Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 178 Martes, 16 de setembro de 1997 Páx. 9.157

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 16 de xuño de 1997, da Dirección Xeral de Relacións Laborais, pola que se ordena o rexistro e publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia.

Visto o texto do convenio colectivo de ámbito autonómico da empresa Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (nº rexistro 8200012), que se subscribiu coa data do 30 de maio de 1997, entre a representación da empresa e dos traballadores, e de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo, esta Dirección Xeral de Relacións Laborais,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la inscrición do devandito convenio colectivo no rexistro xeral de convenios desta dirección xeral.

Segundo.-Remiti-lo texto orixinal ó correspondente servicio deste centro directivo.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de xuño de 1997.

Juan Pedrosa Vicente

Director xeral de Relacións Laborais

Convenio colectivo do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto.

O presente convenio colectivo ten por obxecto regula-las relacións laborais e sociais entre o

Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) e os seus empregados.

Artigo 2º.-Asinantes.

2.1. O Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, por medio do seu decano ou do membro da súa Xunta de Goberno en quen delegue.

2.2. Os empregados do citado colexio, a través dos seus representantes no Comité Intercentros, sendo suficiente a sinatura da metade máis un dos ditos representantes.

2.3. Ambas parte recoñécense lexitimación para a negociación e asinamento deste convenio colectivo.

Artigo 3º.-Ámbito, prórroga e denuncia.

3.1. Persoal.-Os artigos do presente convenio afectan ó persoal que preste o seu servicio no COAG mediante contrato de traballo, coa soa exclusión do persoal que desempeña funcións de alta dirección.

3.2. Territorial.-O presente convenio será de aplicación a tódolos centros que a empresa ten na actualidade ou poida ter no futuro.

3.3. Temporal.-O presente convenio entrará en vigor o 1 de xaneiro de 1997. A súa duración será de tres anos, prorrogándose tacitamente a partir do dito prazo, por períodos anuais, a menos que o denuncie por escrito unha das partes cun mínimo de dous meses de antelación. Unha vez realizada a denuncia deberá constituírse a mesa negociadora no prazo máis breve posible, a partir da data da entrega da plataforma ou plataformas por calquera das partes. A mesa negociadora quedará constituída polos membros do Comité Intercentros e a representación da empresa.

Se, denunciado o convenio, as negociacións se prorrogasen por un período que excedese a súa vixencia, entenderase prorrogado ata a data de entrada en vigor do novo convenio, sen prexuízo de que as partes poidan pacta-las fórmulas que coiden oportunas para o período que media entre a data de termo do convenio anterior e a entrada en vigor do novo.

Artigo 4º.-Comisión paritaria.

4.1. Para resolve-las cuestións que se poidan presentar sobre interpretación e aplicación deste convenio, constitúese unha comisión paritaria integrada por dous representantes legais dos traballadores e dous representants da dirección da empresa.

4.2. A convocatoria para unha reunión desta comisión paritaria será proposta por escrito por calquera das dúas partes que a compoñen, cun mínimo de quince días de antelación á celebración dela, con concreción precisa e detallada dos puntos que se van tratar, reflectidos na orde do día. O lugar de reunión será fixado pola empresa e a comparecencia será obrigatoria para ambas partes, a non ser que se emende, por acordo mutuo antes da súa celebración, o motivo da reunión fixado na solicitude da convocatoria.

Artigo 5º.-Normas supletorias.

Para todo o non especificamente disposto no presente convenio será aplicable o Estatuto dos traballadores e demais disposicións xerais de rango suficiente.

Artigo 6º.-Condicións máis beneficiosas.

O actual convenio derroga tódolos anteriores.

Tódalas condicións establecidas neste convenio teñen a consideración de mínimas, polo que os pactos, cláusulas, condicións e situacións actuais, implantadas individual ou colectivamente, que impliquen condicións máis beneficiosas que as pactadas neste convenio, débense respectar na súa integridade.

