitúanse nos termos municipais de Santa Comba, Zas e Vimianzo (A Coruña) e son tódolos que figuran na relación presentada pola empresa solicitante dos beneficios de expropiación, que consta no expediente, o cal se someteu a información pública na forma e datas anteriormente descritas.

Santiago de Compostela, dezaoito de setembro de mil novecentos noventa e sete.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Couceiro Méndez

Conselleiro de Industria e Comercio

7457