Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 177 Luns, 15 de setembro de 1997 Páx. 9.112

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 12 de setembro de 1997, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se delega o exercicio de determinadas competencias no xefe do Servicio Provincial de Turismo.

Polo Decreto 216/1997, do 30 de xullo, procedeuse á creación e regulación do funcionamento do Servicio de Resposta Inmediata (Seri) para determinados procedementos tramitados por instancia de parte ante a Administración autonómica de Galicia segundo os principios informadores ós que debe someterse a actuación administrativa para conseguir unha maior axilidade e eficacia no seu servicio ó cidadán.

O Decreto 239/1997, do 10 de setembro, sobre desconcentración e delegación de competencias en determinados procedementos para a implantación do Servicio de Resposta Inmediata, establece no seu artigo 2 a desconcentración nos delegados provinciais da Consellería da Presidencia e Administración Pública das competencias que ten atribuídas a Secretaría Xeral para o Turismo en relación coa inscrición no rexistro de empresas e actividades turísticas da Comunidade Autónoma de Galicia de determinadas empresas ou actividades turísticas.

Co fin de conseguir efectivamente esa desexada axilización na resolución destes procedementos é polo que procede, agora, delega-la referida competencia no xefe do Servicio Provincial de Turismo o que, sen dúbida, redundará nunha tamén maior eficacia.

Na súa virtude, facendo uso das atribucións que me confire o artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común,

DISPOÑO:

Primeiro.-Delegar no xefe do Servicio Provincial de Turismo da Coruña a competencia para entender e resolve-los procedementos tramitados por instancia de parte en relación coa inscrición no rexistro de empresas e actividades turísticas da Comunidade Autónoma de Galicia das seguintes empresas ou actividades turísticas:

-Cafés, bares, tabernas.

-Pubs e whiskerías.

-Discotecas e salas de festa.

-Asociacións, federacións e confederacións empresariais.

-Asociacións, federacións e confederacións de profesionais do turismo.

-Padroados de turismo.

-Centros de iniciativas turísticas.

-Casinos.

-Feiras e festas típicas, sempre e cando a súa organización estea avalada pola corporación local correspondente.

-Liñas aéreas, liñas de autobuses, transporte marítimo, alugueiro de coches sen conductor, transbordadores.

-Festas declaradas de interese turístico.

-Axentes da propiedade inmobiliaria.

-Museos.

Segundo.-As resolucións administrativas que se adopten facendo uso da delegación contida na presente resolución, farán constar expresamente esta circunstancia e consideraranse dictadas pola autoridade que a conferiu.

Terceiro.-En calquera momento, o delegado provincial da Coruña da Consellería da Presidencia e Administración Pública poderá reclama-lo exercicio das competencias que son delegadas por esta resolución, de acordo co establecido no artigo 14 da citada lei.

A Coruña, 12 de setembro de 1997.

José Antonio Sangil Noya

Delegado provincial da Coruña

7073