Capítulo II

Condicións xerais de traballo

Artigo 7º.-Cadros de persoal e escala.

Os cadros de persoal e escala do COAG son os existentes na data de asinamento do presente convenio e que figuran anexo a el.

A escala revisarase anualmente antes do 25 de setembro e comunicarase ós empregados antes do 10 de outubro.

O traballador que considere non estar debidamente clasificado, terá un prazo de 15 días para formular reclamación á Xunta de Goberno. Transcorrido este prazo, a Xunta de Goberno disporá dun mes para elaborar e aproba-lo cadro de persoal e a escala para o ano seguinte.

Artigo 8º.-Incompatibilidades.

Traballo como funcionario público.

Traballo baixo a dependencia ou ó servicio doutros colexios profesionais, entidades ou particulares en asuntos que vaian tramitarse no COAG.

Os arquitectos de visado terán as incompatibilidades recollidas nas súas particulares condicións de traballo.

Artigo 9º.-Provisión de vacantes.

Procederase á provisión de vacantes en dous supostos:

a) Cando a empresa cree novas prazas.

b) Cando se trate de substituír a empregados que extinguiran o seu contrato de traballo.

1. Producida unha vacante por extinción de contrato, a Xunta de Goberno procederá no prazo de 60 días naturais a declaralo así, ou en caso contrario, considerarase amortizada.

2. A súa provisión, a excepción da provisión de praas de directores de área, efectuarase pola seguinte orde:

a) Concurso de traslados, entre o persoal fixo do COAG de igual categoría á praza que se vai ocupar.

b) Concurso restrinxido, entre o persoal fixo do COAG.

c) Contratación laboral libre por medio de convocatoria pública.

3. Establécense as seguintes prioridades no concurso de traslados:

a)Adecuación ás necesidades da vacante.

b) Antigüidade na categoría profesional.

c) Antigüidade na empresa.

4. Nos concursos restrinxidos, así como para a contratación laboral libre, en igualdade de condicións ou puntuación, terán preferencia para ocupa-la praza ofertada os arquitectos sobre calquera outro aspirante.

Entre os traballadores do COAG en igualdade de condicións ou puntuación será preferente un do mesmo centro onde exista a vacante e entre estes terá preferencia o que teña máis antigüidade na empresa.

Cando por concurso restrinxido un traballador acceda a un posto de superior categoría, estará sometido ó período de proba que corresponda, reservándose mentres tanto a praza que deixe vacante, á que se reincorporará de non superalo.

5. No tribunal que deba cualificar tanto os concursos coma as probas da convocatoria pública libre haberá un delegado de persoal ou traballador designado pola representación legal dos traballadores, de igual ou superior categoría laboral cá praza convocada.

6. Os anuncios de convocatoria para a contratación libre por medio de convocatoria pública especificarán:

-Titulación académica esixida.

-Categoría da praza que se pretende ocupar.

-Funciones que vai desempeñar.

-Retribución anual.

-Contido das probas que se van realizar de acordo coa praza convocada.

-Período de proba.

Valorarase a experiencia e coñecementos demostrados de acordo coa praza que se vai ocupar, nos tres supostos recollidos.

8. Os periodos de proba serán:

-6 meses para directores de área.

-2 meses para administrtivos e técnicos

-1 mes para auxiliares e oficios varios.

Artigo 10º.-Promocións e ascensos.

10.1. Promocións internas. Para as vacantes que non sexan de libre designación da empresa, poderán acceder tódolos traballadores fixos, sempre que posúan a capacitación probada e tódalas demais condicións que se requiran; en calquera dos casos, a

empresa poderá propro-las probas que considere oportunas para cubri-la praza.

10.2. Postos de libre designación da empresa. Serán de libre designación os postos con categoría de:

-Director de departamento, excluídos expresamente do ámbito do presente convenio colectivo, a teor do establecido no seu artigo 3º.1.

