Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 177 Luns, 15 de setembro de 1997 Páx. 9.112

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 12 de setembro de 1997, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se delega o exercicio de determinadas competencias no xefe do Servicio Provincial de Deportes.

Polo Decreto 216/1997, do 30 de xullo, procedeuse á creación e regulación do funcionamento do Servicio de Resposta Inmediata (Seri) para determinados procedementos tramitados por instancia de parte ante a Administración autonómica de Galicia segundo os principios informadores ós que debe someterse a actuación administrativa para conseguir unha maior axilidade e eficacia no seu servicio ó cidadán.

O Decreto 239/1997, do 10 de setembro, sobre desconcentración e delegación de competencias en determinados procedementos para a implantación do Servicio de Resposta Inmediata, establece no seu artigo 1 a desconcentración nos delegados provinciais da Consellería da Presidencia e Administración Pública das competencias que, en relación cos procedementos para o rexistro de entidades deportivas e a modificación do rexistro de entidades e clubs ten atribuídas na actualidade a Secretaría Xeral para o Deporte.

Co fin de conseguir efectivamente esa desexada axilización na resolución destes procedementos é polo que procede, agora, delega-la referida competencia no xefe do Servicio Provincial de Deportes o que, sen dúbida, redundará nunha tamén maior eficacia.

Na súa virtude, facendo uso das atribucións que me confire o artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común,

DISPOÑO:

Primeiro.-Delegar no xefe do Servicio Provincial de Deportes da Coruña a competencia para entender e resolve-los seguintes procedementos tramitados por instancia de parte:

-Rexistro de entidades deportivas.

-Modificación do rexistro de entidades e clubs.

Segundo.-As resolucións administrativas que se adopten facendo uso da delegación contida na presente resolución, farán constar expresamente esta circunstancia e consideraranse dictadas pola autoridade que a conferiu.

Terceiro.-En calquera momento, o delegado provincial da Coruña da Consellería da Presidencia e Administración Pública poderá reclama-lo exercicio das competencias que son delegadas por esta resolución, de acordo co establecido no artigo 14 da citada lei.

A Coruña, 12 de setembro de 1997.

José Antonio Sangil Noya

Delegado provincial da Coruña

7071