Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 174 Mércores, 10 de setembro de 1997 Páx. 8.921

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 1 de setembro de 1997 pola que se anuncian subvencións en materia de tecnificación de empresas e creación de novos productos turísticos.

A mellora da competitividade da empresa turística galega, fundamentalmente nos aspectos de creación de novos productos turísticos que complementen a oferta turística tradicional, dentro do Plan Marco de Competitividade do Turismo Español (Plan Futures 1996-1999), conduce a arbitrar liñas de axudas para incentiva-las actuacións dos axentes que actúan no sector turístico.

En virtude do anexo I do Real decreto 2346/1996, do 8 de novembro, polo que se establece un réxime de axudas e se regulamenta o seu sistema de xestión, en aplicación do Plan Marco de Competitividade do Turismo Español 1996-1999 (BOE Núm. 283 do 23-11), e seguindo os criterios básicos sobre o réxime de incentivos ó investimento productivo en Galicia sinalados no Decreto 309/1995, do 23 de novembro, sobre incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial da Comunidade Autónoma de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo 1º.- Destinatarios.

1.- Con carácter xeral poderán ser beneficiarios de subvención, consonte o sinalado nesta orde, as pequeñas e medianas empresas turísticas de Galicia, así como as de nova creación, as agrupacións destas, e as persoas físicas e institucións que realicen unha actividade que se encadre nos ámbitos de actuación a que se refire o obxecto da subvención.

Considérase pequena e mediana empresa, consonte coa definición da Unión Europea, a que cumpre os requisitos seguintes

1º.-Non supera-los 250 empregados e

* Ou ben contar cun volume de negocio que non supere os 6.240.000.000 pesetas,

* Ou ben que o seu activo en balance non supere os 4.212.000.000 pesetas.

2º.- Non estar participada en contía superior ó 25% por outras grandes empresas, coa excepción de corporacións públicas de investimento, sociedades de capital risco ou, no caso de que non se exerza control, investidores institucionais.

2.- Tamén poderán ser beneficiarios das axudas regulamentadas nesta orde as empresas que no reúnan as características sinaladas no número anterior, se ben a contía máxima de subvención será a prevista no apartado segundo do artigo 4º.

3.- En todo caso, os destinatarios da subvención teñen que estar inscritos no REAT con anterioridade á data de remate de presentación de solicitudes de subvención ó abeiro desta orde. No caso de agrupación de empresas a inscrición debe ser de cada unha das entidades que formen a agrupación. Quedan exentos de cumprir este requisito os solicitantes que propoñan un investimento que supoña a creación dunha empresa, así como as institucións de carácter público.

Artigo 2º.- Determinacións orzamentarias.

A Secretaría Xeral para o Turismo da Xunta de Galicia concederá as ditas subvencións con cargo ás aplicacións orzamentarias 04.05.651A.743.0, 04.05.651A.774.0 e 04.05.651A.781.0 dos seus créditos orzamentarios para 1997. As ditas concesións estarán limitadas polos créditos dispoñibles para este fin e así mesmo, cando as subvencións concedidas teñan carácter plurianual, rexerá o que dispón o artigo 40.2.B).2.e) da Lei de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para 1997, para os efectos do pagamento correspondente á anualidade do exercicio de 1997, e se é o caso, á de 1998.

Artigo 3º.-Obxecto da axuda.

Poderán ser obxecto de subvención, de acordo co establecido nesta orde, os investimentos que se engloben nalgúns dos seguintes plans e programas do Plan Marco de Competitividade do Turismo Español (Plan Futures 1996-1999)

A.- Plan de tecnificación e innovación. Futures innovación

Neste programa serán subvencionables os proxectos de tecnificación de empresas que acheguen solucións novidosas dentro das tecnoloxías da información ou da inxeniería e melloras importantes na xestión interna ou externa empresarial.

Considéranse incluídos neste apartado, segundo orde de prioridade, as seguintes actuacións:

1º.- Os proxectos de deseño e implantación de innovacións tecnolóxicas na empresa en aspectos tales como:

* Os relativos á seguridade, conservación de recursos productivos, sistemas de loxística e eficiencia nos aprovisionamentos, sistema de comercialización conxunta, sistemas de adaptación ós requirimentos de grupos sociais con disfuncionalidades, etc.

2º.- O deseño e implantación de innovacións tecnolóxicas en aspectos medioambientais (aforro

enerxético, xestión da auga, recuperación medioambiental, depuración de residuos, etc.).