-Director de área.

10.3. O persoal fixo do COAG que pase a ocupar cargos de libre designación terá dereito a que se lles reserve o destino ou posto que viñan desempeñando con anterioridade ó seu novo nomeamento.

Artigo 11º.-Traballos de distinta categoría.

Non se poderán encomendar traballos de categoría superior por máis de seis meses nun ano e dez meses en dous anos, debendo volve-lo traballador ó cabo deste tempo á súa categoría anterior.

No caso de desempeño interino de posto de traballo de categoría superior, o traballador terá dereito a percibir un complemento de salario igual á diferencia de nivel salarial, aínda cando o salario base que viñese percibindo fose superior ó da táboa.

Poderán serlle encomendados traballos de categoría ata dous graos inferior á que o traballador teña asignada segundo a escala, en función das necesidades obxectivas do centro de traballo e polo tempo máximo de dous meses ó ano, sen que isto supoña diminución da súa categoría laboral nin das percepcións económicas.

Artigo 12º.-Mobilidade xeográfica.

Remítese ó establecido no Estatuto dos traballadores.

Artigo 13º.-Anticipos.

O persoal con máis de dous anos de antigüidade na empresa terá dereito a solicitar, para casos de necesidade xustificada, un anticipo sen interese ata o importe de tres mensualidades do seu salario bruto. A amortización non excederá do 10% do salario.

No caso de solicitar este anticipo varios traballadores, terán prioridade en igualdade de condicións os traballadores de inferior categoría laboral.

A empresa destinará un importe igual ó 3% do total da nómina anual para esta finalidade.

Artigo 14º.-Complementos de Seguridade Social.

Cando un traballador se atope en situación de baixa por enfermidade ou accidente, a empresa aboará o complemento á prestación da Seguridade Social ata cubri-la totalidade da retribución que percibiría en situación de alta.

Artigo 15º.-Fondo social e asistencial.

A empresa destinará como fondo social a cantidade necesaria para cubrir un seguro complementario de

accidentes de 4. 000.000 de pesetas por traballador. O dito capital revisarase trienalmente.

A empresa concederalles ós seus traballadores as seguintes axudas e prestacións:

-Por nupcialidade: o 40% do salario base mensual.

-Por natalidade: o 30% do salario base mensual.

Artigo 16º.-Permisos e excedencias.

Rexerase polo establecido no Estatuto dos traballadores.

Excepto as seguintes melloras:

1. Permisos retribuídos.

-Cinco días naturais por nacemento de fillo.

-Cinco días por enfermidade grave do cónxuxe, pais ou fillos.

-Tres días por enfermidade grave dun parente ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade.

-Tres días para elixir por sistema de quendas, en Semana Santa ou Nadal.

-Unha ponte ó ano; de non fixarse no calendario laboral, farao cada traballador de mutuo acordo no seu centro de traballo.

2. Permisos sen retribuír.

-Sesenta días como máximo ó ano. Poderán fraccionarse en dous períodos.

Os requisitos para a súa concesión son os seguintes:

a) O traballador deberá ter unha antigüidade dun ano na empresa.

b) Deberá presenta-la súa solicitude por escrito, cunha antelación dun mes respecto da data en que pretenda desfrutar daquel.

c) Este permiso poderá solicitarse unha vez cada cinco anos.

O permiso poderá ser denegado polas seguintes causas:

a) Por estar outro empregado do centro de traballo desfrutando del.

b) Por necesidades da empresa.

Artigo 17º.-Baixa voluntaria definitiva.

Calquera traballador poderá obte-la baixa voluntaria definitiva comunicándollo á empresa cunha antelación de 15 días laborables.

Capítulo III

Xornada de traballo e descanso

Artigo 18º.-Xornada laboral.

O número de horas de traballo efectivo será de 35 semanais, de luns a venres, segundo o horario laboral establecido na empresa para cada centro de traballo e de común acordo cos traballadores.

