Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 178 Martes, 16 de setembro de 1997 Páx. 9.149

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 12 de setembro de 1997 pola que se establece o réxime de funcionamento do comité preparatorio da Comisión de Acción Exterior da Xunta de Galicia.

O Decreto 170/1997, do 3 de xullo, creou a Comisión de Acción Exterior da Xunta de Galicia, que no seu artigo 3 establece que os asuntos que teñan que ser debatidos por aquela sexan examinados con anterioridade polo seu comité preparatorio. Este órgano terá como misión encamiña-las liñas de actuación exterior dos diferentes departamentos e organismos da Administración autonómica, para a súa elevación á comisión e avalia-los proxectos, programas e propostas das que serán responsables da súa execución as distintas unidades sectoriais.

Tanto o devandito artigo como a disposición derradeira primeira do mesmo decreto facultan o conselleiro da Presidencia e Administración Pública para determina-la composición e o réxime interior do comité, segundo as pautas nel fixadas previamente. A presente orde dálle cumprida resposta a ese mandato do Consello da Xunta, tendo en conta a experiencia acumulada no ámbito da acción exterior autonómica, o respecto á lealdade constitucional ó que se deben tódalas administracións españolas e a necesidade de intensifica-la coordinación entre os departamentos afectados.

En consecuencia, no exercicio das devanditas previsións e das atribucións que me confiren os artigos 34 e concordantes da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente.

DISPOÑO:

Artigo 1º

Por medio da presente orde establécese a composición e réxime interior do Comité de Acción Exterior da Xunta de Galicia, preparatorio dos asuntos dos que teña que entende-la comisión creada polo Decreto 170/1997, do 3 de xullo.

Artigo 2º

O comité estará presidido polo conselleiro da Presidencia e Administración Pública, actuando como secretario o secretario xeral de Relacións coa Unión Europea e Acción Exterior, que tamén será membro de pleno dereito deste, quedando integrado ademais polos seguintes compoñentes permanentes:

-Secretario xeral de Presidencia

-Secretario xeral de Relacións coas Comunidades Galegas

-Secretario xeral para o Turismo

-Director xeral de Comercio

-Director do Instituto Galego de Promoción Económica

Artigo 3º

Os departamentos que deban someter asuntos á Comisión de Acción Exterior, segundo o establecido polo artigo 1 do decreto de referencia ou polas directrices que aquela aprobase, remitiranlle as súas propostas con toda a documentación necesaria e os estudios e informes precisos ó secretario do comité. Este daralle conta das propostas ó seu presidente, quen determinará a súa inclusión na orde do día e a data da convocatoria, a teor do número e a entidade dos asuntos propostos.

Artigo 4º

As convocatorias do presidente do comité serán cursadas directamente polo seu secretario a tódalas autoridades que o integran, con polo menos dez días hábiles de antelación, que poderán reducirse á meta

de no caso de urxencia. Xunto coa convocatoria incluirase a orde do día e a documentación anexa de rigor.

Artigo 5º

O presidente do comité poderá invitar á reunión a outras autoridades autonómicas que puidesen resultar interesadas pola natureza dos puntos que se van debater, para que expoñan o seu parecer sobre estes. Do mesmo xeito poderá autoriza-la presencia de funcionarios cualificados e expertos sobre os temas que se vaian tratar.

Artigo 6º

O secretario do comité levantará acta da reunión, que lle será remitida ó presidente da Xunta na súa calidade de presidente da Comisión de Acción Exterior.

Artigo 7º

Os asuntos debatidos polo comité deberán contar coa aprobación da Comisión de Acción Exterior para a súa execución efectiva.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ó establecido na presente orde.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de setembro de 1997.

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

6828