Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 172 Luns, 08 de setembro de 1997 Páx. 8.783

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

ORDE do 29 de agosto de 1997 pola que se regula o exercicio do dereito ó voto dos traballadores por conta allea de cara ás eleccións ó Parlamento de Galicia, convocadas para o día 19 de outubro de 1997 polo Decreto 225/1997, do 25 de agosto de 1997.

Convocadas eleccións ó Parlamento de Galicia polo Decreto 225/1997, do 25 de agosto, da Presidencia da Xunta de Galicia, e de conformidade co establecido no artigo 14 do Real decreto 421/1991, do 5 de abril, modificado polo Real decreto 563/1993, do 16 de abril, polo que se dictan normas reguladoras dos procesos electorais, cómpre ó abeiro do artigo 37.3 d) do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido do Estatuto dos traballadores, modificado polo Real decreto-lei 8/1997, do 16 de maio, de medidas urxentes para a mellora do mercado de traballo e o fomento da contratación indefinida, e a pesar de que as eleccións se celebren en domingo, regula-las diversas situacións que poidan presentarse para o exercicio do voto daqueles traballadores que non desfrutan do seu descanso semanal, así como das persoas que interveñen dentro do proceso electoral. Para este fin, e logo de acordo co delegado do Goberno en Galicia,

DISPOÑO:

Artigo 1º

As presentes normas seranlles de aplicación a aqueles traballadores por conta allea que teñan a condición de electores, ou concorra neles a condición de membros de mesas electorais, interventores ou apoderados nas eleccións do día 19 de outubro de 1997, e non desfruten o devandito día do descanso

semanal previsto no artigo 37.lº do citado Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido do Estatuto dos traballadores.

Artigo 2º

Para que os traballadores por conta allea poidan participar nas eleccións autonómicas que se levarán a cabo o día 19 de outubro de 1997, no suposto de que non desfruten en tal data de descanso semanal, gozarán do permiso retribuído correspondente consonte as seguintes prescricións:

a) Os traballadores por conta allea, cun horario de traballo que non coincida co de apertura das mesas electorais ou o faga por un período inferior ás dúas horas, non terán dereito a permiso retribuído.

b) Os traballadores por conta allea, cun horario de traballo que coincida en dúas ou máis horas e menos de catro co horario de apertura das mesas electorais, desfrutarán dun permiso retribuído de dúas horas.

c) Os traballadores por conta allea, cun horario de traballo que coincida en catro ou máis horas e menos de seis co horario de apertura das mesas electorais, desfrutarán dun permiso retribuído de tres horas.

d) Os traballadores por conta allea, cun horario de traballo que coincida en seis ou máis horas co horario de apertura das mesas electorais, desfrutarán dun permiso retribuído de catro horas.

Cando o traballo se preste en xornada reducida efectuarase a correspondente reducción proporcional do permiso.

Correspóndelle ó empresario a distribución, consonte a organización do traballo, do período en que os traballadores dispoñan de permiso para acudiren a votar.

Artigo 3º

No suposto de traballadores por conta allea que teñan previsto que na data da votación non se atopasen na localidade onde lles corresponde exerce-lo seu dereito ó voto, ou que non poidan comparecer, disporán, no seu horario laboral, de ata catro horas libres, de igual maneira có establecido no artigo anterior, para que poidan formular persoalmente a solicitude do certificado de inscrición no censo para efectua-lo voto por correo.

Artigo 4º

Os traballadores por conta allea nomeados presidente ou vocal das mesas electorais, e os que acrediten a súa condición de interventores, disporán durante o día da votación dun permiso retribuído de xornada completa, se non desfrutan en tal data de descanso semanal, e terán dereito a unha reducción da súa xornada de traballo de cinco horas o día inmediatamente posterior, segundo os artigos 28.1º e 78.4º da Lei orgánica do réxime electoral xeral.

Se algún dos traballadores ós que se refire o parágrafo anterior tivese que traballar na quenda de noite na data inmediatamente anterior ó día da votación, a empresa cambiaralle a quenda para que poida descansar esa noite.

Artigo 5º

Os traballadores por conta allea que acrediten a súa condición de apoderados de acordo co previsto no artigo 76.4º da Lei orgánica de réxime electoral xeral, teñen dereito a un permiso retribuído durante o día da votación, se non desfrutan en tal data do descanso semanal.

Artigo 6º

Os empresarios poderán solicitar dos traballadores que exerzan os dereitos regulados na presente orde a certificación de voto, ou, se é o caso, a acreditación da mesa electoral.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de agosto de l997.

Jesús C. Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais

5873