Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 174 Mércores, 10 de setembro de 1997 Páx. 8.931

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 30 de xullo de 1997 pola que se convocan axudas para cursar estudios de formación profesional en ramas con escasa demanda por parte do alumnado durante o curso 1997/1998.

O Estatuto de Autonomía de Galicia, no seu artigo 31, asígnalle á Comunidade Autónoma a competencia plena na regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias e sen prexuízo do disposto no artigo 27 da Constitución e nas leis orgánicas que o desenvolven.

O Real decreto 1763/1982, do 24 de xullo, ó abeiro das normas constitucionais, estatutarias e legais correspondentes, traspásalle á Comunidade Autónoma funcións e servicios da Administración do Estado en materia de educación.

O Decreto 346/1996, do 13 de setembro, atribúelle á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional o establecemento das normas e orientacións precisas para a efectividade das ensinanzas de formación profesional.

A escasa participación da xuventude en certas profesións e especialidades das ensinanzas regradas de Formación Profesional fai que en moitos casos a demanda laboral de titulados de certas ramas non sexa atendida.

Co obxecto de corrixir esta desviación e propiciar que o alumnado coñeza e asuma as tendencias actuais do mundo laboral, convócanse axudas que estimulen a elección de opcións mediante as que poderán incorporarse con máis facilidade ó primeiro emprego. Por outro lado, trátase de propicia-la incor

poración da muller a sectores laborais con posibilidades de emprego inmediato.

Este propósito está en consonancia coas directrices emanadas do Plan para a Igualdade de Oportunidades das Mulleres Galegas e co Plan de Emprego Xuvenil da Xunta de Galicia.

Na súa virtude, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria,

DISPÓN:

Primeiro.

Convócanse axudas para alumnos e alumnas que desexen iniciar, durante o curso académico 1997/1998, estudios de formación profesional de primeiro e segundo grao, módulos profesionais nas profesións ou especialidades das ramas: agraria, construccións e obras e moda e confección, así como ciclos formativos das familias profesionais de actividades agrarias e de téxtil, confección e pel.

Segundo.

Serán condicións para solicitar estas axudas ó estudio as seguintes:

1. Estar matriculado por primeira vez no primeiro curso de FP1, primeiro curso de FP2, módulos profesionais ou ciclos formativos, en centros de formación profesional, públicos ou privados concertados desta Comunidade Autónoma e nas ramas ou familias profesionais indicadas no artigo primeiro.

2. Ter aprobadas tódalas materias cursadas no ano académico 1996/1997 ou, no seu defecto, do último curso realizado. Os alumnos procedentes da ESO deberán acreditar se foron propostos para a expedición do título de graduado en educación secundaria mediante certificación expedida polo centro; así como as excepcións resoltas pola Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Centros segundo o que se establece na Orde do 7 de setembro de 1994 (BOE do 17 de agosto).

3. Para estes efectos, non se terán en conta as probas de acceso ós ciclos formativos de grao medio ou superior.

Terceiro.

As axudas serán concedidas con cargo ó concepto orzamentario 07.04.322S.481.00 da Dirección Xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional, por un importe máximo de 14.000.000 de ptas. Deste importe, un 70% destinarase para iniciar estudios de formación profesional de primeiro grao e o 30% restante para inicia-los estudios de formación profesional de segundo grao. Para estes efectos, as axudas solicitadas para cursar módulos profesionais de nivel 2 e ciclos formativos de grao medio serán computadas dentro das destinadas para iniciar estudios de FP1 e as solicitadas para cursa-los ciclos formativos de grao superior serán computadas dentro das destinadas para iniciar estudios de FP2.

Se unha vez concedidas tódalas axudas solicitadas nun dos niveis de estudios citados quedase crédito,

o saldo resultante destinarase á adxudicación de axudas noutro nivel.

O número de axudas concedidas virá condicionado, en cada caso, polo importe destas e a dispoñibilidade orzamentaria, non sendo renovables nos cursos sucesivos para o mesmo curso que xa se disfrutara.

Cuarto.

A contía das axudas concedidas será única para tódolos niveis, e ascenderá a 60.000 ptas. por alumno e por curso académico.

Quinto.

Para ter dereito á axuda será condición indispensable estar matriculado nun centro de formación profesional dependente da Comunidade Autónoma.

Sexto.

No suposto de que houbese máis peticionarios con dereito a axuda que crédito dispoñible, farase unha selección de aspirantes en función da puntuación total acadada ó aplica-los baremos dos apartados oitavo e noveno desta orde. A dita puntuación será a suma das obtidas por renda familiar per capita e por rendemento académico. No caso de igualdade de puntuación total considerarase preferente a condición de ser muller.

Sétimo.

A renda familiar per capita calcularase dividindo o rendemento neto da unidade familiar declarado no imposto sobre a renda das persoas físicas no ano 1995 (ingresos menos gastos) polo número de membros da unidade familiar que figuren con dereito a deducción na propia declaración.

