Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 191 Venres, 03 de outubro de 1997 Páx. 9.727

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA E COMUNICACIÓN SOCIAL

DECRETO 270/1997, do 18 de setembro, polo que se crea a Escola de Altos Estudios Musicais de Galicia.

As funcións e servicios que a Administración do Estado prestaba en materia de música foron transferidos á Xunta de Galicia, en virtude do Real decreto 2434/1982, do 24 de xullo, de acordo coa competencia exclusiva en materia de cultura que lle atribúe o Estatuto de autonomía.

O Decreto 346/1996, do 13 de setembro, establece no seu artigo 1º que lle corresponderán a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria as competencias de planificación, regulación e administración do ensino en toda a súa extensión.

A Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación do sistema educativo, establece no seu artigo 39.5º que poderán cursarse estudios de música en escolas específicas e que serán regulamentadas polas administracións educativas.

A Consellería de Cultura e Comunicación Social, a través do Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais ten, entre outros fins, a promoción, protección e difusión das artes escénicas e da música, en calquera das súas manifestacións.

A necesidade de continuar e perfecciona-lo proxecto formativo iniciado coa creación da Xove Orquestra de Galicia, xunto coa finalidade de articular un centro onde se impartan ensinanzas que completen a formación de músicos galegos con vocación de profesionalidade, facilitándolle-la realiza

ción de prácticas no seo da orquestra Real Filharmonía de Galicia, determinan a oportunidade do presente decreto.

Na súa virtude, no uso das atribucións concedidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, por proposta do conselleiro de Cultura e Comunicación Social e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezaoito de setembro de mil novecentos noventa e sete,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e sede.

Créase a Escola de Altos Estudios Musicais de Galicia, dependente da Consellería de Cultura e Comunicación Social.

A escola ten por obxecto impartir ensinanzas musicais de alto nivel coa finalidade de forma-los músicos galegos para que acaden unha maior cualificación profesional.

A súa sede queda establecida na cidade de Santiago de Compostela, no actual edificio do Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais.

Artigo 2º.-Xestión.

A Escola de Altos Estudios Musicais de Galicia é de titularidade da Comunidade Autónoma de Galicia e a súa xestión encoméndaselle ó Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais, a quen se lle librarán os fondos orzamentarios necesarios para tal fin.

Artigo 3º.-Organización.

A Escola de Altos Estudios Musicais de Galicia organízase arredor da sección de especialización e da sección de formación permanente.

Artigo 4º.-Sección de especialización.

Ten como finalidade impartir unha formación concreta dirixida á especialización dos que queiran dedicarse profesionalmente á música e teñan finalizados os seus estudios no conservatorio ou acaden uns requisitos específicos e sempre que demostren o nivel suficiente para pasa-las probas de admisión.

Os estudios impartidos por esta sección estructúranse nun curso de dous anos de duración que, en casos excepcionais e por proposta da comisión técnica da escola, poderá prorrogarse por un ano máis. Durante este tempo os alumnos terán clases individuais, clases de música de cámara, práctica de orquestra, clases teóricas, clases maxistrais e cursos.

Para cada curso que imparta a sección de especialización da Escola de Altos Estudios Musicais, determinarase o número máximo de prazas que se ofertan, sempre en función da distribución orquestral.

Artigo 5º.-Sección de formación permanente.

Esta sección da Escola de Altos Estudios Musicais terá por obxecto completar e actualiza-los coñece

mentos musicais de todos aqueles profesionais da música dos conservatorios, agrupacións corais, e bandas de música da Comunidade Autónoma de Galicia. Así mesmo realizará un labor de promoción e divulgación musical que lles permita ós afeccionados comprender mellor a música.

Para o cumprimento das funcións atribuídas a esta sección da escola, esta organizará, entre outras actividades, cursos concretos que versarán sobre o canto, a práctica orquestral para alumnos dos conservatorios e escolas de música de Galicia, a composición, a dirección de bandas de música ou de agrupacións corais, e a pedagoxía instrumental.

Estes cursos tamén poderán ser xestionados directamente polo Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais, aínda que nese caso se utilizará a estructura docente da escola cando iso sexa posible.

Artigo 6º.-Condicións de acceso.

Para cada curso que imparta a sección de especialización da Escola de Altos Estudios Musicais de Galicia, o Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais de Galicia fará pública a convocatoria de prazas, fixando o calendario e as súas condicións.

As probas de admisión realizaranse na propia escola e serán avaliadas por un tribunal integrado por tres membros da comisión técnica da escola, ou persoas nas que deleguen, e por dous profesores da escola designados pola citada comisión técnica. En todo caso, no proceso de selección respectaranse os principios de obxectividade, mérito e capacidade.

Os solicitantes que teñan o título superior de música poderán presentarse directamente ás probas. O resto dos peticionarios deberán acreditar previamente os requisitos que, de se-lo caso, se demanden na correspondente convocatoria.

Os alumnos admitidos poderán recibir unha bolsa de estudio que lles será aboada mensualmente polo Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais para sufraga-los gastos de desprazamento, aloxamento e manutención derivados da súa permanencia na Escola de Altos Estudios Musicais.

Artigo 7º.-Orquestra de corda.

Durante o primeiro curso da sección de especialización da escola funcionará unha orquestra de corda composta por alumnos.

O repertorio, que será progresivo, terá como fin único a consolidación do grupo orquestral e a didáctica dos seus aspectos básicos. A orquestra, non obstante, dará algúns concertos como parte do seu programa formativo.

Os alumnos, en función dos seus avances, poderán incorporarse a algúns programas da orquestra Real Filharmonía de Galicia como culminación das súas prácticas orquestrais. A selección realizarase por un comité formado pola comisión técnica e polos profesores de instrumento designados por esta.

