Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 184 Mércores, 24 de setembro de 1997 Páx. 9.480

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 258/1997, do 18 de setembro, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello do Porriño (Pontevedra), dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de recuperación da canle e ordenación de marxes para a mellora da calidade da auga do río Louro no Porriño.

O Concello do Porriño (Pontevedra), en sesión celebrada o día 30 de outubro de 1995, aprobou o proxecto de recuperación da canle e ordenación de marxes para a mellora da calidade da auga do río Louro no Porriño e, na sesión celebrada o día 21 de xuño de 1996, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa, ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. O concello remitiu a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 27 de febreiro de 1997, baixo o número 2487.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Calidade Medioambiental e Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 12 de novembro de 1996, baixo o número 11788.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, porque o grave problema de calidade que presentan tanto as augas como a canle e ribeiras do río Louro, se debe principalmente á presión exercida nas zonas urbanas e industriais do Porriño.

Para a recuperación da calidade das augas nos tramos do río especialmente degradados, é preciso acometer recuperacións da canle e das súas marxes porque a actual sección do río é insuficiente en determinadas épocas do ano cando a pluviometría é intensa, polo que a sección de canalización que agora se proxecta paliará os desbordamentos da zona; por outra banda, entre as obras que se van realizar encóntrase a demolición da ponte existente; construirase outra no seu lugar dun van de 25 metros de luz, xa que o existente é ineficaz hidraulicamente; esta nova ponte garantirá unha adecuada capacidade hidráulica solucionando así os continuos atascos que se producen no existente co conseguinte desbordamento de augas e inundacións na zona.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezaoito de setembro de mil novecentos noventa e sete,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, polo Concello do Porriño (Pontevedra) para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de recuperación da canle e ordenación de marxes para a mellora da calidade da auga do río Louro no Porriño.

Santiago de Compostela, dezaoito de setembro de mil novecentos noventa e sete.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús C. Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais

6001