No suposto de que os cónxuxes fixesen a declaración da renda individualmente, o rendemento neto da unidade familiar obterase sumando o rendemento neto resultante en cada unha delas.

Oitavo.

A puntuación que se lles adxudicará ós solicitantes por renda familiar per capita será a seguinte:

Ata 600.000 pesetas: 10 puntos.

De 600.001 a 850.000 pesetas: 8 puntos.

De 850.001 a 1.100.000 de pesetas: 6 puntos.

De 1.100.001 a 1.500.000 pesetas: 4 puntos.

De 1.500.001 a 2.000.000 de pesetas: 2 puntos.

Máis de 2.000.000 de pesetas: 0 puntos.

Noveno.

A puntuación por rendemento académico será a media resultante de aplica-los seguintes valores ás cualificacións do último curso:

Sobresaliente: 10 puntos.

Notable: 8 puntos.

Ben: 6 puntos.

Suficiente: 5 puntos.

Décimo.

1. As solicitudes de axuda ó estudio presentaranse entre o 1 de setembro e o 15 de outubro de 1997, segundo modelo que se recolle no anexo I desta orde, ó que se xuntará:

-Fotocopia cotexada da declaración da renda do ano 1995.

-Certificación académica dos estudios realizados no curso 1996/1997 ou, no seu defecto, do último curso realizado.

-Certificación de empadroamento no concello de residencia do solicitante.

Os solicitantes con pais que non estean obrigados a efectuar declaración por teren ingresos inferiores ó mínimo exento, presentarán na secretaría do centro unha certificación da Delegación de Facenda conforme non teñen a obriga de realizala.

2. As devanditas solicitudes presentaranse no centro onde os solicitantes vaian cursa-los estudios.

3. As secretarías deses centros remitiranlle á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional, rúa San Lázaro 107, 15771 Santiago de Compostela, dentro dos 5 días naturais seguintes ós do remate do prazo, as solicitudes de axudas, ás que achegarán certificación de que o alumno quedou matriculado no curso para o que solicita axuda e de que os datos académicos e administrativos son certos.

Décimo primeiro.

A selección das peticións levarase a efecto por unha comisión integrada por:

-O director xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional.

-O subdirector xeral de Formación Profesional e de Educación de Adultos, que substituirá o director xeral en caso de ausencia.

-O xefe de Servicio de Educación de Adultos e Xestión Económica.

-Un membro dos servicios de Inspección designado polo inspector xefe.

-Un director dun centro de formación profesional, designado pola Dirección Xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional.

-Un funcionario da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, que actuará como secretario con voz e sen voto.

Os membros da comisión poderán percibir asistencias, axudas para gastos e locomoción por concorrer ás sesións, conforme o Decreto 299/1990, do 24 de maio (DOG do 1 xuño).

Décimo segundo.

A comisión, vistas as solicitudes presentadas e o crédito dispoñible, fará a correspondente proposta de adxudicación de axudas á Dirección Xeral de

Ordenación Educativa e de Formación Profesional, que dictará a oportuna resolución.

Décimo terceiro.

A Dirección Xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional, antes do 5 de novembro, comunicaralles ós interesados a concesión ou denegación da axuda, abríndose un prazo de reclamación de 10 días naturais. As reclamacións serán resoltas no prazo dun mes pola Dirección Xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional.

Décimo cuarto.

Resoltas as reclamacións formuladas, as adxudicacións terán carácter definitivo. Contra esta resolución cabe o recurso ordinario previsto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e o procedemento administrativo común, perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria.

Décimo quinto.

As solicitudes entenderanse desestimadas de non dictarse resolución expresa no prazo de tres meses desde o remate do prazo da súa presentación.

Décimo sexto.

As axudas efectuaranse nun só pagamento, a través de conta ou libreta de aforro abertas a nome dos beneficiarios ou da persoa que desempeñe a súa representación legal.

O pagamento da axuda require a aceptación previa por parte do beneficiario e o compromiso de que seguirá as avaliacións continuas durante o curso 1997/1998. No caso de non ser así, decaerá no seu dereito á axuda debendo reintegra-lo importe recibido.

Décimo sétimo.

O desfrute destas axudas é compatible con outras de carácter xeral por conta de fondos públicos.

Décimo oitavo.

A falsidade dos datos ou falsificación de documentos que se presenten, calquera que sexa o momento en que se demostre a inexactitude, terá como consecuencia a perda de tódolos dereitos do solicitante e, en consecuencia, a devolución total da cantidade percibida, sen prexuízo doutras responsabilidades ás que houbese lugar, logo da apertura do correspondente expediente.

Décimo noveno.

Autorízase a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional para desenvolve-lo disposto nesta orde, que entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de xullo 1997.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

Sr. director xeral de Ensinanzas profesionais

e Formación de Adultos

5527