Ó comezo e termo da xornada laboral será obrigatorio que o empregado marque por si mesmo a ficha do reloxo de control.

Artigo 19º.-Horas extraordinarias.

Pola natureza do traballo e organización del, na empresa non se efectuarán horas extraordinarias.

No caso de ser imprescindible a realización de horas extraordinarias, a iniciativa do traballo correspóndelles unicamente ós órganos de goberno e a libre aceptación ou denegación para realizalas ó empregado.

Considerarase hora extraordinaria toda aquela que exceda da xornada laboral regulamentaria nesta corporación.

As horas extraordinarias poderán ser compensadas ben en tempo de descanso, ben aboadas na contía económica correspondente. En calquera dos dous casos, por cada hora extraordinaria traballada corresponderá unha compensación de 1,25 horas de descanso ou retribución respecto ó prezo da hora ordinaria. En cada caso, negociarase co traballador a compensación ou o aboamento, segundo conveña. En caso de que non puidese desfrutarse do descanso pactado nun período de 90 días naturais contados desde que se traballou, entenderase que as horas extraordinarias serán retribuídas economicamente.

Os directores de área, os xefes de 1ª administrativo e os técnicos de grao A non recibirán ningunha retribución por horas extraordinarias no caso de excede-la súa xornada da pactada, por considerarse esta dedicación inherente ó cargo da súa responsabilidade, debendo ser compensados con tempo de xornada ordinaria, agás no caso en que non poida ser substituído temporalmente por limitacións no cadro de persoal nos 90 días naturais seguintes a realizalas, e neste caso retribuiranse economicamente co incremento do 25% da hora ordinaria.

Artigo 20º.-Vacacións.

20.1. Todo o persoal da empresa terá dereito ó desfrute de vacacións anuais retribuídas de trinta días naturais, que equivalen a 22 días laborables de luns a venres.

20.2. En caso de desacordo á hora de fixa-la data de vacacións, o traballador terá dereito a elixi-la metade dos días segundo a súa conveniencia excepto que a empresa peche o centro durante as vacacións.

O período de vacacións de cada traballador establecerase nun calendario laboral que deberá estar aprobado con dous meses de antelación ó comezo delas. A aprobación deste calendario estará supeditada ó bo funcionamento da oficina durante o período vacacional, acreditado mediante un informe do director de área de cada centro de traballo.

20.3. En calquera caso avisarase, tanto á empresa como ós traballadores, a data de comezo das vacacións con alomenos dous meses de anticipación.

20.4. Considerarase como período normal de vacacións os meses de xuño, xullo, agosto e setembro.

Capítulo IV

Clasificación, nivel e táboa salarial

Artigo 21º.-Clasificación profesional.

O persoal do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia estará clasificado nos seguintes grupos e categorías, asignándolles a cada unha delas o nivel salarial que lle corresponde.

GrupoCategoría profesionalNivel salarial

0-Alta direcciónDirector de departamentoSegundo contrato

1-DirecciónDirector de área1

2-AdministrativosXefe de 1ª2
Xefe de 2ª3
Oficial de 1ª4
Oficial de 2ª5

3-TécnicosDe grao A2
De grao B3
De grao C4
De grao D5

4-Persoal auxiliarAuxiliar6

5-Persoal subalternoOrdenanzas7

6-Oficios variosOficios varios8

O grupo 5 declárase para extinguir

Director de departamento: son os responsables do funcionamento do departamento a nivel en de todo o COAG; dependen organicamente do secretario da Xunta de Goberno; son postos de alta dirección e confianza na empresa e terán contrato laboral fóra de convenio.

