Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 178 Martes, 16 de setembro de 1997 Páx. 9.149

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

DECRETO 244/1997, do 24 de xullo, polo que se designa como laboratorio de referencia da Comunidade Autónoma de Galicia, para o control da calidade dos productos transformados da pesca, ó Centro Técnico Nacional de Conservación dos Productos da Pesca (Cecopesca).

A implantación de sistemas de aseguramento da calidade é, hoxe en día, un dos elementos básicos con que contan as industrias galegas de elaboración de productos de pesca para incrementa-la súa competitividade, tanto nos mercados nacionais como nos internacionais.

Iso esixe que se articule un mecanismo de cooperación entre a Administración autonómica e o sector privado, que fomente ó máximo a difusión nos mercados de que os productos da pesca transformados de Galicia reúnen uns requisitos de calidade que os fan óptimos para o consumo.

Nesta liña, seguindo as pautas marcadas pola Unión Europea e de acordo coas competencias que a Comunidade Autónoma de Galicia posúe, atribuídas polos artigos 27.15º, 30.2º e 33.1º da Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, do Estatuto de autonomía de Galicia, faise necesaria a designación dun laboratorio de referencia que, dispoñendo de infraestructura humana, material e administrativa necesaria, garanta o control da calidade dos productos elaborados da pesca, preservando a seguridade das informacións e resultados obtidos.

En relación ó sinalado anteriormente, o Centro Técnico Nacional de Conservación de Productos da Pesca, con sede en Vigo, laboratorio a través do que se levan a cabo as accións tecnolóxicas e de investigación e de desenvolvemento científico da Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas, reúne a cualificación necesaria para a realización das funcións a que se refire este decreto.

Por todo iso, por iniciativa das consellerías de Pesca, Marisqueo e Acuicultura e Industria e Comercio, por proposta do conselleiro da Presidencia e Administración Pública e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do vintecatro de xullo de mil novecentos noventa e sete,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Desígnase como laboratorio de referencia da Comunidade Autónoma de Galicia para o control da calidade dos productos da pesca transformados o Centro Técnico Nacional de Conservación dos Productos da Pesca (Cecopesca), que se habilita nos termos expresados no artigo 2º do presente decreto.

Artigo 2º

1. O laboratorio de referencia poderá:

a) Certificar que as materias primas e productos finais por el analizados reúnen os parámetros de calidade tanto desde o punto de vista fisicoquímico como microbiolóxico e organoléctico, nos termos fixados pola Entidade Nacional de Acreditación, de acordo coas normas ISO/CEI.

b) Estable-las pautas de control dos procesos productivos que garantan o cumprimento do disposto no apartado anterior.

2. A Administración autonómica poderá consultarlle ó laboratorio de referencia en relación ós temas que a continuación se sinalan:

a) O asesoramento na elaboración de normativas de carácter sectorial para harmonizar ó máximo os intereses empresariais e os do consumidor.

b) O asesoramento nas funcións de información ós consumidores dos productos da pesca.

c) Calquera outra función que a Administración competente lle asigne.

Disposición adicional

O desenvolvemento regulamentario do presente decreto corresponderalle á consellería competente por razón da materia.

Disposición derradeira

O presente decreto entrará en vigor ós vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintecatro de xullo de mil novecentos noventa e sete.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

7117