3º.- O deseño e aplicación de novas tecnoloxías para a configuración de ferramentas de formación turística que contribúan a mellora-la calidade da docencia e o perfeccionamento da cualificación dos profesionais do sector.

4º.- Calquera outra actuación que responda a finalidade deste programa.

B.- Plan de novos productos. Futures novos productos.

Neste programa serán subvencionables os proxectos dirixidos ó deseño, posta en marcha, xestión e marketing, de oferta turística singular que supoña, ben eleva-la adecuación de productos turísticos tradicionais ás tendencias da demanda, promovendo a aparición de oferta complementaria, a segmentación da oferta e o desenvolvemento de productos específicos; ben apoiar novos productos turísticos, como o turismo de saúde, deportivo e de aventura, ecoturismo e agroturismo, turismo cultural, de congresos, etc...

Considéranse incluídos neste apartado, segundo orde de prioridade, as seguintes actuacións:

1º.-Os proxectos de investimento en melloras, adaptación dos equipamentos existentes e creación de novos establecementos.

2º.-A adecuación do contorno e as actuacións de recuperación medioambiental.

3º.-A recuperación dos elementos de arquitectura, a cultura e a sociedade tradicional.

4º.-A cooperación empresarial e o establecemento de órganos de coordinación e xestión.

5º.-A elaboración de estratexias de comercialización e promoción e as correspondentes actuacións para a súa posta en marcha.

6º.-Calquera outra actuación que responda á finalidade deste programa.

Artigo 4º.-Contía máxima das subvencións.

1.-A contía das subvencións someterase ós seguintes límites:

* Non será superior ó 7,5% do investimento, máis 468.000 pesetas por novo posto de traballo creado.

* En todo caso, non se poderá supera-la cantidade de 31.200.000 pesetas.

2.-A contía da subvención será dun importe máximo total de 15.200.000 pesetas durante un período de tres anos a partir da concesión da primeira axuda, cando o beneficiario non poida ser considerado pequena ou mediana empresa (consonte coa definición que dela se fai no artigo 1º.1.1), de acordo co sinalado no artigo 1º.2.1.

Artigo 5º.-Solicitudes e documentación.

1.-As solicitudes, dirixidas ó secretario xeral para o Turismo e maila documentación que a seguir se especifica, presentaranse, por duplicado, no Servicio

Provincial de Turismo correspondente á localización do investimento, en calquera das formas previstas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo dun mes, desde a publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia: a) Solicitude segundo o modelo do anexo I e II.

b) Fotocopia compulsada do DNI e do NIF do solicitante ou do CIF cando corresponda.

c) Se fose o caso, e tendo en conta a natureza do investimento, informe urbanístico emitido polo concello sobre as condicións que debe cumpri-la execución do proxecto para que este sexa conforme coa legalidade urbanística vixente.

d) Certificación bancaria da conta onde se aboará a subvención, se é o caso.

e) Memoria descritiva da actuación acreditativa dos rasgos que a fagan coincidir coas actuacións consideradas típicas da convocatoria e coas prioridades establecidas e onde tamén se fagan constar, seguindo os criterios de valoración sinalados no artigo 5.1 da presente orde, os obxectivos que se queren acadar, os destinatarios, a localización do investimento, a protección do medio ambiente, a mellora da oferta, etc. Á dita memoria xuntaráselle o orzamento das actuacións presentadas ó concurso de subvencións.

f) No caso de que o investimento comporte a execución dunha obra e/ou instalación polo solicitante deberase achegar proxecto técnico do profesional correspondente formado pola memoria, os orzamentos e os planos.

g) Para os proxectos promovidos por persoas xurídicas, achegarase copia autenticada dos seus estatutos, nos que se indicará, con dilixencia do seu secretario, que estes son os vixentes. Cando o promotor do proxecto sexa unha comunidade de bens, unha sociedade civil ou unha agrupación de empresas ou entidades deberá presentarse o orixinal ou copia autenticada do documento privado de constitución da entidade; o orixinal ou copia autenticada das tarxetas de identificación fiscal de cada un dos seus compoñentes e a designación dun destes compoñentes da entidade como representante desta, tanto para presenta-la solicitude de subvención como para proceder ó hipotético cobramento. Esta designación efectuarase por escrito e de común acordo entre os membros da entidade, mediante declaración, en comparecencia persoal ou, no seu defecto, en escritura notarial.

h) No caso de que o investimento proxectado supoña a creación dunha empresa será preciso achegar declaración xurada do promotor ou do representante legal de que a nova empresa vai axustarse a tódalas condicións que se sinalan para os destinatarios.

i) Declaración xurada dos novos postos de traballo que se van crear co investimento proxectado.

k) Declaración xurada das subvencións solicitadas ou percibidas para o proxecto que se solicita subvención.

l) Se é o caso, documentación acreditativa de que a empresa cumpre os requisitos para ser considerada pequena ou mediana empresa (artigo 1º.1.1 da orde)

2.- Os interesados emendarán, por requirimento do correspondente Servicio Provincial de Turismo, os defectos dos expedientes de solicitudes de subvención que o precisen, segundo o sinalado no artigo 71.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, procedéndose ó arquivo, sen máis trámite, daqueles que non se cubrisen en tempo e forma.