Director de área: son os responsables do funcionamento e organización da área funcional que lle corresponda; dependen organicamente do director de departamento. Desempeñarán esta función os ata agora secretarios técnicos (dentro do departamento administrativo) e os ata agora arquitectos de visado (dentro do departamento técnico), así como os que no futuro sexan contratados como tales directores de área ou puidese ascender por méritos desde o grupo 2 e 3 (administrativos e técnicos) e por designación da Xunta de Goberno.

Administrativos: son as persoas que baixo a dependencia orgánica do director da área desenvolven traballos burocráticos e contables cunha responsabilidade específica, existindo graos segundo a importancia das tarefas ó seu cargo e non dependerán xerarquicamente uns doutros. Estarán adscritos a calquera departamento, sendo posible nunha primeira fase que algún puidera estar adscrito a máis dun, mentres non se aprobe a clasificación de funcións e a súa correlación coas categorías.

Técnicos: son as persoas que baixo a dependencia do director de área desenvolven traballos de tipo técnico cun contido que se desenvolverá coa creación das prazas correspondentes segundo as necesidades que se presenten e estarán adscritos ó departamento ó que sexan asignados.

Persoal auxiliar: son persoas que realizan labores administrativos elementais e, en xeral, de apoio e axuda puramente mecánica inherentes ó traballo do seu departamento. Dependerán igualmente do director de área correspondente.

Persoal subalterno: para extinguir.

No prazo de quince días que se subscriba este convenio colectivo, constituirase unha comisión mixta formada pola representación da empresa e o comité intercentros para a determinación das funcións correspondentes a cada categoría profesional, coa finalidade de concretar máis as definicións anteriormente descritas.

En caso de que durante a vixencia deste convenio, a empresa precise introducir modificacións estructurais ou organizativas, será convocada a comisión deliberadora deste convenio.

O esquema de organización interna do COAG, a teor do establecido neste artigo reflíctese no anexo I do presente convenio.

Capítulo V

Condicións económicas

Artigo 22º.-Táboa salarial.

Os salarios base mínimos por nivel para o ano 1997 son os seguintes:

Nivel 1= 4.001.085 ptas.

Nivel 2= 3.016.999 ptas.

Nivel 3= 2.796.875 ptas.

Nivel 4= 2.623.365 ptas.

Nivel 5= 2.343.677 ptas.

Nivel 6= 2.240.089 ptas.

Nivel 7= 1.877.531 ptas.

Nivel 8= 1.760.994 ptas.

Artigo 23º.-Revisión da táboa salarial.

A revisión da táboa salarial realizarase anualmente de acordo co seguinte procedemento:

a) De forma prioritaria aplicarase o que se pacte no convenio ou acordo a que cheguen os representantes legais da empresa e o Comité Intercentros, antes do 30 de xaneiro de cada ano e logo da convocatoria por parte da empresa.

b) En defecto do pacto, acudirase a unha arbitraxe.

c) En caso de non convocatoria en prazo por parte da empresa aplicarase o IPC nacional do ano anterior.

Artigo 24º.-Revisión dos salarios base.

Os salarios base axustados á táboa actualizaranse aplicando o incremento que anualmente experimente a táboa salarial ó seu nivel correspondente.

Os salarios base superiores ós da táboa incrementaranse para o ano 1997 no IPC de 1996 aplicado sobre a táboa de 1997 no seu correspondente nivel. Para anos sucesivos incrementaranse na mesma contía en que o faga a táboa salarial no seu nivel respectivo.

Artigo 25º.-Devengo de soldos.

O pagamento dos soldos e salarios efectuarase mensualmente e dentro dos tres últimos días de cada mes, entregándose o recibo da nómina ó traballador nos primeiros dez días do mes seguinte.

Artigo 26º.-Pagas extraordinarias.

O persoal da empresa percibirá tres gratificacións extraordinarias que se devengarán o 15 de marzo, 15 de xullo e 15 de decembro de cada ano, quedando a súa retribución anual repartida en 15 pagas.

Artigo 27º.-Antigüidade.

