Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 174 Mércores, 10 de setembro de 1997 Páx. 8.928

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

RESOLUCIÓN do 28 de agosto de 1997 pola que se regula o réxime de prestación dos servicios de navegación interior na ría de Vigo.

Por Resolución do 31 de marzo de 1997, da Dirección Xeral de Mariña Mercante, regulouse o réxime de prestación dos transportes da Ría de Vigo (BOE do 19 de abril).

A dita resolución establecía uns requisitos mínimos para acceder á autorización preceptiva para transportar entre Vigo e Cangas e Moaña, así como para o transporte ás illas Cíes.

Establecía, igualmente, un réxime transitorio que remataba en decembro de 1998 para a adaptación dunha serie de requisitos como a antigüidade dos barcos.

Por último, condicionaba o transporte ás Cíes a ter prestado durante os 12 meses anteriores o da ría. Esta cláusula foi declarada non axustada a dereito polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que, sen embargo, decretou a suspensión da execución da súa sentencia por ser recorrida ante o Tribunal Supremo.

Analizando a Resolución do 31-3-1995 pódense identificar tres aspectos que informan a súa regulación:

a) A opción por un réxime de liberdade de empresa e apertura á competencia entre calquera empresa que acredite uns requisitos mínimos.

En coherencia con isto, unha renuncia ó intervencionismo na explotación. Ó non reservarse a Administración a titularidade do servicio devén imposible controlar, por exemplo, a evolución dos prezos do servicio.

b) Unha preocupación clara por conseguir uns estándares de calidade axeitados regulando de forma prolixa as características das naves e a forma de prestación do servicio.

c) O establecemento de cláusulas que modulan a prestación tales como a vinculación entre o transporte desde Cangas e Moaña así como condiciona-lo transporte das illas Cíes á prestación do servicio regular.

Mentres que a primeira representaría unha obriga de servicio público para garanti-lo transporte desde un porto con menos expectativas comerciais, a segunda ten a virtualidade de poder actuar como unha subvención cruzada que permita mante-la explotación das liñas base en mellores condicións para os usuarios (as apelacións a cuestións medioambientais foron rexeitadas de cheo polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia).

Pódese, por isto, concluír que a resolución de 1995 representa un esforzo positivo de garanti-lo mellor

servicio público nun campo como o da navegación interior que, en xeral, carece de regulacións tan pormenorizadas.

Sen embargo, a experiencia adquirida durante o período da súa vixencia leva á conclusión de que a realidade socioeconómica se disociou dos loables obxectivos perseguidos pola resolución como o demostran os seguintes feitos:

1) Desproporción manifesta entre a oferta esixida e a demanda real, moito menor.

2) Dificultades evidentes do prestatario para equilibra-los ingresos cos custos de explotación e cumprimento das obrigas fiscais e sociais.

Tanto este aspecto como o anterior deben presumiblemente exacerbarse en situacións de competencia entre dous ou máis operadores.

3) Conflictividade recorrente entre os usuarios do servicio e a empresa prestataria.

4) Incongruencia entre o réxime de liberdade de acceso ó servicio e as limitacións técnicas derivadas das capacidades mínimas e as expedicións obrigatorias que dificultan en extremo a posibilidade de entrada a novos operadores.

5) A probable inviabilidade de vincula-lo transporte ás Cíes nos termos plasmados na resolución de referencia.

Todas estas cuestións e, fundamentalmente, a consideración de que a cláusula que, precisamente, lle garante ó primeiro prestatario do servicio -Vapores de Pasaje, S.A.- unha restricción da competencia de terceiros operadores veu sendo incumprida pola mesma empresa desde hai anos (como acreditan as denuncias dos alcaldes de Cangas e Moaña que certifican que a referida empresa vén desde hai anos incumprindo as capacidades mínimas) esixen unha revisión da regulación vixente.

En efecto, o dito incumprimento, ademais de denunciado polos rexedores locais foi constatado en repetidas ocasións pola Inspección de Transportes desta dirección xeral.

As actas de inspección levantadas acreditan a comisión pola empresa Vapores de Pasaje dunha infracción grave de forma reiterada que levaría aparellada a imposición de sancións de entre 10 e 20 millóns de ptas. e anulación da autorización.

Non obstante, a dirección xeral considerou que estas infraccións traslucían a inadecuación da normativa reguladora á realidade polo que parecía máis procedente modifica-lo réxime xurídico do servicio e non tramita-los expedientes sancionadores por principio de economía procesual en tanto en canto a modificación da normativa con reducción dos estándares mínimos esixidos levaría aparellado deixar sen efecto as sancións por aplicación retroactiva de norma máis favorable.