3.- As compulsas que procedan para toda a documentación que se especifica nesta orde faranse nos correspondentes servicios centrais ou provinciais de Turismo.

Artigo 6º.- Selección das solicitudes e resolución.

Ás solicitudes achegaráselle informe dos respectivos xefes dos servicios provincias de turismo no que se indique se o expediente de solicitude cumpre os requisitos determinados na convocatoria e se o proxecto presentado se adapta á normativa turística vixente.

As solicitudes, logo de emitido o anterior informe, serán estudiadas por unha Comisión de Valoración e Selección constituída polo titular da Subdirección Xeral de Xestión do Turismo, ou funcionario en quen delegue, que a presidirá actuando como vocais os xefes de servicio de fomento e promoción e de ordenación do turismo da Secretaría Xeral para o Turismo e os xefes do servicios provinciais de Turismo. Exercerá as funcións de secretario o antedito xefe do servicio de fomento e promoción.

1.- Para a valoración das solicitudes teranse en conta os seguintes criterios

* O tipo de investimento en función das prioridades establecidas no artigo 3 da presente orde.

* O número de postos de traballo que se van crear co investimento proxectado.

* A localización do investimento atendendo á súa demanda turística.

* A mellora que para a oferta turística galega signifique o proxecto presentado.

* A protección que a realización do proxecto poida significar para o medio ambiente natural.

* O obxectivo de aumenta-la demanda na temporada baixa.

* A promoción e potenciación de turismos alternativos.

* A procura de apertura de novos mercados.

2.- O secretario xeral para o Turismo, á vista dos informes emitidos polos servicios provinciais, da

análise feita e cualificación dada ás solicitudes pola Comisión de Valoración e Selección de proxectos e a proposta que por esta sexa formulada, dictará as resolucións de concesión, ou se é o caso, de denegación da subvención. A resolución de concesión determinará o importe da subvención concedida, con cargo ás disposicións orzamentarias da Comunidade Autónoma de Galicia para 1997, 1998 e 1999.

3.- De conformidade co establecido no Decreto 264/1994, do 29 de xullo, entenderanse desestimadas as solicitudes sobre as que non recaese resolución expresa no prazo de seis meses contados desde a data do Rexistro de Entrada da solicitude.

Artigo 7º.- Aceptación e renuncia da subvención.

1.- Unha vez recibidas as notificacións de concesión de subvención polos beneficiarios, estes, no prazo de quince días naturais, comunicaranlle á Secretaría Xeral para o Turismo a aceptación ou renuncia a elas. Se o beneficiario comunicase a aceptación deberase achegar esta no modelo sinalado no anexo III da presente orde. Se transcorridos os sinalados quince días no se fixese manifestación en ningún sentido, tal feito entenderase como renuncia á subvención e procederase, sen máis trámite, ó arquivo do expediente.

2.- No prazo dun mes, contado desde a presentación da aceptación da subvención, os beneficiarios remitiranlle á Secretaría Xeral para o Turismo

a) Licencia urbanística de obras, se fose precisa en función do investimento proxectado, expedida polo concello, que posibilite a execución do investimento obxecto de subvención.

b) No caso de creación de empresa, a documentación acreditativa desta creación.

Excepcionalmente, e por razóns non imputables ó interesado, poderase apraza-la presentación destes documentos.

c) Programa de realización do investimento que determinará a previsión anual da súa execución en función do determinado na resolución de concesión.

d) No caso de que o investimento comporte a execución dunha obra, o solicitante deberá achegar acreditación da propiedade do predio onde se van face-las obras ou instalacións, ou ben a autorización do propietario e copia do contrato de alugueiro.

Se transcurrido o dito prazo non se cumprise algunha das condicións anteriores, procederase, sen máis trámite, ó arquivo do expediente, salvo que se concedese aprazamento para os casos sinalados nos apartados a) e b) deste parágrafo.