1. As bonificacións por anos de servicio consistirán en cinco trienios do 5%, os cinco primeiros; tres trienios do 10%, os tres seguintes; e un trienio do 5% o último. Calculados sobre o salario base que se perciba e que se devengarán a partir do 1 de xaneiro do ano en que se cumpran.

2. A acumulación dos incrementos por antigüidade non poderá, en ningún caso, supor máis do 10% ós cinco anos, do 25% ós quince anos, do 40% ós vinte anos e do 60%, como máximo, ós 25 ou máis anos.

3. Non obstante, os traballadores que viñesen percibindo ou tivesen dereito a percibir bonificacións por antigüidade superiores ás aquí establecidas, conservarán os seus dereitos adquiridos ou en trance de adquisición.

Artigo 28º.-Axudas de custo e desprazamentos.

Os seus importes serán os sinalados na Orde do 8 de maio do 1991 (BOE do 17 de maio do 91) ou outra posterior que os actualice.

Para desprazamentos dentro do territorio español:

Manutención e hospedaxe16.000 ptas./día.

Desprazamento24 ptas./Km.

Media axuda de custo3.600 ptas./día.

Aboaranse os gastos de aparcamento e peaxelogo da xustificación.

Capítulo VI

Premios, faltas e sancións

Artigo 29º.-Premios.

29.1. A empresa poderá establecer recompensas nos casos en que durante o desenvolvemento da relación laboral os empregados demostrasen unha especial capacidade, laboriosidade, dedicación, fideli

dade, rendemento, cualidades técnicas, superación profesional e calquera outra similar.

29.2. Os premios poderán consistir en:

a) Cantidade en metálico que fixe a Xunta de Goberno.

b) Incremento de vacacións: concesión de 5 días hábiles máis de vacacións das que regulamentariamente correspondan.

c) Bolsas de estudios.

d) Cancelación de nota desfavorable no expediente.

e) Felicitación por escrito.

f) Destino a posto de confianza: adscrición a posto de confianza ou reserva para ocupar posto desta índole cando se produza vacante.

29.3. Tódalas recompensas levarán anexo o recoñecemento público, quedando reflectidas nas actas dos acordos da Xunta de Goberno e sendo comunicadas a todo o persoal.

Artigo 30º.-Faltas.

30.1. Faltas.

As faltas clasificaranse atendendo á súa importancia, reincidencia e intención en leves, graves e moi graves, de conformidade co que se dispón no presente artigo e nas normas vixentes do ordenamento xurídico laboral no que resulten de pertinente aplicación.

30.2. Consideraranse faltas leves:

-Tres faltas de puntualidade durante un mes sen que exista causa xustificada.

-A non comunicación coa antelación debida, da súa falta ó traballo por causa xustificada, a non ser que probe a imposibilidade de facelo.

-Falta de aseo e limpeza persoal.

-Falta de atención e dilixencia cos clientes.

-Discusións que repercutan na boa marcha dos servicios.

-Faltar ó traballo un día ó mes sen causa xustificada.

-A embriaguez ocasional.

30.3. Son faltas graves:

-Faltar dous días ó traballo sen xustificación, nun mes.

-A simulación de enfermidade ou accidente.

-Simula-la presencia doutro traballador, valéndose da súa ficha, sinatura, tarxeta ou medio de control.

-As cometidas contra a disciplina no traballo ou contra o respecto debido ós seus superiores.

-A reincidencia nas faltas leves, agás as de puntualidade, aínda que sexan de distinta natureza, dentro dun trimestre, cando mediasen sancións.

-O abandono do traballo sen causa xustificada.

-A neglixencia no traballo cando cause prexuízo grave.

30.4. Son faltas moi graves:

-Faltar ó traballo máis de dous días ó mes sen causa xustificada.

-A fraude, a deslealdade e abuso de confianza nas xestións encomendadas.

