Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 169 Mércores, 03 de setembro de 1997 Páx. 8.614

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN LOCAL

CONCELLO DE SILLEDA

CONVOCATORIA para a provisión por concurso da contratación do xerente-xefe do Parque do Consorcio do Servicio de Contraincendios e Salvamento das Comarcas do Deza e Tabeirós-Terra de Montes, segundo as bases aprobadas por acordo do Consello de Dirección do Consorcio, da data 14 de xullo de 1997.

Primeira.-Convócase concurso para a provisión do posto de xerente-xefe do Parque do Consorcio do Servicio Contraincendios e Salvamento das Comarcas do Deza e Tabeirós-Terra de Montes, que será nomeado mediante acordo do Consello de Dirección.

Segunda.-Poderán formular solicitudes aqueles que cumpran os seguintes requisitos:

a) Se español, ter 18 anos cumpridos e non alcanza-lo límite de idade de xubilación previsto na lexislación aplicable.

b) Estar en posesión, como mínimo, do título de diplomado de escola universitaria, arquitecto técnico ou enxeñeiro técnico.

c) Non padecer enfermidade nin estar afectado por limitacións físicas ou psíquicas que sexan incompatibles co desempeño das funcións inherentes á praza.

Requisitos que deben reunirse o último día do prazo de presentación de instancias, agás o relacionado coa idade de xubilación, que se debe acreditar no momento de formaliza-lo contrato.

Terceira.-As solicitudes formularanse de acordo coas seguintes regras:

a) As instancias dirixiranse ó presidente do Consorcio do Servicio de Contraincendios e Salvamentos da Comarcas do Deza e Tabeirós-Terra de Montes, e deberán presentarse no rexistro xeral do Concello de Silleda (Pontevedra), rúa Gral. Franco, 55, 16540 Silleda (Pontevedra), ou a través dos medios previstos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, dentro do prazo de trinta (30) días naturais, contados a partir do seguinte a aquel no que apareza publicado anuncio do presente acordo no Boletín Oficial del Estado, facendo constar nela os datos persoais e o posto ó que opta.

b) Os interesados deben xuntar á instancia currículum vitae detallado, no que farán constar cantos méritos coiden oportunos e, en particular, o título ou títulos académicos que posúan e os postos de traballo desempañados con anterioridade, con especial referencia a aqueles de análogas ou similares características á praza obxecto da convocatoria; así como o nivel de coñecemento da lingua galega.

Así mesmo, deberán xuntar unha proposta do plan director ou programa de actuacións que se desenvolverán relativos á xestión do servicio correspondente ó posto obxecto da convocatoria, cunha extensión máxima de 20 folios tamaña DIN A4, mecanografados a dobre espacio por unha cara.

Os méritos alegados deberán ser xustificados documentalmente para ser tomados en consideración.

Cuarta.-O procedemento selectivo consistirá:

a) Valoración dos méritos alegados polos aspirantes, así como o plan ou programa de actuacións presentado, que realizará a Comisión de Valoración designada para o efecto. A puntuación global por este concepto será, como máximo, de 10 puntos, sendo preciso obter un mínimo de 5 puntos para superar esta proba.

b) Entrevista na que os aspirantes efectuarán unha defensa do plan ou programa de actuación presentado, por tempo non superior a quince minutos, sendo seguidamente interrogados polos membros da Comisión de Valoración sobre cantos aspectos entendan que precisan aclaración, tanto en canto ó plan ou programa de actuación como no relativo ós currículums ou méritos alegados e coñecementos da materia relativa ás funcións do posto que vai ser desempeñado polos aspirantes, cunha valoración máxima de 5 puntos, sendo preciso obter un mínimo de 2 puntos para superar esta proba.

Quinta.-A Comisión de Valoración estará composta polo Presidente do Consorcio (ou membro do Consello de Dirección en quen delegue), e actuarán como vocais os membros do Consello seguintes:

-Un representante da Xunta de Galicia.

-Un representante da Deputación Provincial de Pontevedra.

-Tres alcaldes dos concellos consorciados.

-Un técnico especializado na materia que será designado polo presidente do Consello.

-Secretario: o do Consorcio ou persoa designada polo presidente.

Os membros da referida comisión serán elixidos por resolución da Presidencia do Consorcio que, así mesmo, designará os correspondentes suplentes.

Sexta.-O presidente do Consorcio elevará proposta ó Consello da Dirección no sentido de formalizar co candidato que resulte elixido, contrato laboral de alta dirección, ó abeiro das previsións contidas no Real decreto 1382/1985, do 1 de agosto, e disposición adicional quinta do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido do Estatuto dos traballadores, o seu contido será o seguinte:

a) O contratado desenvolverá as atribucións establecidas no artigo 14 dos Estatutos do consorcio.

b) A retribución, que unicamente se efectuará en metálico, quedará establecida en catro millóns de pesetas brutas anuais, nas cales se comprenden tódolos conceptos retributivos da praza, incluídas as pagas extraordinarias regulamentarias.

Anualmente as ditas retribucións experimentarán un aumento porcentual igual á media que se determine para o conxunto das retribucións íntegras dos funcionarios da Administración da Comunidade Autónoma galega.

c) O contrato concertarase por tempo indefinido, cun período de proba de nove meses.

d) O contrato poderá extinguirse por vontade do Consorcio do Servicio de Contraincendios e Salvamento das Comarcas do Deza e Tabeirós-Terra de Montes, debendo mediar un aviso previo de tres meses. Neste caso o contratado terá dereito a unha indemnización equivalente a sete días do salario en metálico por ano de servicio, co límite de seis mensualidades.

O contrato poderá extinguirse por vontade do contratado, debendo mediar un aviso previo mínimo de seis meses.

Sétima.-No non previsto na convocatoria aplicarase o disposto na lexislación sobre función pública que resulte de aplicación.

Silleda, 24 de xullo de 1997.

Juan José Salgueiro Montouto

Presidente do Consorcio

6699