3.-Se por calquera motivo, e durante o exercicio económico, houbese máis crédito orzamentario para a concesión de subvencións obxecto desta orde, o secretario xeral para o Turismo, vista a proposta que se lle formule pola comisión de selección de proxectos, poderá concederlles subvencións ós expedientes que non a recibisen e teñan cualificación

abondo, segundo os acordos das correspondentes comisións de valoración.

Artigo 8º.- Xustificación e pagamento das subvencións.

1.-Os beneficiarios de subvencións concedidas en virtude da presente orde e cando o seu importe se atribuíu en dúas ou máis anualidades terán como data límite, para a presentación de xustificación do investimento executado, que se deberá realizar de conformidade co programa de realización del, as seguintes:

Fase de 1997: 15 de decembro de 1997.

Fase de 1998: 30 de xuño de 1998, se o importe da subvención se imputou a dúas anualidades. No caso de terse imputado a tres, 15 de novembro de 1998.

Fase de 1999: 30 de xuño de 1999.

Se a subvención se imputou só ó exercicio de 1997, a data límite de presentación será o 15 de decembro de 1997.

En todo caso, os beneficiarios de subvencións, unha vez executado o investimento, deberán xustificalo o antes posible e nunca con posterioridade ás datas indicadas, datas que son límite de presentación da xustificación.

2.- O proxecto xustificado deberá coincidir coa resolución de concesión da subvención ou coas modificacións autorizadas. Se o investimento xustificado fose menor, e sempre mantendo os fins para os que se concedeu a subvención, esta reducirase proporcionalmente ó investimento non xustificado.

3.- Para percibi-la subvención os beneficiarios remitiranlle ó Servicio Provincial de Turismo correspondente, por triplicado exemplar, a seguinte documentación

3.1 Solicitude de cobramento segundo o modelo do anexo IV.

3.2 Facturas e certificación por conceptos, asinada polo técnico director e visada polo correspondente colexio oficial, relativa á obra ou instalación executada coa súa valoración e, no caso de obra rematada, tamén se achegará certificado de remate do investimento, visado polo colexio oficial, no caso de que o investimento subvencionable se referise á realización das obras e/ou instalacións.

Cando o investimento subvencionable non se referise á execución dunha obra e/ou instalación deberase remitir, ou ben a documentación que se sinala no parágrafo anterior ou, no seu defecto, facturas orixinais, ou copia compulsada delas, relativas ó investimento executado.

En calquera dos casos, nas facturas o interesado deberá especificar a que concepto do investimento

que serviu de base á concesión de subvención corresponde cada unha delas.

3.3. Certificados de estar ó día nas súas obrigas tributarias coas facendas do Estado e da Comunidade Autónoma e nas obrigas coa Seguridade Social así como de estar ó corrente no imposto sobre actividades económicas.

3.4. Licencia urbanística de obras e documentación acreditativa de creación de empresa, no caso de que non se achegase con anterioridade por causas excepcionalmente autorizadas.

Por outra banda, no caso de ser beneficiario dunha subvención plurianual e cando se solicite o pagamento da anualidade de 1997 ou, se é o caso, de 1998, ademais da documentación indicada no apartado 3 do presente artigo, tamén se debría remiti-la documentación á que se fai referencia no artigo 40.2.B).2 da Lei de presupostos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1997.

4.-Para o non previsto anteriormente, haberá que aterse o disposto nesta materia nos artigos 78 e 79 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia.

Disposición adicional

No caso de concesión de subvención trala resolución dun recurso administrativo, as datas para a presentación da documentación a que fai referencia o artigo 7.2º desta orde, así como os prazos establecidos no artigo 8º.1 terase que determinar no acto que resolva o dito recurso. As ditas datas e prazos non podrán ser, en ningún caso, posteriores ó 30 de xuño de 1999. Será tamén de aplicación o disposto neste parágrafo cando se concedese unha subvención consonte o sinalado no artigo 7.3º desta orde.

Disposicións derradeiras

1.-As unidades administrativas que actúen en calquera das fases do procedemento determinado na presente orde, poderán solicitar ó administrado a documentación que consideren precisa para un mellor estudio do expediente.

2.-En todo o non recollido na presente orde observarase o disposto, para esta materia, na Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia e na Lei 11/1996, do 30 de decembro, de presupostos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1997.

3.-Facúltase o secretario xeral para o Turismo para dicta-las resolucións oportunas para o desenvolvemento e interpretación desta orde.

Santiago de Compostela, 1 de setembro de 1997.

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

6900