-O furto e o roubo tanto ós demais traballadores como á empresa ou a calquera persoa dentro dos locais da empresa ou fóra dela, durante acto de servicio.

-A simulación comprobada de enfermidade; inutilizar, destrozar ou causar desperfectos en máquinas, aparatos, instalacións, edificios, utensilios e departamentos da empresa; recaer sobre o traballador sentencia dos tribunais de xusticia competentes por delitos de roubo, furto, estafa e malversación, cometidos fóra da empresa, que poida motivar desconfianza cara ó seu autor; a continua e habitual falta de aseo e limpeza persoal, que produza queixas xustificadas dos compañeiros; a embriaguez durante o traballo; os malos tratos de palabra ou obra ou falta grave de respecto e consideración ós xefes, compañeiros ou subordinados; abandona-lo traballo en postos de responsabilidade e a reincidencia en falta grave, aínda que sexa de distinta natureza, dentro do mesmo trimestre, sempre que foran obxecto de sanción.

Artigo 31º.-Sancións aplicables.

Segundo a clase de falta aplicaranse as sancións xenéricas que se detallan a continuación:

a) Sancións a faltas leves:

-Amoestación verbal.

-Amoestación escrita.

b) Sancións a faltas graves:

-Suspensión de emprego e soldo de 1 a 10 días.

-Inhabilitación temporal, por un período non superior a un ano, para ascender de categoría.

-Perda ou cancelación da bolsa concedida.

c) Sancións a faltas moi graves:

-Suspensión de emprego e soldo de 11 días a 2 meses.

-Inhabilitación, durante 2 anos ou definitivamente, para pasar a outra categoría.

-Despedimento.

Artigo 32º.-Aplicación das sancións.

As sancións aplicaranse tendo en conta:

a) O maior ou menor grao de responsabilidade, a categoría profesional e a conducta anterior do que cometa a falta.

b) A repercusión do feito nos demais empregados, nos colexiados e na propia corporación.

Artigo 33º.-Procedemento.

A imposición de sancións por faltas graves e moi graves requirirá a tramitación previa dun expediente contradictorio. A iniciación del e o prego de cargos comunicaránselle ó interesado, ó que se lle dará audiencia. O prego de descargos deberá ser formulado no prazo de 7 días naturais. Ó Comité Intercentros comunicaránselle tamén o prego de cargos, que deberá ser contestado no mesmo prazo antes indicado. En todo caso, ó Comité Intercentros daráselle audiencia e será escoitado con carácter previo ó acordo definitivo. A resolución definitiva, que será comunicada ó interesado, farase por escrito, facendo consta-lo feito ou feitos que motivaron a sanción que se impoña e a súa cualificación.

O prazo de que disporá a empresa para a tramitación do expediente será, como máximo, de 21 días.

Artigo 34º.-Prescrición.

As faltas leves prescribirán ós 10 días, as graves ós 20 días e as moi graves ós 60 días, a partir da data en que a empresa tivera coñecemento de seren cometidas, e, en todo caso, ós 6 meses de cometérense.

Capítulo VII

A función sindical

Artigo 35º.-Garantías sindicais.

O exercicio dos dereitos sindicais por parte dos representantes legais do persoal axustarase ó establecido no Estatuto dos traballadores e Lei orgánica de liberdade sindical.

Artigo 36º.-Comité Intercentros.

36.1. Composición.

O Comité Intercentros estará integrado polos representantes do persoal.

36.2. Actividades:

a) Coordina-los diferentes delegados de persoal da empresa.

b) Analizar e intercambiar opinións sobre a problemática xeral dos empregados nos diferentes centros de traballo.

c) Cantas outras competencias específicas que, afectando a tódolos empregados da empresa, sexan definidas polo conxunto dos seus representantes e estean comprendidas entre os que como tales lles corresponde, segundo a normativa en vigor ou polo presente convenio.