A nova normativa tería por obxecto garantir:

-A transparencia e igualdade na libre competencia entre empresas.

-A adecuación da regulación á realidade socio-económica.

-A consecución duns servicios de transporte eficientes e que obteñan o óptimo social conxugando as calidades de naves e de explotación coa limitación de manter uns prezos razoables.

Todo sen prexuízo de que o réxime que se estableza estea sometido a certa provisionalidade, na medida na que se poida considerar procedente, a medio prazo, proceder á declaración do interese público do servicio (art. 7.4º Lei 27/1992 de portos e da mariña mercante) pola súa repercusión sobre a poboación ribeirá da ría.

A dita decisión implicaría a declaración de servicio público de titularidade da Xunta de Galicia e a súa explotación mediante un contrato de xestión de servicio público en réxime concesional.

Deste modo conciliaríanse dous intereses. Por unha parte, a libre competencia por canto a convocatoria aberta do concurso garantiría a igualdade de oportunidades dos empresarios; por outra parte o interese dos usuarios nunha dobre vertente: o mantemento de potestades de control e dirección máis amplas da Administración en virtude da relación de supremacía especial propia das concesións, así como as mellores condicións que se poden obter dun réxime de monopolio con concurso previo.

Na súa virtude, vistos os informes da Asesoría Xurídica da consellería, do 18 de agosto de 1997, e da Subdirección Xeral de Ordenación do Transporte, do 28 de agosto, esta dirección xeral,

RESOLVE:

Regula-lo réxime de prestación dos servicios de navegación interior na ría de Vigo conforme ós seguintes cláusulas:

Primeira.

A prestación dos servicios regulares de transporte marítimo dentro da ría de Vigo así como o tráfico de temporada entre calquera punto da referida ría e as illas Cíes estará suxeito a autorización administrativa.

A empresa ou empresas que pretendan ser autorizadas deberán solicitar unha autorización global e conxunta para os servicios regulares Vigo-Cangas e Vigo-Moaña, sen que poida ser autorizado separadamente un dos dous servicios citados.

Só se autorizarán navegacións de temporada entre a ría e as illas Cíes ás empresas que sexan prestatarias do servicio regular Vigo-Cangas e Vigo-Moaña.

A realización do transporte ás Cíes comprometerá a operadora a manter durante un mínimo de 12 meses o servicio regular, debendo para os ditos efectos constituír na Caixa Xeral de Depósitos de calquera das delegacións territoriais da Consellería de Economía e Facenda unha fianza ou aval bancario a favor da Dirección Xeral de Obras Públicas e Transportes por un importe de 20.000.000 de pesetas para

garanti-lo cumprimento das ditas obrigas. A Dirección Xeral de Obras Públicas e Transportes poderá eximir da obriga de afianzamento a aquelas empresas que prestasen o servicio regular Vigo-Cangas e Vigo-Moaña durante, polo menos, os 24 meses anteriores sen solución de continuidade. A Dirección Xeral de Obras Públicas e Transportes autorizará a cancelación da referida garantía, a petición do interesado cando, cumpríndose a obriga de presta-lo servicio de ría durante 12 meses, renuncie a continuar operando nos servicios regulados pola presente resolución.

A dita garantía será incautada en caso de non prestarse durante 12 meses na forma regulada na presente resolución o Servicio Vigo-Cangas e Vigo-Moaña, con independencia da sanción que por infracción grave tipificada no art. 115.3.N da Lei de portos e mariña mercante se impoña de conformidade co establecido no art. 120.2.C do mesmo corpo legal.

O referido incumprimento levará ademais aparellada a inhabilitación da empresa para realizar transportes na ría durante os 24 meses seguintes á data en que se abandonara o servicio.

A Dirección Xeral de Obras Públicas e Transportes, mediante resolución motivada, poderá facer extensiva a dita inhabilitación a outras empresas nas que se aprecie unha identidade significativa na propiedade das accións.

No caso de autorizarse varios prestatarios, as autorizacións de atraque nas illas Cíes repartiranse entre eles dentro do número máximo que a Consellería de Agricultura determine.

Cando as peticións excedan do dito máximo a dirección xeral poderá asignar cotas en función da estimación porcentual de usuarios do servicio regular de transporte prestados polos diferentes operadores.

