Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 184 Mércores, 24 de setembro de 1997 Páx. 9.480

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 257/1997, do 18 de setembro, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Nogueira de Ramuín (Ourense), dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de C.V. 323, Ponte dos Gozos-Parada do Sil, número 5 RVL/97.

O Concello de Nogueira de Ramuín (Ourense), en sesión celebrada o día 10 de xaneiro de 1997, aprobou o proxecto de C.V. 323 Ponte dos Gozos-Parada do Sil, nº 5 RVL/97 e na mesma sesión acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa, ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. O concello remitiu a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 22 de agosto de 1997, baixo o número 11622.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Calidade Medioambiental e Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 11 de setembro de 1997, baixo o número 12479.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, porque o tramo incluído no proxecto é o comprendido entre a entrada ó mosteiro de Santo Estevo e Loureiro. Este tramo presenta perigosas curvas e está entre outros dous xa ampliados con cargo a planos anteriores, que reúnen características xeométricas moito mellores cás do proxecto que nos ocupa. Este feito é causa de perigo e de accidentes para os vehículos e ómnibus que percorren unha ruta tan emblemática e importante para a provincia como é a da Ribeira Sacra, especialmente numerosos nas épocas de vacacións.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezaoito de setembro de mil novecentos noventa e sete,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a

urxente ocupación, polo Concello de Nogueira de Ramuín (Ourense) para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de C.V. 323 Ponte dos Gozos-Parada do Sil, nº 5 RVL/97.

Santiago de Compostela, dezaoito de setembro de mil novecentos noventa e sete.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús C. Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais

7249