O Comité Intercentros, no exercicio das súas actividades, respectará, en todo caso, a autonomía funcional e competencias de cada delegado de persoal no seu respectivo ámbito de actuación, así como as atribucións da comisión paritaria, que se mencionan no presente convenio.

36.3. Constitución.

No prazo dun mes desde a data das eleccións dos diferentes delegados de persoal, procederase á constitución do Comité Intercentros, de acordo coas funcións e composición antes sinaladas e ó nomeamento do seu portavoz. A este a empresa facilitaralle o necesario para desempeña-lo seu labor.

No momento en que un membro do Comité Intercentros deixase de ser delegado de persoal, automaticamente deixaría a vacante correspondente no Comité Intercentros.

A Dirección da Empresa será informada dos membros que compoñen o dito comité.

Artigo 37º.-Representantes de persoal.

Poderá haber un representante de persoal naqueles centros que conten con menos de seis traballadores fixos, se así o decidisen estes por maioría. Formarán tamén parte do Comité Intercentros, con iguales dereitos e obrigas cós delegados de persoal.

Artigo 38º.-Dereito de reunión.

Os traballadores poderán reunirse libremente nos locais do COAG, sempre que non interfiran actividades colexiais, logo da notificación escrita á empresa.

Capítulo VIII

Seguridade e hixiene

Artigo 39º.-Seguridade e hixiene.

39.1. O traballador ten dereito a unha protección eficaz da súa integridade física e a unha adecuada política de seguridade e hixiene no traballo, así como o deber colectivo de observar e pór en práctica as medidas de prevención de risco que se adopten legal e regulamentariamente.

Así mesmo, ten dereito a participar na formulación da política de prevención do seu centro de traballo e no control das medidas adoptadas no seu desenvolvemento, a través dos seus representantes legais.

39.2. A empresa está obrigada a promover, formular e aplicar unha adecuada política de seguridade e hixiene nos seus centros de traballo, así como a facilita-la participación dos traballadores nesta política e garanti-la formación práctica e adecuada ós traballadores que contrate ou cando cambien de posto de traballo ou cando teñan que aplicar novas técnicas, equipos e materiais que ocasionen ou poidan ocasionar risco para o propio traballador, ós seus compañeiros ou a terceiros.

39.3. Logo do acordo cos representantes legais dos traballadores, o empregado estará obrigado a segui-los cursos e a realiza-las prácticas que se leven a cabo dentro da xornada de traballo ou noutras

horas, con desconto neste último caso do tempo investido da xornada laboral.

Disposición adicional

Cláusulas de garantía.

a) Se durante a vixencia do presente convenio se produce, por reestructuración administrativa ou transferencia de xestión, algún cambio da dependencia do colexio, pasando a outra entidade, o colectivo afectado manterá tódolos dereitos recoñecidos neste convenio, mentres permaneza no COAG.

b) En caso de producirse unha regulación de emprego ou despedimento por causas obxectivas constituirase no COAG unha bolsa de traballo, integrada polos empregados que teñan uns contratos de traballo que resulten extinguidos.

Os integrantes da dita bolsa de traballo terán preferencia absoluta para seren contratados polo propio COAG ou por calquera outra entidade que se constitúa ou constituíse anteriormente por iniciativa ou con participación maioritaria do colexio ou situadas nas dependencias colexiais (anúnciase a título indicativo: cooperativas, fundacións, caixa de arquitectos, ASEMAS, irmandade, etc.).

-Pola empresa:

José Manuel Rey Pichel, decano del COAG.

-Polos traballadores:

Manuel García Vázquez, A Coruña.

Elena Mosquera Pérez, Lugo.

Luis López Ferreiro, Ourense.

José Antonio Salgueiro Martinez, Pontevedra.

Antonio Bernárdez Simón, Vigo

Ramón Alende Cea, Santiago de Compostela.

Montserrat Nores Rodriguez, Ferrol.

José Ramón Ferro Rey, Sede.

5267