Só se autorizarán servicios con destino nas illas Cíes desde outros puntos exteriores á ría de Vigo cando as peticións dos prestatarios do servicio regular da ría non cubrisen a cota máxima fixada pola Consellería de Agricultura e dentro da dita diferencia, por orde cronolóxica de peticións.

Segunda.-Procedemento.

As empresas interesadas na prestación dos servicios formularán solicitudes de outorgamento de autorizacións que se tramitarán seguindo as canles procedementais establecidas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, (BOE do 27) de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, en relación co Real decreto 1778/1994, do 5 de agosto, (BOE do 20) sobre normas reguladoras de procedementos de outorgamento, modificación e extinción de autorizacións.

A Dirección Xeral de Obras Públicas e Transportes, segundo o disposto no artigo 10 do Real decreto 720/1984, do 28 de marzo, (BOE do 13 de abril)

sobre ordenación do transporte marítimo regular, en relación co art. 2 da orde ministerial do 8 de xuño de 1984 (BOE do 15), pola que se ordena o transporte marítimo da ría de Vigo, outorgará ou denegará a autorización ou autorizacións solicitadas en virtude do cumprimento ou incumprimento, en cada caso, por parte da empresa ou empresas solicitantes do conxunto de condicións fixadas na presente resolución.

En todo caso, segundo o disposto no art. 3 do Real decreto 1778/1994, o prazo máximo para a resolución será de tres meses. A resolución deberá ser motivada e poñerá fin á vía administrativa.

A falta de resolución expresa considerarase desestimatoria da resolución, en virtude do previsto no artigo 4, 1º.a) do Real decreto 1778/1994, do 5 de agosto, en relación co punto F), 6) do seu anexo e tamén segundo o disposto no artigo 4 do Real decreto 1772/1994, do 5 agosto (BOE do 20) polo que se adecuan determinados procedementos administrativos en materia de transportes e estradas á Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Terceira.

Os peticionarios deberán acreditar coa súa solicitude que se encontran ó día nas súas obrigas fiscais e sociais, así como que non teñen débedas contraídas polos dereitos de atraque nos portos.

A autorización terá vixencia ata o 31 de decembro debéndose prorrogar por anos naturais, para tales efectos os titulares deberán solicitalo dentro do mes de novembro de cada ano, e xuntarán para o efecto toda a documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos esixidos para presta-lo servicio de transporte da ría.

A dita prórroga entenderase tacitamente concedida se a Dirección Xeral de Obras Públicas e Transportes, por resolución motivada, non considerase procedente denegala antes do 31 de decembro, con carácter particular por ter comprobado a perda das condicións esixidas orixinariamente para o seu outorgamento, pola comisión de infraccións graves ou moi graves ou polo non pagamento de sancións definitivas en vía administrativa cando as infraccións ou as sancións estivesen directamente relacionadas co servicio regulado na presente resolución. Igualmente por resolución da dirección xeral poderase, con carácter xeral, anula-las prórrogas das autorizacións outorgadas ó abeiro da presente resolución ou reduci-la súa duración cando se considere máis conveniente para o interese público somete-la prestación do servicio o réxime concesional.

Cuarta.-Incumprimento.

O incumprimento do disposto na presente resolución constitúe infracción administrativa no ámbito da mariña mercante, conforme o disposto na Lei 27/1992, do 24 de novembro, de portos do Estado e da mariña mercante e dará lugar á iniciación do

oportuno expediente sancionador, podendo levar consigo, ademais, a retirada da autorización como medida complementaria non sancionadora.

Quinta.-Requisitos das autorizacións.

a) Embarcacións. As embarcacións destinadas a prestar servicio marítimo regular na ría de Vigo deberán cumprir, nas datas nas que se formulen as solicitudes de tales servicios, as seguintes condicións:

-Non supera-los 13 anos de idade, desenvolver en condicións de boa mar, unha velocidade mínima de 12 nós e ter unha capacidade mínima de 100 pasaxeiros.

-Dispor para a situación da pasaxe de cámara/s pechadas e fixas que poidan albergar, polo menos, 2/3 da capacidade total da pasaxe da embarcación e que conten con: ventilación (10-15 renovacións hora); iluminación (100-150 lux); insonorización suficiente para que o nivel de ruídos non sexa superior a 85 decibelios; calefacción que alcance 18 graos de temperatura ambiente; zonas para fumadores e non fumadores; asento (45 cm de longo) para tódolos pasaxeiros.