Artigo 8º.-Estructura.

A Escola de Altos Estudios Musicais de Galicia contará co seguinte cadro de persoal:

-Un director.

-Un director asistente.

-Un xefe de estudios.

-Un administrativo.

Profesores da orquestra Real Filharmonía de Galicia, profesores invitados e profesores colaboradores. Todos eles deberán acredita-la cualificación específica para imparti-las áreas e materias respectivas.

Artigo 9º.-Órganos rectores.

Son órganos rectores da Escola de Altos Estudios Musicais de Galicia:

-O consello de dirección.

-A comisión técnica.

-O director.

-O director asistente.

-O xefe de estudios.

-O claustro da escola.

Artigo 10º.-O consello de dirección.

O consello de dirección é o máximo organismo rector da escola. Está formado polo conselleiro de Cultura e Comunicación Social como presidente, polo alcalde de Santiago de Compostela como vicepresidente primeiro, polo presidente do Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais como vicepresidente segundo, por tres vocais elixidos, respectivamente, un polo conselleiro de Cultura e Comunicación Social, outro polo alcalde de Santiago de Compostela e outro polo presidente do Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais e, ademais, polos membros da comisión técnica.

Correspóndelle ó consello de dirección aproba-la programación das actividades escolares, facer un seguimento destas, tomando en consideración as suxestións académicas propostas pola comisión técnica ou polo claustro da escola, e controla-lo funcionamento da escola.

Artigo 11º.-A comisión técnica

Está formada polo director da escola que será o presidente desta, o director asistente, o xefe de estudios e polo xerente do Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais. Formarán parte desta comisión os responsables dos cursos de formación permanente durante o tempo de duración destes nos supostos nos que se tomen decisións que lles afecten, aínda que non terán voto na adopción de acordos.

Correspóndelle á comisión técnica as seguintes funcións:

a) Executa-los acordos adoptados polo consello de dirección.

b) Aplica-lo réxime disciplinario e sancionador en relación cos profesores e alumnos.

c) Determina-la duración do curso da sección de especialización e intervir nas probas de admisión convocadas para este.

d) Integra-lo comité de selección ó que se fai referencia no artigo 7º.

e) Elevar ó consello de dirección a programación

e as suxestións pertinentes para o mellor funcionamento da escola.

f) Convocar regularmente o claustro da escola.

g) Calquera outra competencia precisa para o correcto funcionamento da Escola de Altos Estudios Musicais de Galicia e non atribuída expresamente a algún dos outros órganos rectores dela.

Artigo 12º.-Os directores da escola

A Escola de Altos Estudios Musicais de Galicia terá un director, cargo que recaerá no director titular da orquestra Real Filharmonía de Galicia. As súas funcións fundamentais serán deseña-la selección dos profesores, supervisa-los programas docentes, orienta-la selección de alumnos, impartir algunha práctica orquestral e dirixir algún concerto de divulgación.

Tamén terá un director asistente que será a persoa que substituirá o director da escola nos casos de ausencia ou vacante. Correspóndelle coordina-lo funcionamento da escola e da orquestra Real Filharmonía de Galicia, e dirixi-las prácticas orquestrais. Velará polo cumprimento do programa docente e porá en práctica os acordos emanados da comisión técnica no ámbito da Escola de Altos Estudios Musicais de Galicia. Así mesmo, coordinará aqueles proxectos formativos ou de divulgación que se lle encomenden.

Artigo 13º.-O xefe de estudios.

Será o encargado de coordinar tódalas actuacións pedagóxicas e musicais da escola. Elaborará os horarios das clases individuais e colectivas e velará polo seu cumprimento. Atenderá, en coordinación co Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais, as necesidades docentes dos profesores e dos alumnos.

Así mesmo, correspóndelle controla-la disciplina e o aproveitamento do alumnado. É o encargado da custodia e conservación de tódolos materiais postos ó servicio do alumno desde a escola.

Será o responsable de organizar e acompaña-los alumnos nos concertos e xiras que se planifiquen dentro do programa formativo.

Artigo 14º.-O claustro da escola.

O claustro da escola estará formado pola comisión técnica e por tódolos profesores.

A comisión técnica convocará regularmente e, en todo caso, cada seis meses, un claustro para debater sobre as cuestións docentes máis relevantes.

Artigo 15º.-Impartición de cursos específicos.

A Escola de Altos Estudios Musicais de Galicia poderá desenvolver cursos específicos en disciplinas musicais concretas, sempre que reúnan os niveis de calidade e profesionalidade adecuados, nos que poderán colaborar outras persoas físicas ou xurídicas de recoñecido prestixio.

Artigo 16º.-Colaboración coa universidade.

A Escola de Altos Estudios Musicais de Galicia para o cumprimento dos seus obxectivos, poderá:

a) Colaborar coas universidades para o desenvolvemento de cursos de posgrao dentro do programa de cursos de posgrao daquelas, para o que deberán subscribi-lo correspondente convenio de colaboración.

b) Desenvolver cursos e seminarios dun programa de doutoramento, sempre baixo a responsabilidade académica do departamento correspondente, para o que deberá así mesmo subscribi-los correspondentes convenios coas universidades.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízanse os conselleiros de Cultura e Comunicación Social e de Educación e Ordenación Universitaria para dicta-las disposicións necesarias, nos respectivos eidos competenciais, para o desenvolvemento e aplicación deste decreto, así como para establece-los convenios que consideren pertinentes en relación coa organización, funcionamento e financiamento da Escola de Altos Estudios Musicais de Galicia.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezaoito de setembro de mil novecentos noventa e sete.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura e Comunicación Social

7440