-Dispor de dous aseos (donas e cabaleiros) con inodoro e lavabo, este último con auga doce; un portalón a cada banda para embarque/desembarque da pasaxe; bodega ou lugar de estiba de vultos ou mercadorías independente da cámara/s de pasaxe.

-Dispor de elementos contra incendios e seguridade previstos no Solas e normas complementarias para os da súa clase e, en todo caso, con radar e sonda.

b) Tripulación. A tripulación das embarcacións será a regulamentaria para o seu tipo e navegacións que se van realizar. O seu persoal competente será provisto polas empresas de vestiario e distintivo que lles permita, durante o tempo de servicio, ser identificados polos usuarios.

c) Horarios. As empresas prestatarias do servicio, deberán como mínimo garanti-los seguintes servicios:

-Servicio Vigo-Cangas:

* Saída Cangas:

1 saída ás 6 h.

1 saída cada media hora entre as 7 e as 9.30 h.

1 saída cada hora o resto do día ata as 21.30 inclusive.

* Saída Vigo:

1 saída cada media hora desde as 6.30 ata as 8.30 e unha saída cada hora desde as 9 ata a última saída das 22 h.

-Servicio Vigo-Moaña:

* Saída Moaña:

1 servicio cada hora desde as 6 ás 21 h.

* Saída Vigo:

1 servicio cada hora desde as 6.30 ata as 21.30.

A Dirección Xeral de Obras Públicas e Transportes poderá, en caso de coexistir dous ou máis prestatarios, asignar horarios de saídas co obxecto de garantir:

-Unha mellor atención ó público mediante a gradación das saídas.

-Incrementa-la seguridade nas manobras de atraque, embarque e desembarco da pasaxe.

A dirección xeral poderá incrementa-las capacidades mínimas esixidas e as frecuencias dos servicios ben autorizando as solicitudes dos prestatarios ou ben ordenándolle ó prestatario ou prestatarios dito incremento cando así o xustifiquen as necesidades dos usuarios e o volume da demanda transportada; para estes efectos será valorado pola Administración o equilibrio económico da explotación.

d) Oferta de prazas mínimas.

No servicio Cangas-Vigo as empresas autorizadas ofrecerán 150 prazas para cada saída excepto as realizadas entre as 7 h e as 9 h de luns a venres laborables ámbalas horas incluídas, no que se deberá ofertar no peirao un mínimo de 300 prazas para cada saída.

No servicio Vigo-Cangas deberán ofertarse para tódolos horarios de días laborais un mínimo de 150 prazas.

No servicio Moaña-Vigo as empresas autorizadas ofertarán, para tódolos días e horarios, 100 prazas para cada saída, coa excepción dos servicios entre as 8 e as 10 horas ambas inclusive, que se presten de luns a venres laborables. Nos ditos servicios, ofreceranse como mínimo 150 prazas para cada saída.

No servicio Vigo-Moaña para tódolos días e horarios as empresas autorizadas ofrecerán, como mínimo, 100 prazas para cada servicio.

A oferta de prazas sinalada para tódolos servicios poderá ser atendida por unha ou varias embarcacións.

Sexta.

Toda modificación polo titular da autorización dalgún dos seus termos por causa debidamente xustificada deberá contar coa autorización previa da Dirección Xeral de Obras Públicas e Transportes.

Sétima.

Os actuais prestatarios do servicio de transporte da ría, en virtude das autorizacións outorgadas ó abeiro da Resolución do 31 de marzo de 1995, disporán dun prazo de dous meses, contados a partir da publicación da presente resolución, para proceder ó troco das súas autorizacións polas novas. Para os ditos efectos deberán acredita-la concorrencia dos requisitos esixidos para o outorgamento ou renovación das autorizacións.

Durante o referido prazo as autorizacións outorgadas durante o réxime xurídico anterior manterán a súa validez quedando automaticamente extinguidas, sen necesidade de resolución expresa, ó remata-los dous meses.

Sen prexuízo do establecido no parágrafo anterior, as novas autorizacións concedidas ás empresas prestatarias do servicio por substitución das que anteriormente tiñan manterán o período transitario que nas cláusulas sexta e sétima da Resolución do 31-3-1995 se establecía.

Oitava.

A presente resolución, que entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, derroga a do 31 de marzo de 1995.

Santiago de Compostela, 28 de agosto de 1997.

Emilio García Gallego

Director xeral de Obras Publicas e Transportes

6826